O Concello de Mos está a celebrar sesións deportivas en directo dirixidas aos usuarios do programa municipal Exercítate. As clases, impartidas polos monitores deportivos Lorena Lago e Paco Villanueva, que traballan conxuntamente dende unha aula da Axencia de Colocación, son todo todos os martes e xoves ás 10.00 horas, cunha duración de 45 minutos, a través da canle de YouTube do Concello. Posteriormente compártese a gravación da sesión tamén no Facebook do concello para quen queira realizar a clase noutro momento

Aínda que poden realizar a clase en directo todos os adultos maiores que desexen facelo, a iniciativa está organizada para ofrecerlle unha alternativa aos usuarios do programa Exercítate do Concello, que deixou de impartirse presencialmente por mor da crise sanitaria do Covid-19. Dende a administración local contactaron cos usuarios deste programa para ofrecerlles esta alternativa e 25 confirmaron a súa participación na primeira das sesións.

Cada unha delas consta dunha parte inicial de quecemento e outra central de potenciación de aspectos necesarios nesas idades como equilibrio, forza, mobilidade ou cardio.