A interacción coa natureza está a gañar forza nesta nova realidade de loita contra o Covid-19. Ante a imposibilidade e as restricións establecidas para o desenvolvemento de actividades que supoñen, sobre todo, aglomeracións ou simplemente xuntanzas de un número importante de persoas, e máis en lugares delimitados e/ou pechados, a oferta de desfrute da contorna natural da nosa terra revalorízase. En todos os concellos da bisbarra existen rutas ou sendeiros que nos levan por ribeiras de ríos e montes, que á vez de patrimonio natural traen consigo tamén o descubrimento doutros bens materiais e inmateriais xerándose así un vínculo intenso entre natureza e cultura.

Concellos como o de Nigrán ou O Rosal informaron nos últimos días da organización de visitas guiadas polas diferentes sendas que transcorren polo municipio. E noutros están a levar a cabo labores de acondicionamento e melloras para ter a punto estas rutas transitadas tanto por veciños como por visitantes.

Nigrán

O Concello de Nigrán renovou a sinalización de toda a rede de sendeiros forestais de cara a multiplicar este verán a oferta de roteiros guiados e descentralizar o turismo exclusivo de praia. Son un total de oito rutas que suman 51,5 quilómetros e percorren as sete parroquias do municipio. Son o sendeiro litoral que se inicia na Ramallosa e remata en Monteferro; o sendeiro circular das Medoñas (único con dificultade alta) que discorre por Priegue; o sendeiro do Camiño Portugués pola Costa desde A Ramallosa a Saiáns; o sendeiro circular de Camos desde a Capela de San Roque; o sendeiro circular do Castro por Chandebrito; o sendeiro circular dos Matos entre Camos e Chandebrito; o sendeiro circular dos Mouros por Parada e o sendeiro circular polo río Muíños na contorna de Praia América e Porto do Molle.

A cooperativa Árbore Arqueoloxía e Restauración ofrece dende esta semana un total de 22 visitas guiadas por estas oito rutas durante este mes de xullo e agosto, que rematan con cadansúa actividade didáctica vinculada á historia desa contorna.

Tratáse esta dunha das grandes apostas na oferta cultural de verán. Baixo o lema 'Nigrán, equilibrio natural', o Concello pretende un ano máis dar cabida a todo tipo de públicos ao tempo que pon en valor o interior do municipio, "máis descoñecido pero con grandes atractivos e ideais para fuxir de concentracións de xente". Realizaranse un mínimo de dúas rutas semanais e para participar as persoas interesadas deben inscribirse previamente enviando un correo electrónico ao enderezo turismo@nigran.org. Para este mes de xullo están programados roteiros os días 2, 4, 10,16, 18, 23, 28 e 30, todo eles con saída ás 10 da mañá.

O Rosal

Un verán desfrutando da natureza e coñecendo un pouco máis do patrimonio cultural do municipio. Esa é a proposta do Concello do Rosal, que durante os meses de xullo e agosto pon en marcha rutas guiadas polos Muíños do Folón e do Picón e pola senda dos Pescadores. Trátanse de rutas homologadas para grupos reducidos, de máximo 10 persoas, nas que os participantes coñecerán os distintos recunchos da man dun guía especializado.

As saídas estableceranse os luns ás 10.30 horas e os luns e martes ás 19.30 horas para visitar os muíños e os martes ás 10.30 horas para a senda dos Pescadores. En función da demanda, o Concello estudará a posibilidade de ampliar a frecuencia das rutas e valorará a apertura dunha quenda para visitar os Muíños do Folón e do Picón os sábados pola mañá sempre que se poidan garantir todas as medidas de seguridade.

O prezo é de 2 euros por persoa e para participar nelas haberá que reservar previamente a través da web municipal.

Ademais, dende o concello rosaleiro compartiron a guía elaborada por SOGAMA 'REinventa as túas vacacións de verán', que recolle unha serie de consellos moi útiles para desfrutar dos nosos espazos naturais dun xeito máis sostible. Seguindo esta liña, o Concello procedeu á retirada das papeleiras que había nas praias, xa que son varios os motivos que fan inadecuada a súa existencia.

Tomiño

O Concello de Tomiño ven de anunciar o arranxo de varias sendas e percorridos por distintos espazos naturais para que a xente que os utiliza, sobre todo, despois do confinamento, para pasear e facer exercicio, poida facelo nas mellores condicións posible, apreciando ademais a riqueza ambiental e paisaxística existente.

A senda do río Miño, comprendida entre a Ponte Internacional de Goián e o límite co concello do Rosal, é unha das máis utilizadas pola cidadanía para camiñar ou andar en bicicleta, polo que foi unha das primeiras acondicionadas. Asemade, arranxáronse e limpáronse as contorna da Fortaleza de San Lourenzo de Goián, Lago da Pedra e río Furnia, e diferentes sendeiros das parroquias de Sobrada, Currás e Amorín.

Salceda

A senda fluvial e parque etnográfico do río Landres, que atravesa as parroquias de Parderrubias e Entenza, é unha das áreas recuperadas para o espallamento da veciñanza salcedense. Un lugar ao que, dende o Concello e con responsabilidade e civismo, convidan ir para camiñar, tomar o aire ou facer deporte. Nel agóchase o conxunto etnográfico máis completo da vila, con cinco muíños e un lavadoiro. O lugar pretende recuperar o patrimonio natural de Salceda, poñer en valor os espazos públicos para uso da veciñanza e loar a emigración a través da historia do salcedense Francisco Estévez, pai do actor Martin Sheen.