Un decreto da Alcaldía do Porriño establece dende onte un peche por tramos horarios da rúa Pío XII para "fomentar a mobilidade peonil e ao tempo, a reactivación económica de sectores coma a hostalaría e o comercio de proximidade". No documento recóllese que "a medida que incrementará o espazo peonil no centro da vila, será efectiva a partir do 22 de maio e manterase ata o 1 de novembro deste 2020". Así aplicarase segundo os seguintes tramos horarios e días: de luns a venres, dende as 19.00 horas ata ás 1.30 da madrugada; os sábados, de 16.00 ata as 02.00 horas e os domingos, xa dende as 08.00 horas e tamén ata ás 2 da madrugada.

Atención presencial no Concello

Por outra banda, infórmase tamén de que a atención persoal en cada un dos departamentos e negociados do Concello do Porriño restablécese a partir deste luns días 25, sempre con cita previa e cando non sexa posible resolver por teléfono ou vía telemática. Trátase dunha reincorporación por etapas do cadro de persoal municipal que comezou xa esta semana.