O sector odontolóxico é outro dos moitos que está a recuperar a normalidade nesta situación extraordinaria vivida dende o pasado 14 de marzo. A pesar de que foron varias as clínicas dentais que atenderon urxencias neste período de confinamento, sempre cando estas supoñían un compromiso grave para saúde, non foi ata o pasada semana, cando Galicia entrou na fase 1, cando comezaron a abrir as súas portas ao público xeral.

Con todo, os profesionais aseguran estar a vivir a súa propia desescalada. Se xa antes nas clínicas dentais se aplicaban determinados protocolos en materia de sanidade e prevención de riscos laborais, agora estes increméntanse. Son novas e maiores as medidas a tomar para a loita contra o Covid-19, o cal xa non solo supón a adquisición de novos produtos e servizos senón tamén a implicación de todos os traballadores, dende os doutores, auxiliares e os recepcionistas, que deben formarse para elo.

"Durante o confinamento estivemos a prepararnos con reunións e cursos en liña para saber como afrontar esta situación, nova para todos", sinala Óscar González, propietario de Clínica Romeo. "Sempre traballamos con equipos de protección individual (máscaras, guantes€), pero agora isto non é suficiente; estamos empregando ademais monos, batas e pantallas". Unha prevención que non só existe no gabinete, como ata agora, se non que se estende ás diferentes salas, "pantallas de metacrilato en recepción, eliminación de revistas, xornais ou xoguetes para os nenos nas zonas de espera, que se desinfecta varias veces ao día, dispensador de xel hidroalcólico.... son todo un conxunto de medidas hixiénicas e protectoras que sen dúbida obrigáronnos a unha inversión e tamén a unha maior dedicación, obtendo, pola contra, unha menor produtividade", asegura González.

E é que nesta situación terán que atender a moitos menos pacientes, porque o tempo de dedicación para cada consulta será maior. Refírese "aos entre 15 e 30 minutos precisos para a desinfección e ventilación do gabinete entre cada paciente". Neste senso, apunta que agora "atendemos a un 40% menos de persoas", á vez que o tempo de consulta é máis longo ao agrupar varios tratamentos nunha mesma cita, é dicir, "en vez de acudir, como antes, varios días para realizar diferentes consultas, agora aconsellamos unha única cita, pedindo ademais que, a excepción de nenos, maiores ou dependentes, o paciente acuda solo e aplicamos un protocolo de recibimento cunha triaxe telefónica previa que se confirma cun cuestionario presencial".

Salas de espera ao aire libre

Precisamente a sala de espera como zona común é un dos escenarios no que se pon gran fincapé tamén en canto á prevención en medidas de hixiene. O feito de contar cunha infraestrutura que permita ter varias destas salas, para evitar o encontro de persoas, ou incluso unha zona ao aire libre para esperar a ser atendido, como é o caso da Clínica Nova Praxis, é unha gran vantaxe nestes momentos. Así mesmo, dispor tamén de diferentes gabinetes e que estes conten cun sistema de ventilación axeitado é outro dos beneficios que ademais aporta ao profesional máis marxe para traballar "mentres se desinfecta e ventila unha consulta, atendemos noutra", sinalan.

Unhas medidas de hixiene, entre paciente e paciente, que se complementan tamén logo ao final da xornada con outras, no caso de Clínica Romeo cun servicio de nebulización das diferentes estancias.

Dixitalización

Ademais da infraestrutura da propia clínica, outra das grandes vantaxes neste escenario de crise sanitaria é a dixitalización dos procesos. Horacio Coll, propietario da Clínica Nova Praxis, explica que "se trata dunha práctica que nós vimos aplicando dende xa fai un tempo, previo á expansión deste virus que veu a cambiar completamente o paradigma que tiñamos. O feito de dixitalizar os procesos, como por exemplo nunha toma de moldes, fai que se reduza a cantidade de actores que interveñen, neste caso por exemplo eliminaríase o transportista ou o técnico de laboratorio, o que fai a súa vez que diminúan tamén os riscos de contaminación cruzada".

Aspiración de aire

"Ter os sistemas de aspiración e expulsión de aire separados ou polo menos con filtros dialóxicos" é outro dos avances que menciona o doutor Coll neste contexto nunca antes vivido. "O primeiro sigma co que nos atopamos, particularmente na nosa profesión foi, fai varias décadas, o virus do VIH, pero agora a situación é moi diferente, pois o Covid-19 é sinxelo pero moito máis desafiante, chegou para trastocar por completo a actividade humana debido a que conta cunhas vías de contaxio moi domésticas e cotiás".