Os tapices florais non cubrirán como cada ano as rúas de Redondela o xoves de Corpus pero si seguirán presentes na vila dos viadutos. Como está a acontecer coas festividades de todo o país, as restricións impostas pola pandemia do Covid-19 obrigan a suspender a confección de alfombras e consecuentemente a celebración da Festa da Coca, un dos símbolos de identidade do municipio redondelán.

Será imposible celebrar a Coca como se viña facendo tradicionalmente pero non faltará a conmemoración desta data tan especial, farase de xeito diferente, máis individual ou en grupos reducidos ao círculo familiar e tamén virtual. Así, dende o Concello animan á veciñanza a participar da mesma maneira como se fixo fai unas semanas coa festa dos Maios. A proposta consiste en confeccionar nos domicilios as alfombras florais, fotografalas e logo difundir esas instantáneas polas redes sociais, "conseguindo unha Festa da Coca diferente pero ao mesmo tempo participativa como corresponde a unha celebración que é patrimonio de todos", apunta a alcaldesa Digna Rivas explicando que "trátase de reinventarse fronte a adversidade e buscar novas vías que permitan manter unha das tradicións seculares e de máis sona do noso municipio".

No haberá procesións, nin elaboración nas rúas de tapices florais, nin grandes concertos ou outros espectáculos dado que "constitúen actividades multitudinarias non permitidas pola actual situación sanitaria e que, en todo caso serían un risco evidente para saúde", así se concluíu na xuntanza telemática mantida entre membros do goberno local e representantes dos colectivos que fan posible a Festa da Coca (as "burras", danza das espadas, alfombristas e o cura párroco de Redondela).

Doutra banda, o Concello tamén porá en macha "iniciativas sorpresa" de cara a darlle unha maior difusión a unha festa na que "non faltará a música, porque a Banda si poderá facer os seus tradicionais pasarrúas mantendo as medidas de seguridade que se impoñen". Unha desas primeiras iniciativas xa se deu a coñecer e consiste nun vídeo no que se está a traballar e que "recolle polo miúdo todo o conxunto de actividades que forman parte da Festa da Coca e que, á vez, a fan única".