Ao longo da corentena lin moitos bulos. Aos da miña idade contáronnos tantas mentiras que cremos moi pouco do que din

Agora na internet e nas redes sociais sucédense insultos, falta de razoamentos e mentiras bastas. En Wast, segundo publica a prensa, pódense ler as maiores bobadas fascistas, chamadas ao odio e chistes sen graza. A min hai pouco, equivocamente, envióuseme un chiste que se contaba hai anos con Fraga, que cadraba na historia, como protagonista pero cambiaran de personaxe e agora puxeron outro, que non cadra en absoluto. A verdade é que esta vez fíxome máis graza que antes. Non polo obxecto do chiste senón pola falta de recursos mentais que supón copiar ata o humor. Un gran personaxe dicía que cando se repite un feito histórico convértese en farsa. Pensei que cando se copia un chiste cambiando o personaxe o que o fai é "burriño". Parece que os grandes adiantos poden servir moi rapidamente para ensinarlle os plaxiadores das grazas.

Pero o triste é que a mentira utilizase descaradamente.

E algunha xente a solta con tanta forza, con tal sentimento que ás veces un dúbida se din algunha verdade.

Iso pasoume co que proclamou o xefe da oposición no Parlamento sobre o que dixera unha Prestixiosa Institución Australiana, sobre o mal que o facía o goberno de España, coa epidemia que deixa mortos e aterroriza.

Un non entende, se é como o contan, que os italianos tardarán tanto en facer autopsias a mortos por coroa virus. Pero a historia de como o virus chega aos pulmóns fainos sangrar e rebéntaos, a todos os que vivimos a época das tuberculoses masivas, métenos no corpo recordos que criamos esquecidos.

Volvo a Australia. Ao que dixo solemnemente o xefe da oposición. Porque días despois, probablemente moita xente non se decatou sequera, sóubose que non fora a prestixiosa institución senón un contable. A pregunta que se me ocorre é se Casado confundiu un home normal cunha institución ou o enganaron.

Pode que Pablo Iglesias teña razón ao dicir que a xustiza comete inxustiza. Se fora así dunha forma irreversible, espero que non, habería que pensar en facer como o mítico Emiliano Zapata, deixar de crer no que nos predican da separación de poderes e saír fora do sistema porque este non sirve para avanzar cara a un mundo mellor. E algúns, de xeito equivocado ou non, están na política e en democracia para iso.

Algo de razón debe ter porque cando os tribunais dixeron claramente non aos que din que Podemos recibiu axuda de Venezuela ou de Irán, eles ségueno afirmando o que é dicir que para eles a xustiza en España non existe. E os que o afirman cheiran moito a podremia española que algúns sufrimos na infancia e mocidade.

Onde quedaron atrás en silencios e desvirtuadas moitas historia de mortes, fames e epidemias das que non era culpable un virus senón eles mesmos. Non é bo remexer, dixéronnos.

O domingo 26 de abril vin nenos xogando. Lembreime do Meu barrio, moitos se foron moi nenos e novos.

Os tifos e tuberculoses da posguerra foron levándoos. Despois ou ao mesmo tempo veu o metílico, aqueles licores adulterados que mataron e deixaron xente cega.

E a talidomida que fixo nacer nenos e nenas con enormes inutilidades.

O aceite de colza adulterado, que se queremos lembrar está ben próximo. Naquel tempo cando percorría os pobos de Castela, León ou A Mancha e atopábame con amigos enfermos ou a noticia de amigos falecidos.

As presas de auga derruídas que destruíron pobos enteiros e afogaron a súa xente. Inda está rota para ver a de Ribadelago.

2019 foi o ano en que os estados do mundo gastaron máis diñeiro en armamento que nunca. Agora unha enfermidade que ten cincuenta días de existencia, ningún tratamento (como pode ser?), ningunha vacina e que nos enche de medo e que tamén pode ser un dano colateral da carreira armamentista.

Polo menos China e USA repróchanllelo. E estas disputas poden poñer en evidencia a posibilidade da utilización dos virus como armas de guerra.

"Ninguén se imaxinaba isto, ni se pensaba,€", din

Pero si era de agardar, como é de esperar o cambio climático, o colapso petroleiro, a subida dos mares€ Pero a lei do mercado, de gañar diñeiro por riba de todo, incluso de converter a saúde nun negocio, non ten en conta nada. Nin os coidados precisos nas residencias de anciáns que moitos, nunha proporción insólita, morreron nesta pandemia, en edificios construídos e xestionados por, por exemplo a Xunta de Galicia. E rogo me permitan vostedes expresar un gran orgullo. En Tui, nas dúas que hai, e en Salceda, cunha muller moi vocacional ao fronte, non houbo nin sequera un contaxio.

E no Parlamento de España uns falan, neste momento tremendo, de Venezuela e Irán, e outros din que unha Prestixiosa Organización Australiana di algo que só dixo un contable.

Algo vai mal se as persoas dun país afanse a que lle mintan como antes. Como cando éramos, nenos, novos e case vellos.

Aprenderemos?