A orde das Clarisas de Clausura leva máis de cincocentos anos sendo historia do pasado e presente de Tui. Pero o futuro é incerto e como elas ben din "está en mans de Deus", e é que, atrás quedaron os temos nos que máis de setenta irmás cohabitaban no mosteiro do século XVII situado no Casco Histórico da cidade. Na actualidade, só tres monxas manteñen vivo este legado e resisten á crise vocacional que ameaza con pechar os conventos con menos de cinco relixiosas. "É unha pena que este mosteiro se peche. As irmás estamos facendo todo o posible por resistir", lamenta a abadesa, Sor Herminia, facendo un chamamento as compañeiras de outras comunidades para que veñan a Tui.

A principios de ano faleceu unha das irmás, polo que só Sor Herminia, Sor Concepción e Sor Mercedes manteñen a flote o convento e resgardan a receita secreta dos peixiños de améndoa, característicos de Tui. Sor Mercedes é a última incorporación, chegou fai medio ano dende o Mosteiro das Clarisas de Cigales, en Valladolid. Fíxoo "para axudar" e anima a máis monxas a seguir os seus pasos, xa que "os tempos cambian e agora é moi difícil que entre xente nova; moi de vez en cando entra algunha en algún convento".

As "encerradas", como se lles coñece popularmente, defenden a permanencia do convento tudense, cuxo enclave consideran o seu mellor "padriño". "Hai mosteiros que teñen o bonito de portas para dentro, pero aquí hai de portas a dentro e de portas a fóra. Ademais, estamos no centro da cidade, a uns pasos da catedral e do Camiño de Santiago", apunta Sor Herminia, o mesmo tempo que comenta que son moitos os turistas que marcan o convento como unha das súas paradas obrigatorias. "Pregúntannos se somos as encerradas", sinala a abadesa.

Outra das súas grandes fortalezas é a súa igrexa, a que consideran "a nosa segunda catedral". "Este retablo e estes altares non os hai en calquera igrexa", di Sor Herminia, mentres que Sor Mercedes destaca que son moitos os devotos que asisten a diario a este santuario e que temen perder ese lugar de rezo si se pecha o convento.

Un hipotético peche tamén afectaría aos peixiños de améndoa, doce que leva cinco séculos nas sobremesas dos tudenses. A receita é secreta, pero a base é a améndoa. Elabóranos artesanalmente e a masa é "tan complicada" que non sacan ningunha ganancia. "Facémolos por amor", di a abadesa, matizando que "a conta dos peixiños vendemos outros doces, como os amendoados ou as tartas, que son máis doadas de facer e así si que obtemos beneficios".

"Só se deixaron de facer un ano, e o alcalde da época, Alejo Núñez (rexedor entre 1973 e 1979), díxonos que se puña de xeonllos se era preciso para que os volvéramos facer", recorda Sor Herminia, que no pasado mes de xaneiro cumpriu 60 anos intramuros ao servicio de Deus, e, polo tanto, seis décadas cociñando este doce con forma de peixe e unha fórmula tan secreta como a da Coca-Cola.

"Se nos temos que ir de aquí, eu faría todo o posible para que a receita quedara en Tui", promete a abadesa, unha das tres monxas do convento que garda na súa memoria una receita que xa foi solicitada en varias ocasións por outras comunidades. A resposta foi sempre a mesma: os peixiños de améndoa son únicos de Tui. Os meses de verán e o Nadal son as épocas máis fortes na venda deste doce, mentres que o resto do ano "pódense contar moi ben cos dedos dunha man os días que non ven ninguén a mercar", salienta a relixiosa detrás do torno centenario a través do cal realizan os intercambios. Un torno que, agardan, continúe xirando moitos anos máis.