A pesar de que a meteoroloxía non axudou, a Festa da Arribada congregou en Baiona a 150.000 persoas a pasada fin de semana na que foi a súa 25 edición. Con todo, desde o Concello deixan claro para vindeiras edicións que as súas datas son inalterables, a pesar de contar con previsións de mal tempo, ao tratarse dunha Festa de Interese Turístico Internacional.

Entre os espectáculos que obrigou a suspender a choiva estivo a escenificación do desembarco da carabela A Pinta programada para o domingo coa presenza de trinta actores. A embarcación estaba preto da costa para rememorar a súa chegada ao porto de Baiona fai 527 anos e unha hora antes, e despois de sopesalo, anulouse polo temporal.

Non foi o único que houbo que suspender. A organización decidiu cancelar as actividades previstas para a última xornada da festa pola climatoloxía adversa. Os traballadores lograron desmontar a feira en so unha hora e media, un tempo récord tendo en conta as súas dimensións.

En canto aos incidentes durante esta 25 edición a organización sinala que foron "mínimos", tendo en conta a gran cantidade de persoas que asistiu á festa.

A representación teatral "Arribada do Descubrimento" si puido celebrarse o sábado e, como estaba previsto, por segundo ano incluíu interpretación en lingua de signos. As persoas xordas interesadas en asistir contaban cun espazo reservado, unha vez que o solicitaban, uns minutos antes do comezo da obra, á organización.

Un dos espectáculos que máis asistentes tivo e máis admiración causou foi a xusta de cabaleiros, na que os actores empregaron cabalos e lume auténticos.

A gastronomía tradicional do Real Mercado Medieval foi tamén nesta edición un gran reclamo para os asistentes: chouripans, empanada ou churrasco, entre os menús máis demandados.

Na Alameda Carabela Pinta instaláronse canteiros e ferreiros facendo demostracións dos seus oficios. Os gremios puideron ser visitados pola cativada, para participar en obradoiros infantís na denominada "Alameda dos aprendices".

As exhibicións dos artesáns prolongáronse tamén na Praza do Rexemento: zoqueiros, carpinteiros, cesteiros, oleiros, telleiros, entre outros.

Cabalos da Groba

Un papel moi especial tiveron neste 2020 os cabalos salvaxes da Serra da Groba, xunto a uns bois tamén de pura raza galega. Eles, animais autóctonos, substituíron aos animais de granxa e de zoo característicos de edicións anteriores.