TRIBUNA LIBRE

Jorge, moito sentidiño

Carlos Iglesias*

Estimado Jorge Cubela:

Chega aos meus oídos que no último Pleno da Deputación dixeches públicamente que o meu partido cortoume a cabeza. Como non daba crédito tomeime a molestia de preguntar e, para a miña sorpresa, confirmeino. Aínda así sigo sen se dar crédito de que teñas cometido esta tripla ousadía verbal de descoñecemento profundo das razóns polas que decidín dar un paso ao lado, de falta de cortesía institucional cara a outro alcalde e, finalmente, de máis elemental falta de educación.

Para a túa información, a miña cabeza está no mesmo sitio, que é cos meus veciños e veciñas, e fisicamente perfectamente unida ao resto do meu corpo. Do meu partido non recibín outra cousa que cariño, apoio e recoñecemento. Se tiveras asistido ao fermoso acto no que confirmei o que xa todo o mundo en Arousa sabía (que non ía continuar en primeira liña da política activa) poderías ver que alí estiveron Valentín Formoso, secretario xeral do PSdeG; David Regades, secretario xeral provincial e a miña amiga e presidenta, Carmela Silva. Dixéronme, ademáis, que Carmela obrigouche a retirar semellante “faltada” da acta e que ti estiveches dacordo, cousa que che agradezo. Faltaba máis. En Arousa sómosche “ben aghradesidos”.

Din por aí que és moi dado a montar conflictos cos alcaldes e alcaldesas doutros partidos. Vamos, que vas facendo “amigos” por onde pasas. E que non te cortas cando estás diante dun micrófono nun salón de plenos. A min ese xeito de facer política non me gusta, pero o que non che podo tolerar é que fales de min con tanta lixeireza.

Eu nunca ambicionei ser alcalde nin perpetuarme no cargo. Son unha persoa humilde, un veciño máis. Eu dígoo con convicción, porque é así. Outros dino por dicilo e por que sona ben. A miña proba é que eu, libremente, por decisión estritamente personal e sen renunciar a un miligramo da miña militancia socialista, decidín non seguir. E, ademais, vinme refrendado na miña decisión ó contar cun relevo da categoría humana e política de Luis Arosa.

Non sei se ti compartes eses valores. Dinme tamén que és moi ambicioso e que aspiras a altos cargos. Eu non. Así que a min o único que me cortan na cabeza é o pelo. As cabezas que peligran, estimado Jorge, son as dos políticos con ambición desmesurada e que aspiran a chegar moi alto.

Recibe un saúdo moi cordial. E moito sentidiño.

*Alcalde de A Illa

Suscríbete para seguir leyendo