Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Libros, rosas e reivindicación da memoria de Rosalía

Ofrenda floral do BNG en Carril. | // NOÉ PARGA

A figura de Rosalía de Castro segue a ser unha das máis senlleiras da literatura galega. Coa publicación do seu “Cantares Gallegos” púxose en marcha o Rexurdimento e, ainda que queda moito por facer, sen o esforzo e a implicación da padronesa, probablemente moito dese camiño andado aínda non se tería recorrido. É por iso que, na xornada de onte, sucedéronse as homenaxes á súa figura, sobre todo, nos centros educativos, onde se leron biografías da padronesa e se lembrou a súa obra.

Unha libreira cambadesa amosa os agasallos no día de Rosalía. | // NP

Non foron os centros educativos os únicos puntos onde se honrou a memoria de Rosalía de Castro. O Concello de Cambados sumouse aos actos de lembranza cunha actividade moi especial. A través das concellerías a Lingüística e Comercio decidiuse repartir agasallos a todos aqueles que, na data de nacemento de Rosalía, se achegasen a unha libraría para mercar unha obra en lingua galega.

Repartíronse 96 rosas vermellas e outras tantas biografías de Ramón Cabanillas

decoration

En total, as dúas concellerías repartiron 96 libros (biografías de Ramón Cabanillas que o Concello acaba de editar) e outras tantas rosas. As dúas concellerías repartiron 24 de cada un destes elementos entre as catro librarías existentes en Cambados e o edil Constantino Cordal recoñecía onte que “foi un gran éxito que pensamos repetir no futuro porque, por un lado, permítenos destacar e homenaxear a unha figura como a de Rosalía, e polo outro, impulsamos a consumir cultura galega”.

Os agasallos eran para os que mercaban libros en galego | // N. PARGA

Cordal tamén destacou que a iniciativa non só se pode ler desde o eido cultural, xa que tamén tiña por obxectivo favorecer as compras nun subsector do comercio local que o está a pasar moi mal a causa da crise, o das librarías. Insiste o concelleiro en que “agardamos continuar con este tipo de iniciativas no futuro para promocionar a nosa cultura e a nosa lingua”.

Vilagarcía

Outro concello onde tamén se lembraron da figura de Rosalía de Castro foi en Vilagarcía. Alí, o BNG fixo unha ofrenda floral no Carril lembrando á escritora nunha terra que coñecía moi ben, xa que veraneou nesa zona en varias ocasións, desde a xanela, podía observar os barcos que navegaban a ría de Arousa. A portavoz nacionalista, Lucía César Veloso, non dubidou en ensalzar a figura da padronesa e en destacar os vencellos que a unían a Vilagarcía. Por este motivo lamentou que, desde o Concello de Vilagarcía, non se tivese en conta o día que era onte para facer unha máis que merecida homenaxe á escritora no 184 aniversario do seu nacemento.

César Veloso insistiu en que “botamos en falta unha aposta pola defensa do legado de Rosalía de Castro desde o Concello de Vilagarcía; debería ter enchido de versos de Rosalía as rúas, pero asistimos ao desinterese que este goberno está amosando pola cultura, un desinterese que é evidente ao non ter deseñado ningunha actividade”. A portavoz nacionalista insistiu na importancia da figura de Rosalía, “unha muller, feminista e de fortes conviccións, que non dubidou en converterse en defensora da nosa identidade lingüística”.

Compartir el artículo

stats