Os corenta anos que comprenden as décadas de 1950 a 1980 son de evolución e consolidación da maneira que temos no Grove de entender o Carnaval: comparsas, moita comparsa, e choqueirada. Durante os primeiros anos da década dos cincoenta son as rondallas, as tunas, as que recuperan un entroido que a guerra deixara fóra de xogo. A proposta amable, a nada perigosa cantarea das letras escritas por José Caneda, Luis Escalante ou Paco Padín, eran harmonizadas por Pepe Silva Torres ou Pepe Besada Álvarez, escenificadas coa uniformidade propia dunha tuna.

Era o que lle gustaba ao poder franquista, o considerado de bo gusto, co decoro necesario, letras amorosas e de enxalzamento dos valores e belezas da "terriña meca" e para completar a compracencia coa municipalidade co castelán como idioma hexemónico, vexámolo nesta cantarea da "Comparsa do Casino" de 1953: "Terra, terriña, que eres mi vida/ donde é nacido quiero morir./ No quiero amores desconocidos,/ ni la fortuna lejos de ti".

Con Paco Padín á fronte, Francisco O Coxo, Pepe Siva, e Luísa e Paquita, as Mascatas, nas bandeiras. A ritmo de bolero, pasodobre, vals e fox trot foron quedando atrás para sempre aquelas formacións comparsísticas autorizadas, mesmo apoiadas dende o Concello, que as consideraba axeitadas para "festejar el carnaval con el debido decoro y buen gusto". Só temos constancia dun problema, coa letra da comparsa "Tuna, Alegría y Música" de 1953, xa que entraba en temáticas consideradas "picantes" e que "desbordaban los límites del decoro, de la decencia y la moral". Todo por unha lea no interior da comparsa na que seica algúns dos homes tiñan varias "pretendientas".

"Somos gentes de provecho/ nos sentimos satisfechos/ entonando esta canción./ Las mujeres de este coro/ tienen gusto, buen sabor?/ y siempre nos hablan de amor./ En una juerga, una noche,/ se enamoraron de dos/ vaya lío que se armó,/ los subastan entre todas,/ los subastan entre todas,/ miren a que poco tocó?/".

Eran os tempos de letras e músicas que xa nunca máis ían volver aos entroidos. Quedaban relegadas aos ámbitos máis tradicionais, sen ningún interese para a xente que procuraba divertirse coa posta en ridículo dos mandatarios e daqueles que se deixaran levar por fóra do rego, porque no Grove se nunca saiches na letra dunha comparsa tes que dubidar da túa existencia?

"Grove, tierra linda como hay pocas/ con canciones en las bocas y gaviotas en el mar?" . "Venimos a ofrecerles,/ unas alegres canciones,/ para que puedan disfrutar/ y alegrar los corazones".

Emigración, exilio e aínda con moita xente, homes e tamén mulleres, marcados polas consecuencias da sublevación militar de 1936, non estaban os corazóns para alegrías. Pero precisamente por esa amargura a necesidade de sacar a presión social e devolverlle aos poderes o que a xente tiña marcado a lume na consciencia "o que fasíamos era aghomitar todo o que meteramos no buche durante un ano enteiro", decía Marcelino Campaña.

A ampliación do peirao do Corgo foi asunto recorrente para as renacidas comparsas. En 1953 son as protagonistas, dende Peralto, Lordelo, O Vento, Os Conchases ou Conricado, e na Area de San Vicente asaltan as rúas facéndose con control do entroido "Caneda y sus machotes", "Airiños do Grove" , "Comparsa Campesina", "Os Saca Penas", "Os Retoños son Llaneros"... ¡Ese foi o ano da explosión! "Xa nos fixeron o muelle/ que leva rumbo a Cambados/ e da farola pa leste/ saleu un pouco empenado./ Pero non vos estrañedes/ que traballaron con vista, o probe do encargado/ e o Señor do Contratista?".

Non só volven as comparsas festeiras e destemidas, regresa con elas a crítica mordaz, a mirada posta no que fan os que mandan para non deixar nada sen axustar. Os excesos e abusos das autoridades, a falta de liberdade, ten o seu momento de xustiza renovada en cada entroido. E con elas volven os seus líderes, o señor Caneda de Peralto, de "Caneda y sus machotes" que adoitaba escoller modelos próximos para as súas parodias, como a que lle dedicou a aquel veciño que logo duns anos de ausencia se presentou no Concello prometendo industrias e postos de traballo, o que mereceu que alcalde, secretario e delegado da falanxe lle renderan trato de primeiro ministro, con saídas ao balcón do concello, agasallos e xantares e hotel pago no Gran Hotel? "Un mariñeiro, señores,/un que se dou ó vagho/ para o señor tunante, / hoxe aquí está todo pagho?/ En Tanger arranxou os papeis pa viaxar/ pois Perkins xa quería/ vivir sen traballar./ Que haxa sempre no mundo/ quen pranche ben os bolsillos/ cada nai debía ter?/ deses dez ou quince fillos?".

Caneda tivo sempre un enorme éxito de público, non tanto polas súas letras, como pola representación teatralizada coas que se facía querer. As liortas familiares entre os seareiros do Anduriña e os do Deportivo Grove foron moitas veces asuntos de chanza por parte da xente de Peralto que ía nos "Machotes". Con moitos anos e sen perder a humorada e o sentido social carnavalesco que lle eran tan propios non tivo problema en disfrazarse de bebé, cun cueiro e un enorme chupete como únicas prendas e saír case en coiro un frío martes de febreiro dos anos oitenta, montado nun carricoche de pau; ou cando fixo de morto e pasou o entroido inerte deixándose despedir polos veciños metido nunha caixa de enterramento.

Outra das personaxes míticas do entroido grovense é Latén. Barbeiro, músico afeccionado e poeta popular, está máis próximo da banda de música que das comparsas, pero destacaba pola súa desbordante imaxinación. Lamentablemente era incapaz de reproducir unha letra ou unha música unha hora despois de creala. O seu era a música de banda, soñou con dirixir algunha e levous ás súas comparsas esa estética de uniforme azul, camisa, branca, garavata e gorra de prato, incluso a batuta. Creativo e ben humorado, foi dos primeiros en montar chiringuitos na Lanzada, ao primeiro que abreu púxolle un cartel que rezaba "Aquí Latén", ao segundo distante un par de quilómetros, bautizóuno como "E aquí tamén". Foi un dos grandes.

Normalmente os domingos do entroido visitaba O Grove a comparsa do Cano, da Illa da Arousa, e varias das do Grove ían en barco ata alí para devolver a cortesía. Chica Vella, Moncho o Cachopeiro do Vento, a quen lle escribía as letras Manuel Martínez, o mestre Manolo o Coxo, e outros non perdían un ano sen cruzar media ría para cantarlle aos da Arousa.

Mención aparte merece o gremio dos barbeiros do Grove, "Os Fígaros". Nas súas reboticas líase o xornal, falábase en linguaxe de puro despelexo, tocábanse instrumentos de corda e vento e organizábanse as parodias de escarño.

Asuntos como a moda "yé-yé" e os pelos longos tipo "beatle" provocaron unha sonada escenificación co lema "A volta dos piollos" na que Pepito Gondar, Juan Costa, Candiducho e Tonio, Marcial, Marcelino Campaña e outros barbeiros foron os principais representantes daquelas montaxes que organizaban case de véspera, poñendo cartos do seu peto e sen editar as letras. Eran dos que levaban ao concello, para aprobación, letras como o "La, la, lá" da Masiel eurovisiva e logo cantaban outras cousas.

A José Manuel García Fontoira, Cholo Cuancho, véulle de moi lonxe a querencia polo carnaval. Seu avó materno, José Fontoira, Pepe Cuancho, xa tiña sona de bo organizador, moi na liña do que logo faría o seu neto, moita humorada, moito meterse coa xente e cos poderes, e de paso practicar a guerra de currelos entre barrios; os do Vento, de onde era, contra os de Peralto, A Tafona contra A Vilavella, Meloxo contra Borreiros. Aínda non había festival de comparsas, nin os follóns que se producirán en cada fallo do xurado, pero xa había broncas entre elas, nas rúas, nos bares, no baile do Montiño? Cholo representou a toda unha xeración que hoxe anda entre os sesenta e os setenta anos, con fracturas como a saída de Pepe Cachaneghra, para montar os "Encontrados", unha das mais interesantes desta época. Foron moi sonadas as súas interpretacións do golpe de Estado do 23 de febreiro de 1982.

San Vicente ten en Manuel Pérez Vidal, O Coxo, que foi xastre, dirixente deportivo e animador cultural, ao seu principal representante deste mundo de comparsas. Dende os primeiros anos da década de 1950, Coxo, e a súa xente animaron A Area, Reboredo, Campos e as rúas do Grove, unha comparsa con elevada presenza de mulleres e co acordeón como instrumento base. Nunha parroquia aínda hoxe marcada polo ancestral costume entroideiro de enviárense cartas anónimas carregadas de enxundia e cruzadas de casa en casa, entre veciños e familiares? a animosidade de "Coxo e os seus Rapaces" foi sempre moi recoñecida.

A década dos anos de 1990 vai ter outras formas, marcada polos festivais e as broncas polas decisións dos xurados, e a organización polo Concello do desfile do martes, vai mudar o entroido local, onde xa non teñen espazo os choqueiros e onde as comparsas imitan motivos tomados das Chirigotas de Cádiz.