ESPECIAL 170 ANIVERSARIO

170 anos escribindo a nosa historia

deputacion

deputacion

Luis López | Presidente da Deputación de Pontevedra

Moito teñen mudado, crecido e evolucionado as nosas aldeas, vilas, cidades e comarcas. Moito teñen mudado, crecido e evolucionado a nosa provincia e a nosa Galicia. E, como non podería ser doutro xeito, moito temos mudado, crecido a evolucionado nós, os pontevedreses e pontevedresas, os galegos e galegas. Mais houbo algo que non mudou nin neste, nin no século anterior. Desde a metade do XIX, 170 anos, leva FARO DE VIGO sendo testemuña directa da nosa pegada na historia.

Centos, milleiros de novas, reportaxes, entrevistas, artigos, opinións compoñen os tomos de incontables páxinas dun xornal ao que o seu nome si lle fai xustiza.

Porque este diario leva 170 anos sendo o faro da nosa cidadanía, guiándoa con rigor, profesionalidade e suma dedicación polo camiño da veracidade sobre todo o que acontece no noso territorio, con inmediatez e constancia.

“Lino no Faro”, pódese escoitar en calquera establecemento, taller ou oficina. É unha frase cotiá que fala moito e ben dunha traxectoria. É un comentario que fala de credibilidade, de confianza e de liderado. Se ocorreu, sae no Faro.

E é que FARO DE VIGO , as súas e os seus profesionais, poden presumir de ser referencia no xornalismo local. Ese xornalismo vocacional afastado dos focos. Ese xornalismo que non traballa pensando en premios nin en aparicións grandilocuentes. Ese xornalismo centrado unicamente en informar e en estar ao carón da veciñanza. En amplificar e celebrar os seus éxitos e a situar no debate as súas necesidades.

Cantas bágoas mollaron as páxinas deste xornal ao coñecer naufraxios e novas tráxicas. As mesmas que nos caían de emoción ao revivir nas crónicas os goles do Celta. Cantos ríos de tinta correron para celebrar a expansión das nosas empresas, tantos como os que se verteron para defender os dereitos dos nosos traballadores.

Nas boas ou nas malas, sempre está FARO DE VIGO como ese narrador omnisciente que nos dá as respostas a esas seis W que son o abecé desa apaixonante profesión que é o xornalismo.

Líder indiscutible na información local e rexional, FARO DE VIGO ten o enorme mérito de ser o decano da prensa española. Un xornal que camiña cara os dous séculos de historia sendo esa ponte que conecta aos galegos coa súa terra.

Porque este xornal e os seus xornalistas están ao carón da veciñanza en todo o noso territorio. É descomunal a profesionalidade e sensibilidade dos redactores que traballan en todas as edicións. Ou a dos colaboradores que enriquecen cos seus coñecementos as páxinas de cultura, economía ou política. Non hai nova, curiosidade ou análise que quede fóra do seu radar.

Son 170 anos de historia. Case dous séculos que nos dan para botar a vista atrás e recoñecer unha traxectoria brillante. Hai que coñecer o pasado para saber de onde vimos e cara onde vamos, pero o xornalismo vai de actualidade e sei de boa tinta que este xornal e os seus traballadores seguirán, despois de celebrar esta destacada data como merece, enchendo cada día as páxinas de FARO co entusiasmo e a ilusión daquela primeira tirada daquel 3 de novembro de 1853.

Esa é unha das grandezas desta cabeceira. Unha marca de información capaz de informarnos dos acontecementos que sacoden o noso mundo e ao mesmo tempo de coidar coma ninguén as historias que protagonizan as nosas veciñas e veciños.

Porque moitas veces, as historias de proximidade son as máis grandes. Longa vida ao Decano.