Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

O Evanxeo de San Lucas na ilegalidade

O "Albert Einstein" é un laboratorio de métodos e sistemas contrarrevolucionarios que no tempo no que vostede le estas palabras está a actuar en Ucraína, en Cuba, en Venezuela, en Siria...

O Evanxeo de San Lucas na ilegalidade

ELENCO DE NOMES POR ORDE DE APARICIÓN

GEORGE BORROW.- Políglota, viaxeiro, romántico, autor. Observou os Rom. Traduciu ao caló español o Evanxeo de San Lucas. Estivo en Vigo e en Galicia.

FRANCISCO PABLOS.- Escritor e xornalista, crítico de arte. Posúe un exemplar do Evanxeo en caló (segunda edición).

RAMÓN GONZÁLEZ-ALEGRE E BÁLGOMA.- Berciano e vigués. Poeta ilustre. Gardaba a primeira edición do Evanxeo caló (1837). Fixo unha segunda (c. 1965).

ANTONIO ALFAGEME DEL BUSTO.- Conserveiro vigués, bibliófico, editor de AB.

LUIS USOZ Y RÍO.- Erudito. Inclinado ao protestantismo e préoximo ao comunidade cuáquera. Coñeceu a Borrow e estudou romanó.

WALTER STARKIE.- Irlandés fascista. Viviu refuxiado en España. Visitou moito Vigo. Escritor que tratou de xitanos: Don Gypsy, 1936.

GRÁFICAS NUMEN.- Imprenta viguesa propiedade do republicano Xohán Noya.

CELSO EMILIO FERREIRO.- Poeta de Celanova que está sempre no Fondo dos Espellos.

MANUEL AZAÑA.- Dirixente republicano. Fino traductor ao castelán de Borrow.

Houbo no Marcosende universitario unha charla sobre o mundo xitano á que aportei a 2ª edición do Evanxeo de San Lucas en versión romaní de George Borrow. O exemplar que mostrei é propiedade de Francisco Pablos. No libro enléase un novelo de misterios relacionados con Vigo e con Galicia.

R. González-Alegre tiña un tío cura por onda Ponferrada. Este señor pusuía un exemplar da primeira edición do Evanxeo xitano, o cal terminou na biblioteca de González-Alegre. A edición parece que lle foi secuestrada a Borrow da súa libraría da Calle del Príncipe madrileña por non estar legalmente autorizado.

Nos sesenta do século XX, Antonio Alfageme fundou a editorial AB en Vigo e encargou a González-Alegre da súa dirección. Este decidiu publicar o Evanxeo xitano de Borrow. En 1965, a editorial AB anunciaba a inminente saída da obra así: "texto rarísimo en caló español, de Jorge Borrow, con un diccionario del idioma caló de don Luis Usoz del Río. Proemio-Estudio de Walter Starkie. A edición saiu á luz pouco despois de ser difundido o prospecto. O libro ten partes en modo facsímile e partes en tipografía contemporánea. A edición inclúe un vocabulario romanó-castelán, que sería o de Usoz y Río. (non Del Río). Non aparece prefacio ningún de Walter Starkie.

Pero o extraño é que o Evanxeo xitano de Borrow, na súa segunda edición, non teña pé de imprenta, nin ano de impresión nin depósito legal, nin a censura eclesiástica que por 1965 aínda rexía como obrigatoria para os libros de relixión. Supoñemos que non pasaría a censura ou consulta previa do Ministerio de Información franquista. Todo o cal converte esta publicación en clandestina e ilegal. Supoñemos que a impresión se faría nas míticas Gráficas Numen de Velázquez Moreno, Vigo, xa que aquel taller, xa demostrara ser capaz de producir un libro clandestino co Voz y Voto de Celso Emilio Ferreiro (pé de imprenta en Montevideo). González-Alegre fixérase eco de Voz y Voto na súa revista Alba, o que constitúe un indicio. Todo o que levamos dito indica que a traducción ao caló do Evanxeo de San Lucas por George Borrow debeu de ser un libro ilegal en 1837 e tamén en 1965.

Na portada lese: Cambéo/e Majaró Lucas/brotoboro/tandado andré la chipe griega, acana/ chibado andré Romanó,/o chipe es Zíncales de Sesé ("Evanxeo de San Lucas/ sacerdote/ escrito en lingua grega, agora/ pasado ao Romanó, ou lingua dos/ xitanos de España".) Non consta onde se imprimiu pero si o ano; 1837. En páxinas interiores somos informados de que o autor da traducción é George Borrow, lacró e plastiñí bíblica ("membro da Sociedade Bíblica") e de que o traballo foi feito en terras de Badajoz e ao pé da raia de Portugal (a mixa de Laroló).

Borrow andou por España e Portugal distribuíndo Evanxeos non autorizados pola igrexa católica. Conta a súa viaxe en The Bible in Spain (1842-1843), obra traducida ao castelán por Azaña. Tamén este escritor e ilustre político traduciu outro interesante libro de Borrow, The Zincali, an Account of de Gypsies in Spain (1841), como "Los Zincali (los gitanos en España)".

CAIXA POSTAL

  • "Leo no Faro de hoxe que quixeras saber se o P. Merino (nado en Lerma, Burgos) morreu en Vigo ou en Camposancos. Vanche aquí algúns datos que temos (os Xesuítas, nota do Fondo dos Espellos) no colexio de Vigo e nalgún outro libro.Merino morreu na nosa cidade olívica, aínda que as súas investigacións meteorolóxicas e botánicas fixéraas desde Camposancos (onde exerceu a súa actividade docente e científica na última etapa da súa vida). Trasladouse do colexio de Camposancos (A Guarda) ao edificio da "Molinera" en Vigo (préto da igrexa de Santiago de Vigo) cos demais xesuítas. O curso na "Molinera" empezou o 2 de outubro de 1916 e a presentación pública do novo colexio foi o 10 de decembro pola tarde. En relación con esta última data, a finca "Bella Vista" na que se construíra o actual colexio do Apóstol Santiago, na rúa Sanjurjo Badía, xa estaba mercada. O contrato de compra-venda firmárase o 13 de novembro dese mesmo ano 1916. Hai poucos días entre a compra da finca nova e a presentación pública ("exhibición") do novo colexio na "Molinera".O xesuíta P. Basterra, que levou toda a cousa ante o Provincial, Enrique Carvajal) escríbelle a este o 11 de decembro: "Por fin ayer tarde se celebró la primera exhibición de este Colegio (€) Tenía propósito, y era muy del agrado de S.I. (o bispo Eijo Garay), de haber tenido mañana campo en la finca comiendo nosotros en el chalet y los chicos en otra parte a cubierto, pero estamos bajo el peso de un fuerte temporal".Aínda que non parece que estiveran, xa había unha certa fluidez entre Bella Vista e La Molinera. De feito, xa desde comenzos do curso seguinte (1917-1918), e só poucos meses despois de morrer Merino, os tres cursos de Preparatorias (44 alumnos) abandonaron La Molinera e instaláronse no antigo chalet (ampliado) de Bella Vista.O P. Merino veu cos seus compañeiros xesuítas da Guarda a Vigo (á Molinera) a pesar de que lle deixaron elixir casa dentro do territorio "provincial". Escríbelle o citado P. Basterra ó seu vice-provincial o 30 de xaneiro de 1917: "Tiene por objeto principal esta carta la salida y feliz llegada a Oña del P. Merino, a quien el P. Provincial había dejado elegir casa a donde trasladarse antes de venirse aquí (enténdase La Molinera, Vigo); pero aunque entonces no lo aceptó, más tarde, no encontrándose bien aquí, lo deseó".Merino, despois de pasar o tempo de Nadal en Santiago, foi pasar uns cinco anos na casa dos xesuítas de Oña (Burgos). Basterra escríbelle logo ao Provincial o 17 de xuño do mesmo ano: "Ya sabrá quizá que el P. Merino se cansó de Oña, donde no le fue muy bien, y se llegó por aquí con ánimo de ir a pasar una temporada larga, o tal vez años -según sus sueños- a La Guardia. Llegó muy desmejorado, pero algo se va reponiendo (€).Un par de semanas despois da data desta información de Basterra ó Provincial, finaba en Vigo o gran botánico o 17 de xullo de 1917. Está enterrado no cemiterio de Pereiró.Espero que che sirva de algo estes datos.Unha cordial aperta".MANUEL CABADA CASTROTeisAgradecemos moito os datos que nos ofrece o doutor Cabada Castro sobre os derradeiros días e falecemento en Bella Vista do grande botánico e meteorólogo galego, nado en Castela, Padre Merino. Insistimos en que a cidade de Vigo lle debe ao sabio que a escolleu para vivir os seus derradeiros días, algún tipo de recoñecemento público. Evaristo Rivera, historiador xesuíta, xa se tiña referido ao feito de o P. Merino vir morrer a Vigo. Ás veces a nosa memoria é fraca. Cabada, agora, precisa todo.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats