Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As "confesións" literarias de López Barxas

Confieso que he leído - PACO LÓPEZ BARXAS - Hércules Edicións, 383 pp.

Paco López-Barxas recolle un cento de artigos sobre literatura que, ao longo de varios anos, foi publicando en diversos medios, moitos deles na sección "Ex-Libris", do FARO DAS LETRAS. O título do volume,"Confieso que he leído", lévanos a Neruda, e a preguntarnos por qué López-Barxas parafrasea o título das memorias do poeta chileno. Seica, nestes comezos do século XXI, temos que confesar o pecado de lectura?

Aínda que sexa común dicir que hoxe en día non se le, ou que se le menos que antes, a miña observación persoal é que ler, lese, e moito. Cada mañá no autobús ou no tren podemos ver a moitos viaxeiros inmersos na lectura, ben dun libro, en papel ou aparello electrónico, ben nun teléfono móbil. Se facemos un reconto rápido comprobamos que os lectores de libros aínda son unha porcentaxe salientable, pero os que miran a pantalla do móbil parecen ser un máis cada día. É ben certo que os que miran o teléfono tamén están lendo. Agora ben, que é o que len? A miña impresión, e algunha ollada furtiva por enriba do ombreiro do meu veciño de asento, dime que boa parte deses lectores están consumindo un material (redes sociais, novas de dubidosa credibilidade) polo que quizais deberían confesarse e cumprir unha penitencia.

E porén, non son estes lectores os que están confesando, senón Paco López-Barxas; confesa o pecado de ter lido aos clásicos, a Cunqueiro, a Valle-Inclán ou a Eça de Queiroz. E non se trata dun pecado venial, porque, ao contrario que os meus compañeiros de transporte cotián, que consumen novas e rexoubas que poden ser ignoradas sen pudor ao minuto seguinte, López-Barxas lonxe de esquecer o que le, reflexiona sobre as súas lecturas e para máis delito pon esas reflexións por escrito e compárteas con todos nós.

Quen é este home, que nos fai pensar sobre a influencia da relixión na obra de Graham Greene, ou sobre o sexo e a literatura no camiño de Santiago? Pois este home é, en palabras de César Antonio Molina no prólogo ao libro que nos ocupa, "un gran lector y, por lo tanto, interprete magnífico de lo que otros escriben. [...] Un gran lector en un mundo desgraciadamente cada vez más escaso de lectores..."

Como dixen antes, coido que o que falta non son lectores, pois hoxe lese máis ca nunca, senón lectores que dediquen tempo a textos ambiciosos e estimulantes, e que consagren aínda máis tempo a reflexionar sobre o que leron e a converter esas reflexións, volvendo a Cesar Antonio Molina e ao prólogo do libro, nun "antídoto esencial para evitar el envilecimiento y la banalidad en la que quieren convertir nuestra vida cotidiana".

Grazas, pois, a Paco López-Barxas por confesarnos os seus pecados, por estimularnos a afondar nese pracer culpable e solitario da lectura, e por atopar para nós novas tentacións. Ao autor só me queda dicirlle: Ego te absolvo a peccatis tuis. Vai, e sigue pecando. E non deixes de contárnolo.

*Asesor da embaixada de España en Irlanda

Compartir el artículo

stats