Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Mil e cincocentos anos de fábula atlántica

O "Albert Einstein" é un laboratorio de métodos e sistemas contrarrevolucionarios que no tempo no que vostede le estas palabras está a actuar en Ucraína, en Cuba, en Venezuela, en Siria...

X.L. MÉNDEZ FERRÍN

Polo Atlántico circulan correntes misteriosas que levan e traen soños e estorias que os eruditos non soen poñer en relación. Mentres escribo, o sol déitase sobre as Cíes e Cabo de Home e nos fai acordantes de que aí o está, o terríbel Océano de nosotros.

Paulo Orosio, galaico, describiu no século V a Torre de Brigantia ou Brigantium que aínda está firme na Coruña. Uns seiscentos anos máis tarde, un tal Trezenzonio, protagonista de ficción de certo texto latino fantástico, conta como el chegara a vagar por unha Galicia terribelmente maltratada e deserta. Trezenzonio achou unha torre moi alta, a de Paulo Orosio ou de Brigantia. Desde o alto da torre, con ou sen espello auxiliar, puido ver unha illa alén do Atlántico. Trezenzonio navegou de Brigantia á illa. Era unha illa prodixiosa: ou sexa, o Outro Mundo. De volta a Galicia, Trezenzonio foi acabar os seus días na cidade de Tui.

Da mesma época do Trezenzonio é a obra titulada Navigatio Sancti Brandani, que parece que foi escrita por un monxe irlandés establecido na Renania, ao mellor en Cusa e ao mellor no Tréveris onde lle chapodaron a cabeza a Prisciliano. Máis tarde, no século XII, un tal Benedeit puxo a Navigatio en normando, e saíulle un fermoso relato: Voyage de Saint Brandan. Benedeit conta como o abalde Brandán, irlandés, navega os mares todos e como vai vivindo aventuras nas que se inclúen algunhas que se referen ao Ceo e ao Inferno. A Cunqueiro e a Urbano Lugrís, século XX, gostábanlle moito aqueles mostros (grifos, baleas, dragóns, serpes) e, sobre todo, rían co episodio do Peixe Illa sobre o cal Brandán e os seus compañeiros foron facer lume.

Seica foi no século XIII, ou sexa uns oitocentos anos despois de que Paulo Orosio mencionase a Torre de Brigantia, cando diversos afluíntes literarios encoraron e deron lugar ao Leabhar Gabhála, ou libro irlandés das conquistas. Nel fálase da Tuir Breogain ou Torre de Brigantia. O rei Breogán, fundara Brigantia e levantara a Torre, dentro da cal vivía coa súa muller. Desde a Torre víase ben o promontorio por onde desauga o meirande río de Irlanda, que é o Shannon. A descendencia de Breogán viaxa a Irlanda e vence aos seus habitantes, os Tuatha Dó Danan. A caste de Breogán impón no Eire a lingua dos Gaels de Brigantia, ou sexa dos Galaicos. Así o gaélico naceu.

Murguía leu moi ben a versión máis completa, en francés, do Leabhar Gabhála, e tamén o fixeron Pondal e outros. Pondal converteu Breogán nun mito fundador da Galicia do pasado, do presente e do futuro ao incluir o seu nome, de xeito recurrente, no noso Himno nacional. O número de proxenitores que inscriben hoxe os seus fillos varóns como Breogán en toda Galicia aumenta de contino.

E ben, uns mil anos despois de Paulo Orosio, cincocentos despois de Trezenzonio e douscentos máis tarde da redacción final do Leabhar Gabhála, no século XV, viu a luz o Roman de Ponthus et de Sidoine, famoso libro de cabalaría. Miramos nesta novela como a Coruña é conquistada polos mouros. O fillo do infortunado rei de Galicia, Ponthus, un meniño, foxe en barco con outros xoves camaradas. Navegan ao Norte e van parar á Pequena Bretaña (o libro está escrito en francés). Termina a novela felizmente con Ponthus coroado rei de Galicia e sendo el tamén soberán daquelas nacións celtas (Bretaña, Irlanda, Escocia€) ás que lles cantaban nas súas navegacións atlánticas os ultreias un himno cuxa letra escribirá Fermín Bouza Brey, naturalmente no século XX.

Non convén nunca esquencer o Orlando Furioso porque é o edificio catedralicio da fábula fantástica de todos os tempos. Escrito no século XVI por Ludovico Ariosto, nos seus versos aparece unha Galicia tamén dominada polos mouros. A filla do seu rei, residente en Baiona, a belísima Isabella, foxe en barco e navega, sempre ao Norte, polo Atlántico. Neste caso non chegará moi lonxe, pois o navío que a levaba foi naufragar€, onde? Por suposto en Muxía, na mesma Costa da Morte. A partir de aquí, Isabella de Galicia irá por todo o Orlando Furioso, de aventura en aventura, errante e sofredora. "Isabella son io, che figlia fui del re mal Fortunato di Gallizia".

Moitos de vostedes coñecerán a lenda galega de San Amaro. Este santo, irmán de Brandán e de Trezenzonio, non tivo a sorte de ser recoñecido canónicamente pola Igrexa Romana. Por iso cregos galegos actuais, poñéndose repunantes, andan en campaña permanente para mudar o nome de San Amaro (pronúnciese Sanamaro) polo máis regular e fino de "San Mauro". No conto, Amaro púxose a mirar o mar e viu ao lonxe unha illa. Embarcouse e navegou ata ela. Alí había unha cidade maravillosa protexida por murallas de prata fina. Aquilo era, naturalmente, o Máis Alá, o Alén ou o Outro Mundo. Pasáronlle a Amaro os anos coma sospiros. E ben, esta lenda, piedosa e áurea, foi posta en galego literario por Ramón Cabanillas no século XX, ou sexa mil cincoentos anos despois de Paulo Orosio mencionar a torre ou pharos de Brigantia ou Brigantium desde onde se esculca o que separa as sete nación celtas "fillas do Pai Breogán".

A auga ten un significado ambiguo e ligado ás nosas natalidades na literatura psicanalítica de Gaston Bachelard. Para nós, o Atlántico significa as máis desexadas orixes, por iso, desde a Torre de Brigantia, ou desde o faro contemporáneo das Cíes, nunca ollamos para o Sul e si sempre para o Norte. Ollando a Britannia, ao Norte, perdeu toda esperanza o conde Oveco ao decatarse de que Guillerme o Normando nunca viría liberar o noso rei preso: "el re mal Fortunato di Gallizia". Mais esta historia verdadeira non é para ser mesturada con monstros mariños, navigacións ao Outro Mundo e relación prehistóricas entre os Fisterras atlánticos.

CAIXA POSTAL

Por ti cruzaría o mar

  • "A Armeria Marítima en Galicia coñécese cos nomes de "herba de namorar", "herba namoreira", "herba roxa"€ Esta pranta crece nos cantilados costeiros do Atlántico Norte nos cales ten a particularidade de ser o vexetal que sobrevive máis próximo ao mar, superando con naturalidade as batuxadas da auga salgada. Forma matogueiras cespitosas moles de cor verde uniforme das que sobresaen, entre o marzo e o setembro, os talos de 15 cm, coas súas flores de cor de rosa ou brancas. Na Estaca de Bares pódese observar unha variedade vermella, moi rara en Galicia e sen referencias na costa Cantábrica. Esta planta está protexida pola lei, posto que a devastación á que ten sido sometida para a súa comercialización terminou por situala entre especies en perigo. A colonia de Armeria Marítima que se pode contemplar nos cantilados da Estaca de Bares, con exemplares de avanzada idade, está a ser estudada para a súa catalogación con vistas a unha mellor protección. Esta preciosa planta non recibe o seu amoroso nome por azar, non ho! Gañouno a base de demostrar durante milleiros de anos que a súa presenza e utilización benefician enormemente as relacións amorosas. O seu efecto é rápido, nalgúns casos inmediato, incluso fulminante. As propiedades namoradoras que lle deron nome, cheguei á conclusión de que se deben ao leito mol que sobre a fina herba do cantilado ofrece ás parellas que por alí pasean, propiciando o xacemento e a relaxación. Esta excepcional especie vexetal debe usarse en parella, conseguindo as mellorías amorosas a pares, e, a diferenza doutros tipos de herbas utilizados desde tempos remotos como remedio eficaz contra moi distintos males, as propiedades desta herba namoreira non se manifestan pola inxestión, aplicación de pomadas, infusión, bafos ou calquera outro método que non sexa a súa utilización "in situ" como apoio moleiro, tras o cal a planta continúa mantendo a súa integridade e as súas excepcionais propiedades. Ditas propiedades poden aumentarse utilizando frases multiplicadoras do tipo "por ti cruzaría o mar". Comprobouse que, nos días de chuvia a planta non manifesta os seus poderes. É máis: a súa utilización durante eses días pode chegar a producir catarros".EUGENIO LINARES GUALLARTFaro de Estaca de BaresReproducimos esta carta do responsábel e autoridade do actual pharos do extremo Norte de Galicia e da Península, Estaca de Bares. Pensamos que en tempos de Paulo Orosio, no século V, seguramente as propiedades da herba de namorar xa eran recoñecidas universalmente nas costas atlánticas. Moitas grazas ao señor Linares Guallart e tamén ao amigo Xío, da Sabaxeira (Mos), que remitiu o escrito ao Fondo dos Espellos.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats