Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Albariño e dietético

Naqueles primeiros encontros do albariño destacaban con forza os parlamentos de Álvaro Cunqueiro. O pobo do Salnés, e de Galicia enteira, sentou este escritor na cadeira presidencial do albariño

Brillat-Savarin á mesa. Acabou unha refección e escribe. Diante súa, un vaso con froita e unha botella posibelmente de viño muscadet da Loira atlántica de Nantes.

Ollamos o Fondo dos Espellos e vemos moverse coma bichos as preocupacións pola magreza e a gordura. Lord Byron facía réximes de adelgazamento que consistían en nadar e en consumir varias garrafas de viño branco nas refeccións. Brillat-Savarin, fundador da gastronomía contemporánea e mestre noutras sabedorías, insistía no viño branco. Visitemos a súa Physiologie du goût de 1816. Na edición definitiva (1838, en París, por Chanpertier) de esta obra admirábel, podemos ler:

"Toda cura da obesidade debe comezar por tres preceptos de teoría absoluta: discreción no comer, moderación no sono e exercicio a pé ou a cabalo" . No que respecta á inxestión de líquidos a efectos de perder peso, escribe o noso autor:

"Beba, cada verán, trinta botellas de auga de Selz; un vaso grande á mañá, dous antes de xantar e outro tanto ao deitarse. Tome de ordinario viños brancos, lixeiros e acidulados, coma os de Anjou. Fuxa da cervexa coma da peste".

Certo que a literatura francesa do século XIX amosa grande ignorancia en materia de viños, incluíndo rexións vinícolas (sempre citadas de modo impreciso) e castes de uva. Isto acontece, mesmo, con Brillat-Savarin ou cun Balzac posto a disertar sobre o tema dos "excitantes modernos", entre os cales el inclúe o viño e os alcoois del derivados. En realidade, no século XIX aínda non dominaba a moda da enolatría que parece alagar hoxe o mundo. Na actualidade poderíase mesmo falar de que habitamos unha sorte de enosfera, dada a pedantería, na literatura e erudición fantástica, que pode desatarse en determinados ambientes a propósito de viños.

Brillat-Savarin, fisiólogo do gusto, non se prodiga nesta materia, e iso que o Terror, por el Anthèlme ser suspeito de federalismo, lle expropiou a viña de Manchura, en Belley, que parece que el aprezaba moito e que coidou con moito mimo antes de ir refuxiado aos EEUU.

E ben, cales son eses viños de Anjou, brancos, acidulados e lizgairos, que Brillat-Savarin considera que posúen propiedades dietéticas favorabeis ao enfraquecemento e a perda de gordura? Dado que o noso autor descoñecía a existencia do albariño e demais viños galegos, temos que concluir que se estaba referindo aos máis semellantes a eles. De aplicarmos criterios de arqueoloxía enolóxica chegaríamos á conclusión de que el falaba dos brancos procedentes da caste muscadet, que eran e son, no seu xénero inmellorabeis e se producen no país de Anjou, nas ribeiras da Loira, nas bocarribeiras de Nantes.

Este muscadet é o viño preferido na nación bretona, aínda que Álvaro Cunqueiro non se decatase diso no curso da súa viaxe ao país real do Sochantre polos primeiros anos sesenta do século XX. En canto a min, non lles sei decer se o muscadet da Loira atlántica ten ou non propiedades dietéticas pero si que pode facer compaña inmellorábel a uns mexillóns ou a un boi onda a lonxa de Douarnenez o unas docas de Roscoff, por caso. Convén saber, a este respecto, que Bretaña apreza tanto a ostra coma o mexillón e pon o boi ou esqueiro por cima da langosta mesmo en grandes hoteis.

Por se a alguén lle importa, direi que a palabra muscadet é occitana e de recuada orixe persa. Ten que ver cos cheiriños e perfumes e co universo das especias remotas. Desde logo, o nome, só o nome, da uva de moscatel está relacionado co muscadet.

Agradecémoslle a Brillat-Savarin o eloxio, sequera fose por razóns prácticas ou mesmo medicinais, dun viño branco, lixeiro e chisco acidulado, como son os nosos. Brillat-Savarin de longa permanencia, foi un dos grandes escritores menores da literatura francesa, a quen situaríamos no nivel de La Bruyère, de La Rochefoucauld ou de Sully-Prudomme, este derradeiro premio Nobel de literatura. Ou polo menos iso é o que opinaba François Mauriac, o cal se consideraba a el mesmo habitante dunha sorte de Olimpo. Jean-Anthèlme Brillat-Savarin pasou á Historia como profeta da gastronomía, e escribiu con inxenio e graza que, ás veces, de tan intensos eran invisíbeis coma as cores que compoñen o raio de luz, Brillat-Savarin, a quen Cunqueiro leu e admirou, foi xuíz, políglota, cazador, federalista xirondino, científico. Naceu en 1755. Viviu e aprendeu nos EEUU, e foi morrer en 1826 a causa dunha contrariedade e dun catarro que apañou nas humidades da igrexa parisina de Saint-Denis. O caso foi que o presidente da Corte de Casación obrigara oficialmente a asistir a unha misa reparatoria pola alma de Luis XVI, vítima da Revolución. Brillat-Savarin irritado e doente, xa só saíu do seu cuarto para ocupar unha cova nas antigas minas de caliza transformadas en catacumbas no París pre-revolucionario.

A min produciume unha inmensa satisfacción o achar no Fondo dos Espellos Brillat-Savarin e poder poñelo en boa compaña con Álvaro Cunqueiro e cos viños albariño e muscadet.

A Xavier Castro, adicado

CAIXA POSTAL

  • "Para o Fondo dos Espellos que goberna o amigo Ferrín.Un mapa moi especial: van marcados en vermello as freguesías que non pertencían á nobreza nin á igrexa, senón que tiña a xurisdición en mans dos propios viciños, mantendo certa autonomía e soberanía, como pequenas repúblicas autogobernadas en concellos abertos, que autoxestionaban os bens comunais (monte comunal, auga, etc.) Aínda que puxen "provincia de Tui" é só a parte occidental desta antiga provincia, e correspóndese á situación do ano 1787, antes de que o Estado Moderno accedese á centralización e rematase con estas pequenas illas de soberanía popular, que a min me gosta chamar "zapatistas".Apertas".Carlos C. Varela /Obradoiro de Historia /OrdesIncluímos a carta de Carlos C. Varela e mais o mapa "zapatista" de parte da provincia de Tui en 1787. Algúns nomes de freguesías, non en vermello senón en ton escuro, escasamente me resultan familiares. En todo caso, eu non son moi entendido en materia de coutos e xurisdicións do Antigo Réxime. Pero observo que esta porción cartografiada da provincia de Tui correspóndese con bastante precisión coa medieval Terra de Turonio, na que se encontra Vigo e que ten unha forte personalidade xeográfica, humana e económica aínda nos nosos días. Curiosamente, observo que no ángulo continental dereito do desaugue do Miño aparece unha demarcación co número 1. Semella ser a parroquia de Camposancos, do vixente concello da Guarda, que na actualidade goza da situación oficial de "entidade local menor", co cargo de vigairo elixido por sufraxio de todos os viciños. Sobre as freguesías e terras e xurisdicións que non fosen de reguengo nin de señorío nobiliario ou eclesiástico e fosen ceibes e "zapatistas", eu confeso ignorar todo. Un saúdo á vila de Manuel Ponte Pedreira e aos amigos do Obradoiro da Historia.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats