Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Nace un Xefe

José Ortega y Gasset, modelo nunca confeso dos D´Ors, dos Madariaga, dos Marañón, dos García Sabell, fixo a súa irrupción pública en Vigo no ano 1902, na primeira de FARO DE VIGO

Nace un Xefe

Unha noveleta perfecta de Jean-Paul Sartre titúlase "La naissance d´un chef" ("O nacemento dun xefe") e conta como a sociedade converte en fascista un fillo da burguesía acomodada de Francia. José Ortega y Gasset, que exerceu na vida a función de xefe (no sentido de Julius Petersen) da xeración literaria española, e españolista, de 1914, naceu, como escritor, en Vigo cun texto que trataba do atraso económico de Galicia, entre outras cousas, se se me permite usar o título dun libro de X.M. Beiras.

O 16 de xullo de 1902, con 19 anos e co recibo do depósito do título de Licenciado en Filosofía e Letras no peto, chegaba á estación de Vigo José Ortega y Gasset. Recibiuno o seu tío Ramón Gasset Chinchilla, politécnico, escritor, viaxeiro e director da Escola de Artes e Oficios que o goberno de Madrid, a raíz do desastre do 98, quixo converter en centro de enxeñería superior. Tamén agarda por Ortega Ramiro de Maeztu, quen aquela tempada dictaba un curso de verán no centro que fundara a alma grande de Eduardo Chao. Non era a primeira vez que Ortega y Gasset visitaba Galicia e Vigo, nin ía ser a derradeira.

O xove Ortega iría acomodarse na casa, no centro urbano, do seu tío Ramón ou en calquera das residencias, temporais ou fixas, que outros familiares posuían en Vigo. Poñamos a mansión do Regueiro, ao final de Romil, de María Gasset ou "Villa Manuela", onde vivían Manuela Gasset co seu esposo Álvaro López Mora, situada esta en Peniche.

Noé Massó Lago escribiu, con precisión cristalina, unha obra sobre Ortega y Gasset "as a young man": El joven José Ortega. Análisis del pensador adolescente, Ellago, Castello, 2006. Nestas "mocedades" do filósofo, e noutros escritos de Massó, coméntase e reprodúcese o primeiro texto publicado por José Ortega y Gasset: no FARO DE VIGO do 28 de agosto daquel 1902. Título: "Glosa. A Ramón del Valle-Inclán" (datado o 26 de agosto).

Podería dar tema para un "Familieroman" ou para un ensaio histórico-novelesco, tipo A romántica família de Eça de Queiroz, do Rocha Martins, ao mellor ao modo Thomas Mann, a ascensión aos picoutos do poder na que se empeñaron os gaveadores Gasset galegos en Madrid, servíndose principalmente do réxime borbónico turnista e da subalternidade de Galicia. Veríase o fundador Eduardo Gasset Artime en tren de educar unha descendencia snob no estilo, francés e hipócrita, daquel vello liberalismo formal, expresado na sobriedade do xesto oratorio e na morixerada administración dos epítetos xornalisticos, que se alimentou na práctica impiedosa da opresión caciquil. Dominados pola sede de poder, xeracións de Gasset admiraron o modelo Montero Ríos aínda que ningún deles acadase a alta consideración pública do Cuco de Lourizán. Sempre os Gasset foron superiores esteticamente aos Bugallal.

En 1902 acudiron, coma sempre, os Gasset de Madrid a Vigo e aquí se reuniron con outros conxéneres, de residencia permanente ou procedentes doutros sitios de Galicia. Parentelas Gasset, Artime, Neira, con membros ministros e deputados, e altos cargos, chegaban a Vigo de Madrid, do Incio, da Pobra do Caramiñal, de Lugo, de Vilagarcía, mesmo do (auténtico) Palacio de Brandeso. Sumábanse a eles almas rendidas, aspirantes a favores diversos, que se hospedaban nas boas fondas de Carral e da Estación anseiosos de tocaren este ou aquel Gasset. Eran xente que viña de Noia, de Betanzos, de Lugo, de Padrón e doutros termos. En 1902 aínda non había orteguianos pero si que existían gassetistas en número elevado. Ortega Munilla, home de Dolores Ortega Chinchilla e pai de José Ortega y Gasset, non acudiu a Vigo en 1902 porque tiña que resolver problemas en Madrid relacionados co diario El Imparcial, oráculo máximo do posibilismo liberal que, no seu fascículo das cortas feiras, facía de pasarela da moda literaria en España. Aí é onde nace a xefatura intelectual de José Ortega y Gasset; en El Imparcial que fundara o transformista político Gasset Artime.

O xove Ortega asistiu en 1902, en Vigo, ás nove conferencias dictadas por un Ramiro de Maeztu que aínda non considerara oportuno reconvertirse ao catolicismo nin arrenegara da Ilustración (el chamáballe "Enciclopedismo") nin chegara a descobrir as posibilidades da "Hispanidad" que, alén dunha rúa de Vigo, había de constituir como noción reaccionaria un dos esteos fundamentais do franquismo. No verán de 1902 aplaudíronlle a Maeztu, con xove Ortega, ben de mozos galegos que o ano anterior quedaran en Ourense furiosos cun discurso da Pardo Bazán no que a condesa pontificia pedía unha dictadura militar en España para vingar o desastre de Cuba.

Parece que en 1902 Ortega escribía a serie "Glosas" so a cúpula da magnolia da tía María, no Regueiro, e lía, ás tardiñas, na biblioteca, hoxe desvalorizada, da Escola de Artes e Oficios de Vigo. Nela coñecería Wundt e Carlyle, e destas frecuentacións lle viría o simplismo vulgar ao futuro Ortega á hora de cualificar o carácter das nacións (incluído o da nación galega) e tamén a súa tendencia, obsesiva cuase, a situar nas "minorías egregias" a razón executiva da Historia. O libro de Massó Lago fala destas e doutras cousas. Co cal pensamos que existe un elemento vigués remoto na formación de quen habería de ser o Xefe da intelectualidade españolista ambigua (no puro estilo caciquil do gassetismo) nos anos decisivos do século XX.

Tal Xefe, e modelo nunca confeso dos D´Ors, dos Madariaga, dos Marañón, mesmo dos García Sabell, fixo a súa irrupción pública en Vigo no ano 1902.

CAIXA POSTAL

  • Aínda que xa coñeciamos o primeiro texto literario de José Ortega y Gasset, mercede a que Noé Massó Lago nolo tiña descoberto, moito lle agradecemos a Adolfo Rego Pérez que nos fixese chegar, procedente do seu valioso arquivo, unha fotocopia del. Impresiona ver que FARO DE VIGO lle outorgase a este escritor, daquela descoñecido, e de dazanove anos de idade, a primeira páxina do xornal. Ben é verdade que o xove Ortega y Gasset era, como sabemos, fillo do director e neto do fundador de El Imparcial, por moitos anos considerado o mellor diario de España. En todo caso, a lectura desta "Glosa. A Ramón del Valle-Inclán", do xove Ortega y Gasset, merece a atención que lle seguiremos prestando. Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats