Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

O brigadeiro de Cacabelos: Memoria de Fernández e Morales

Neste libro de tempos románticos non aparece señor ningún de Bembrive senón pobo galego-falante e mal alimentado nunha paisaxe enunciada con elocuencia e vigor

X.L. MÉNDEZ FERRÍN

Piden as asociacións civís do Bierzo o Día das Letras Galegas para Antonio Fernández e Morales (1817-1896). El é autor dun libro precioso en lingua galega, Ensaios poéticos en dialecto berciano (1861) que non ten tido a aceptación pública de que é merecente. No Fondo dos Espellos apoiamos a petición do Bierzo.

Antonio de la Iglesia, na obra El Idioma Gallego, su antigüedad y vida (1886), fai cronoloxía dos libros en galego que foron aparecendo no Rexurdimento. "Se produjo en el país un verdadero renacimiento literario. Diéronse a luz entonces muchísimos trabajos de tal índole en revistas literarias, periódicos y opúsculos. (€) Además salieron de la prensa obras poéticas como A Gaita Gallega de Juan Manuel Pintos en 1853, Ensayos poéticos en dialecto berciano por Antonio Fernández y Morales (1861), Cantares Gallegos en 1863 y Follas Novas en 1888, ambas de nuestra malograda e insigne Rosalía de Castro, Espiñas, Follas e Flores de Valentín Lamas Carvajal en 1870 y 1876, Versos en dialecto gallego de José Pérez Ballesteros en 1878, Rumores d´os pinos (sic) de Eduardo Pondal en 1879, Aires da miña Terra de Manuel Curros Enríquez en 1880, Colección de poesías gallegas d´alguns autores por Francisco Portela Pérez en 1882, Poemas Gallegos de Manuel González en 1887 (€)"

E ben, a pesares de que os Ensaios de Morales foron o segundo libro en galego que se editou no noso Rexurdimento, a obra recibiuse con silencios e reticencias. Cítana algúns historiadores da literatura de primeira hora. Ademáis de Antonio de la Iglesia, mencionan os Ensaios o P. Blanco García (1894), Carré Aldao (1911) e Couceiro Freijomil (1929), sen excesivo entusiasmo. Nos anos cincuenta do século XX, os Ensaios de Morales desparecen por completo do manual de literatura e do tomo III da Escolma de poesía galega (1951 e 1957), obras ambas de F.F. del Riego que exerceron unha grande influencia canonizante. Carballo Calero, na Historia da Literatura Galega Contemporánea (1963) trata con distancia e certo desprezo a poesía de Fernández e Morales. Causas desta ma fortuna?

O autor preséntase como "Comandante de Infantería" (coido que chegou a Brigadeiro) e "inspector de Estadística", títulos que non soen asociarse á actividade poética. Máis, deixando a parte o feito de Castelao pertencer tamén ao corpo de Estadística, non podemos esquencer, que como nos informa Balboa de Paz, Morales formou parte daquela revolución de 1854 que tanto impresionara a Marx e Engels e que en Galicia rematou co Banquete Democrático de Conxo que consideramos acontemento auroral do noso Rexurdimento. Por parte, Ensaios sae á luz en León e sospeitámoslle unha fraca distribución na Galicia administrativa. A obra declárase escrita nun "dialecto berciano" que hoxe non ten lugar nin existencia na conciencia xeral da lingua, e isto sobre todo despois da sistematización da dialectoloxía do idioma de que é autor Francisco Fernández Rei. Non se aprecian palabra exclusivamente "berciana", e ausencia de leonesismo morfoxolóxico, léxico e outros, mesmo pode chamar a atención dos lectores dos Ensaios que coñecen o cartulario conventual de Bembrive. Certos castellanismos de Morales nunca aparecerían nun escritor da Galicia administrativa do século XIX, así por exemplo Cielo ou o vulgarismo -ao por -ado. Sen embargo Morales sempre escribe galego, cousa que non fan nin Pintos nin Rosalía.

A partir dos estudos dos citados Fernández Rei e Balboa de Paz, de X.H. Costas e no ronsel da actividade cultural galeguizante que se foi incrementando no Bierzo nos anos pasados, a figura de Antonio Fernández e Morales parece que chegou a ser xeralmente recoñecida e situada nun lugar de honra. Un ensaio decisivo de Anxo Angueira n´A Trabe de Ouro (nº 53, 2003) non deixou indiferente ao sector académico que traballa no eido histórico das nosas letras. Xosé Ramón Pena, na súa Historia da Literatura (2014) coloca correctamente Fernández e Morales e trata da súa figura con acerto critico, ao tempo que escorrenta os vellos prexuízos que a embarazan.

Sobre unha base popular e realista, nos Ensaios o pobo é presentado en forma de grandes multitudes que xogan e traballan sen que ninguén poida achar nestas pinturas nin unha moutela de Antonio de Trueba. Non todo é costumismo en Morales, abofé. O poema que se inicia cun endecasílabo de tersura clásica, ("Piramidais medeiros de herba e palla") anuncia, de lonxe, lonxe, o formalismo de Pondal e Vaamonde Lores. A métrica é habilidosa e o catálogo das estrofas de Morales agrada polo variado. Un realismo, as veces brutal e tremendista, pode chegar a desconcertar un lector inocente que esperase recrearse con amenidades anacreónticas neste libro de tempos románticos no que non aparece señor ningún de Bembrive senón pobo galego-falante e mal alimentado nunha paisaxe enunciada con elocuencia e vigor. E finalmente, velaí o urso, que irrumpe nun episodio de caza maior que é o mellor relato derse xénero cinexetico que eu coñeza nas literaturas hispánicas.

CAIXA POSTAL

  • O noso querido e sabio amigo Francisco Pablos avísame de que Ramón Carnicer é autor dunha voluminosa biografía novelada do Cubí i Soler de quen trataba no Fondo dos Espellos a semana pasada. Ademais, Pablos ten a amabilidade de me prestar o libro.De Ramón Carnicer, escritor de ficción e de viaxes só coñecíase o libro titulado Donde las Hurdes se llaman Cabrera, sobre a única comarca leonesa limítrofe con Galicia na que nunca se falou galego e na que sobrevive algún léxico leonés occidental que grazas á minuciosidade de Carnicer, eu anotei, como é o caso de lleito "cama comunal arcaica".A obra de Ramón Carnicer que agora nos interesa é: Entre la ciencia y la magia Mariano Cubí, Seix Barral, Barcelona, 1969. A chegada de Cubí a Vilafranca do Bierzo e o seu encontró con Antonio Fernández e Morales tal como é evocada por Carnicer presenta unha diverxencia a respecto do relato que eu fixen no Fondo dos Espellos. A pousada de Vilafranca na que se acomoda en 1847 Cubí i Soler no meu texto leva o nome da Borboliña e, en Carnicer, o da Barburiña (ambos variantes do nome máis extendido, e non descoñecido por Morales, da borboleta ou bolboreta cos que o galego nomea os lepidópteros.Gracias á narración de Carnicer sabemos que Cubí tivo outra estancia en Galicia. En Ferrol foi protexido por un señor, Torrente de las Flores, que algún erudito curioso debería investigar por se era devanceiro ou familiar de Torrente Ballester. Tamén estivo Cubí, con Torrente, en Vigo e mesmo coñeceu Caminha.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoPolicarpo Sanz, 22Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats