Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Havemos de ir a Olivença

X.L. MÉNDEZ FERRÍN

o verao de 1959 este cronista andaba de campamento militar por La Granja, Segovia, e a aquel "pueblo" de ares puros concorría unha mesocracia veraneante madrileña, co seu servizo doméstico. Nun merendeiro mínimo, certo domingo caímos algúns uniformados. O picú facía soar Diana, de Paul Anka, e unha mítica Tequila. Ela, coa cocacola diante, era unha criadiña magra, de ollos claros, que tendía a cruzar os brazos, coma os escolares, na conversa. Ao me sentir falar galego cun compañeiro, ela soltouse ao portugués con algún riso nervoso, e a ollada baixa e tímida. Ao inicio, a moza, cuxo nome non lembro, tratoume de Vossemecê, e coido lembrar algún risco dialectal nas súas falas. Podia que "unha" ou "úa" en lugar de "uma". A rapariga, duns dezaoito anos, dixo ser de Olivença, provincia de Badajoz (Badallouce, no galego de Afonso X). Ela parecía feliz de falar comigo o portugués natío; tán lonxe da súa terriña, do seu lar.

Lembro o merendeiro para as clases subalternas de La Granja, a ledicia con que a moza se expresaba en portugués, a música, sobre todo a de Paul Anka. Se aquela mociña está viva e regresou á patria orixinaria, será unha das cincocentas persoas anciás de Olivença que hoxe alí conservan a lingua tradicional. O portugués extinguiuse ou está a punto de desaparecer en diferentes lugares da Extremadura española, como é o caso de Táliga e o de Alamedilha. De xeito máis ben prodixioso, o galego do Val do Ellas, na sierra de Gata, Cáceres, mantense vigorosamente nos concellos de Valverde do Fresno, as Ellas e Trevello.

O tesouro que é a lingua e a cultura portuguesa de Olivença parécelle ás autoridades autonómicas de Extremadura unha incomodidade que debe desaparecer canto antes. Pese á loita pola normalización de algún colectivo como o titulado Além Guadiana, a pasividade, e a hostilidade, arrempuxou o portugués oliventino á morte. En Extremadura española domina, coma no resto do Estado, o nacionalismo. Ese insidioso nacionalismo que, coma a halitose, só o padecen os outros (di así Joseba Sarraonaindía). E o nacionalismo español é hostil a calquera lingua que non sexa a castelá. Con noxo e dificultade soportan o catalán, o galego, o vasco. Que fai España polo asturleonés, polo aragonés, polo galego de Cáceres, polo romaní, polo árabe de Ceuta, polo catalán de Aragón ou polo bérbere de Melilla? Sabían vostedes que o único lugar do mundo onde o leonés goza de protección pública é Miranda do Douro, Portugal? Certamente, se a lingua occitana aranesa non se encontrase baixo control da Generalitat de Catalunya ela estaría desprovista de calquera apoio oficial. Cadren vostedes seguros de que se suprimiren a Generalitat, como fixeron en 1934 e en 1939, tamén suprimirán a oficialidade da lingua minoritaria aranesa. España odia cualquer lingua que lle despute a eminencia ao castelán imperial.

En Olivença a cousa é aínda máis grave para o nacionalismo español xa que a lingua propia daquela vella cidade é a de Camões que hoxe florece no País do Futuro ou sexa Brasil. Se estivese ameazada a fauna fluvial do Guadiana ao seu paso por Olivença, verían como todos os ecoloxistas de Extremadura, e non só, se mobilizaban por salvaren peixes e batráceos. De momento, a penas unha lingua e unha cultura humana se encontran en proceso de desaparición en Olivença; non hai, pois, por que preocuparse. Cando aquela mociña que eu coñecín en La Granja morrer e a súa xeración se extinguir, España deixará de ter un problema de disidencia lingüística e cultural en Olivença.

Coido que todo o que dixen é verdadeiro. Pero hai outra cousa que resulta aínda máis incomprensíbel: ela é o desinterese de Portugal pola súa lingua e cultura en Olivença e noutras localidades españolas de Extremadura onde o uso do portugués foi desaparecendo co século XX. Que non lles atraia aos portugueses Galicia e o galego é algo, até certo punto, lóxico, xa que nós somos testemuña incómoda que pode contradicir o relato oficial da nacionalidade fundada por Afonso Henriques. Mais o desprezo de Lisboa por Olivença, que é un pedazo de Portugal que España ocupou militarmente en 1801, é algo que só comprendendo a fondura do complexo de inferioridade de certas camadas dirixentes portuguesas pode ser explicado.

A verdade histórica é esta: Olivença constituiuse como praza portuguesa no século XIII. No ano 1801 foi conquerida por España. O tratado de 1815 obrigou España a restituír Olivença a Portugal. España, digamos o Palacio de Santa Cruz, soe rir a cachón cada vez que oe falar da devolución de Olivença. E fai ben en rir, porque en Portugal nin a vella monarquía, nin a república de 1910, nin o salazarismo, nin o réxime do 25 de abril, nin a reacción subseguinte tomaron a serio a recuperación de Olivença nin tampouco se interesaron de veras por preservaren a lingua e a cultura propias abrindo en Olivença, por sinal, unha humilde delegación do Instituto Camões.

Parece certo que a alfaia artística e histórica da cidade alentejana de Olivença é a Igreja da Madalena, cuxas columnas apalmeiradas fánseme, en fotografía, moi semellantes ás famosas da sala capitular do convento de Oseira. En canto á esfera dos contos entrefrebados de historia, Olivença comparte con Tui o relato fabuloso da diocese volátil de Ceuta de que moito se leva escrito. Por tanto, e pedíndolle emprestado un verso á cántiga linda de Amália Rodrigues, "havemos de ir a Olivença".

CAIXA POSTAL

  • Moito lle agradecemos ao profesor Fernando Ramallo, da Universidade de Vigo, a entrega, en modo de empréstimo, dun libro magnífico de arte e historia cuxo texto é bilingüe castelán/portugués: José Antonio González Carrillo, Almas da Magdalena, (Olivença), 2011. Trata da Olivença monumental e histórica. Tamén agradecemos ao profesor Xosé Henrique Costas (sempre Universidade de Vigo) a permanente dedicación, científica e comprometida, ás falas galegas que sobreviven, contra o odio militante español, alén das límites da actual e deficitaria Galicia autonómica.Escríbenos don Adolfo Rego Nieto sobre a pertinacia dunha barbaridade. Unha vez máis, en La Región publícase unha información na que o Río dos Muíños, confluente na cidade de Ourense co Río da Barbaña, recibe o nome, de aspecto navarroaragonés, de "Barbañica". Somos xa lexión os ourensaos que estamos moi molestos porque lle cambiaron ao Río dos Muíños o nome polo (un pouco ridículo) de "Barbañica". Eu proporía crear unha comisión que elabore un documento de carácter científico, histórico e hidronímico, que lle faga saber dun raio dunha vez ao concello de Ourense que todos os xeógrafos galegos e todos os ourensanos lle chamaron e lle chaman, a ese afluente, Río dos Muíños.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoRúa García Barbón, 87Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats