Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

NO FONDO DOS ESPELLOS

Ourense sobre o volcán

Eu, meniño, apertaba a man da miña nai e pensaba que o volcán estaba a piques de estoupar e que, se cadra, era a derradeira vez que pasabamos a ponte da Burga

Unha vella imaxen da Burga de Baixo. // FdV

Entre os nenos de Ourense correron dous mitos, realmente urbanos, que se excluían o un ao outro. No primeiro, a auga da Burga nacía, na catedral, aos pés do Santo Cristo que aterroriza na camareta dourada de Domingos Antonio de Andrade. Afirmaba, o segundo, Ourense estar asentado sobre un volcán; por iso na superficie da Terra nace a auga quente. O primeiro conto era tan inxenuo que só a Beata Serafina acreditaba na súa veracidade; o segundo chegou a inquietarnos porque calquera día a cidade podía estoupar e desfacerse en moxenas. Non é que o Montealegre, coma un Vesubio, fose sepultarnos en mares de lava. Asustábanos si, a posibilidade de que as nosas casas, rúas, e a mesma catedral, estivesen sobre un volcán que calquera día podía entrar en erupción. Moitos seguimos a sentir con aprensión como latrica, sempre igual a ela mesma, a auga quente da Burga. Lembro que, cando estudiei o tema dos geysers na Enciclopedia de Dalmau, non me tranquilicei. Había burgas en diferentes lugares do Planeta, pero todas se achaban en descampado, así en Islandia como en Yellowstone. A nosa Burga estaba á porta das casas: a metros, mesmo do Goberno Civil e da Deputación.

A miña primeira lectura da Viaxe ao fondo da Terra, de Verne, estivo aguilloado pola ansia de atopar alí unha explicación ao fenómeno da Burga. Infelizmente, no Fondo da Terra de Jules Verne non estaba o Fogo Central senón un lago frecuentado por saurios xa extinguidos na biosfera.

Alguén, non sei con que fundamento, aseguroume que todo o val do río Miño e afluentes está minado con correntes subterráneas de auga quente. Así, hai caldas na cidade de Lugo, na orela portuguesa do Penso, en Tui e en moitos sitios máis. Por iso, dicía o teorizador de que falo, o valo do Miño é un inferno no verao. Á forza do sol e ao efecto caldeiro da bacía, únese a auga quente subterránea: e todo quece. Observa (dicía a persoa de que falo) que non hai quen poida respirar en Ourense no verán, nin en Monção, nin en Ribadavia. A idea duns fluxos de auga quente a percorrer o subsolo da conca do Miño non deixaba de ser incitante para a miña fantasía precientífica. Tamén podía imaxinar inmensas cúpulas graníticas que cobexaban lagos de auga quente a producir vapores e xigantescas borbollas de fedor incerto; baixo terra.

Se vostedes visitaren a Burga de Baixo, que sempre foi considerada principal, fagan o favor de reparar no florón de pedra que dispuxo no medio o urbanismo municipal do século XIX. A auga escoa por unhas ranuras e nestas podemos detectar seres vivos. Eles, seguramente algas, teñen como hábitat, desde a noite arcaica das eras recuadas da evolución, a auga da Burga. Dado que a flora dos geysers está estudada pola ciencia, supoño que esta da Burga será ben coñecida no mundo académico de Galicia.

Pensando nisto imaxinei, na adolescencia, aqueles ríos subterráneos de auga quente poboados por seres vivos, xa non unicelulares senón superiores. Soñei en vermes, en artrópodos, en peixes, cegos todos e brancuxados; se cadra en hermidosaurios de pel cándida, en monstruosos sapoconchos albinos, especias, todas elas, adaptadas á vida en augas quentes apenas visitadas por unha levísima luz que penetrase por escasos orificios e da que as algas, como forma básica da vida, se beneficiarían.

Non penso que estas cousas existan realmente, pero África Valencia, que vivía na marxe esquerda do río da Barbaña, contábanos cousas como estas aos nenos máis pequenos que nos xuntabamos, coma tal, na porta das Xosefinas ou onda a taberna do Birisca na que entraban cregos de aldea en procura dos baños (quentes) do Outeiro. E bebían viño branco en palomita de pedra.

Sempre ouvín decer que toda a perforación que se faga nas partes de Ourense que van da Burga á Barbaña renderá auga quente ou morna. En todo caso, auga sosa que corta o xabrón coma o da Burga. Un ancián da miña familia contounos que, antes de ser feita en Ourense a traída de augas (chamada, na cidade o Canal), a prisión da provincia servíase de pozos propios. A auga que se obtiña de tales pozos era tépeda e sosa. Aquela cadea, hoxe abandonada, atópase a tiro de fonda da Burga. Sobre os baños de Outeiro.

Eu gostaba de pasar a ponte da Burga en noites nas que Ourense estaba invadido polos neboeiros. A unha banda da ponte, a Burga expelía ao ceo unhas nubes mestas; á outra, era o inmenso lavadouro municipal dotado de auga quente que emitía as súas vaporizacións fantásticas. Os farois públicos e as luces dos coches e das casas estaban amatados pola borraxeira. Á emanación gaseosa da Burga mesturábase a néboa da Barbaña. Eu, meniño, apertaba a man da miña nai e pensaba que o volcán estaba a piques de estoupar e que, se cadra, era a derradeira vez que pasabamos a ponte da Burga, que levantara o enxeñeiro Bourman y Carvajal para que a carretera de Villacastín a Vigo salvase o obstáculo daquela depresión mínima. En realidade, a Burga era moi boa para os probes, que pasaban as noites ao amor das súas augas quentes. As persoas lectoras de Galicia saben que existe un tópico literario cuxos elementos constitutivos son os miserables da Terra, o inverno en Ourense e o amparo da Burga.

CAIXA POSTAL

  • "Estimado Ferrín:Molesto a túa atención para solicitar o teu coñecemento lingüístico. Trátase da orixe etimolóxica da palabra amozcar que un rapaz da zona de Fonsagrada pronunciou na miña casa ao referise ao corte das castañas asadas antes de metelas no forno. Eu prometinlle buscar a etimoloxía da tal palabra, descoñecida por min.Agradézoche a túa inestimable colaboración e saúdote moi afectuosamente."Gonzalo Riobó CostaMoañaTransmitireille ao querido amigo Riobó, con pracer, aquilo que a lingüística dixo da palabra en cuestión. Amozcar é a pronuncia local dun verbo galego amoscar. Ocorre que, en zonas da Fonsagrada, da Suarna e dos Oscos, o grupo que transcribimos utilitariamente -sk- adoita ser pronunciado -zk-. Así, os eonaviegos dos Tres Oscos soen pronunciar o seu topónimo como Ozcos. Hai moitas acepcións desta palabra, todas relacionadas entre elas. A principal ,"facer cortes ou fendeduras" e tamén "cortar as castañas para asalas". Joan Corominas menciona un dialectal (ao mellor, galego oriental) moscar coa acepción precisa de "practicar cortes nas castañas". O Gran Dicionario Xerais da Lingua, verdadeiramente un grande dicionario, incorpora bo número de variantes e sinónimos de amoscar. Unha variante, poñamos por caso, é amosegar/amoxegar, que tamén pode querer decer "dar beliscos". Resulta curioso que o dicionario da Academia Galega (en rede) inclúa precisamente ese amozcar local que chamou a atención de Riobó, que en Moaña, como é lóxico, nunca tal ouvira. A respecto do moscar que chama a atención de Corominas, debemos ter en conta o nome castelán muesca con el certamente relacionado. E cal é a orixe etimolóxica do amoscar que lle interesa a Gonzalo Riobó?Ela habería que procurala, segundo a guía de Ernout, no verbo latino clásico mordo, -es, momordi (memordi e -morsi), morsum, -ere, "morder, trabar". Del abrollan, en senso recto e figurado, infinitos derivados no mesmo latín e en todas as linguas románicas a excepto o romanés (Mayer-Lübke).En concreto, o noso amoscar viría directamente dun latín vulgar *admorsicare/amossicare "dar mordedelas". O mesmo que amosegar/ amoxegar, que seguiu outro itinerario histórico-fonético.Apertas fortes.Todos aqueles que quixeren colaborar coa súa opinión en NO FONDO DOS ESPELLOS poden escribir por correo ordinario a:X. L. Méndez FerrínFaro de VigoRúa García Barbón, 87Aptdo. Correos 91. VIGO

Compartir el artículo

stats