Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Voando con David Catá

O outono fotográfico en Vigo

As fotografías de David Catá: unha dialéctica entre o espazo e o corpo.

Coa mostra Déjame volar do fotógrafo viveirense David Catá, que aínda se pode ver na galería Sargadelos, remata a edición do Outono Fotográfico 2017 en Vigo.

O festival galego de fotografía programou na última edición na cidade de Vigo un total de seis exposicións espalladas en diferentes espazos expositivos. Cómpre salientar o ambicioso deseño do festival nacido en Ourense que realizou un total de oitenta e cinco mostras tendo unha participación total de 250 artistas e contando como motivo xenérico de reflexión para o conxunto das mostras deste ano a o concepto de "Descrenza", unha formulación argumental abondo flexíbel para propiciar un abano de lecturas temáticas e formais ben largo.

Desde o pasado novembro, o Outono Fotográfico tentou e logrou visibilizar a fotografía. Nesta trixésimo quinta edición o festival ocupou un importante número de espazos expositivos de toda a xeografía galega, repartidos en 22 localidades, catro delas en Portugal. Ourense foi a cidade que acaparou a maior parte da programación, con 34 mostras en novembro e decembro, pero tamén chegou, ademais de a Vigo, a Pontevedra, A Coruña, Santiago, Lugo e Lalín, en Galiza; alén do Porto, Chaves, Melgaço e Braga, en Portugal.

Na cidade de Vigo o espazo do El Halcón Milenario foi o encargado de dar comezo á programación coa exposición de Xaquín Rosales Esquenzo, unha reflexión sobre as cousas que almacenamos na memoria, esquecemos e, despois, agroman xa convertidas en literatura.

A sede de Afundación acolleu o Premio Galicia de Fotografía Contemporánea coa exposición Renacer da viguesa Eva Díez, inspirada na poetica do espazo de Gaston Bachelard coa casa como territorio máxico e a luz como potencia rexeneradora.

A Galería Soho de Vigo presentou o ensaio Home Sweet Home de Rubi Lebovitch, imaxes inquietantes que conectan a soidade e o baleiro co concepto de sinistro, e no espazo Detrás do Marco Iria Vázquez amosou a súa Recolección de Luces, unha meditada proposta centrada no acto de ollar e na imaxe entendida como revelación que a pura acción de mirar consegue pór en funcionamento, despois de instantes de espera en escenarios urbanos.

A Sala de Fotografía Sargadelos acolleu primeiramente a mostra de Juan Adrio Fantasmagorías e despide o festival con Déjame volar de David Catá, mostra que remata o tres de marzo.

O atractivo traballo de David Catá componse de dez retratos, seis escenografías, un video e unha vitrinas que conteñen pequenas fotografías intervidas, en todas incopora sementes de leitaruga que para o artista teñen un valor argumental que vai alén da simple contrución estetizante, datádoas dunha significación ligada á rexeneración, á pegada que deixa o pasado, ao efémero, mais sempre cun sentido que evidencie a presenza da vida.

O labor fotográfico de David Catá parte no esencial dunha dialéctica entre o espazo e o corpo, complementándose cunha importancia relevante dada á intervención e ao aspecto procesual da obra, ben representado nas pezas e fotografías da mostra viguesa, con ese fluxo entre o retrato -no que está en cuestión é a privacidade espacial e emocional- e adherido -no que se subliña o efémero-. Está dualidade está representada dunha forma sinxela e ao tempo intensamante expresiva por medio desas sementes de leitaruga omnipresentes e pegadas aos corpos, dotadas de forte carga simbólica. En relación con elas o corpo é entendido na dupla concepción de soporte e resorte para o emotivo. Estamos, pois, perante un traballo que permite establecer unha tensión da que vai nacer a lectura simbólica e emotiva.

Título: Déjame volar

Autor: David Catá

Comisariado: Rita Ibarretxe.Local: Galería Sargadelos, Vigo. Até o 3 de marzo de 2018

Potencia performativa

  • David Catá sitúanos fronte a un tipo de traballo que parte dunha idea de análise da esencia humana e da súa sociabilidade e que incide en reflexións de extrema actualidade, no formal e no temático. Unha obra que mestura o pulo vital e a realidade conceptual, todo realizado cunha potencia performativa que funciona como resorte en primeiro termo para logo favorecer a reflexión. Deste xeito o artista afronta o feito creativo como un intento de dar solución a un reto (formal e temático) con fórmulas de intenso contido vivencial que funcionan como liberadoras e enriquecedores, como pulo para se mergullar na comprensión e na interpretación do seu mundo e do seu tempo, producíndose unha interrealación de logros formais e desenvolvemento temático. Mais en medio desa reflexión, con certo grao de desacougo, o corpo aparece como explícito trerritorio para a análise sobre a tradición e o presente. Coas súas intervencións con sementes o artista activa un particular ritual intimo que é reforzado polo contacto directo co corpo, instrumento que libera o traballo da súa reclusión ao rachar os límites de barreiras invisíbeis para así facer xurdir unha nova realidade, que poida ser fermento de novas formas de creatividade.

Compartir el artículo

stats