Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tono Alcalde: "Escoitar a Paco de Lucía cambioume o xeito de entender a música e a vida"

Músico

O músico vigués Tono Alcalde, en Moscova.

- Vde. comezou a súa carreira no rock duro. Como foi a evolución cara ao flamenco.

-A verdade é que o heavy metal era a música que máis me gustaba antes de que aprendera a tocar ben a guitarra; pero, a medida que ía progresando, funme abrindo a escoitar grupos e artistas coma Mahavishnu Orchestra, Jeff Beck, Mike Olfield, George Benson, os brasileiros Djavan e Giberto Gil, a caboverdiana Cesaria Évora e, daquela, coñecín a Paco de Lucía, de quen quedei enfeitizado.

-Enfeitizado por Paco e polo flamenco, supoño...

-Si. Escoitar a Paco de Lucía por primeira vez, marcoume para sempre. Identifiqueime axiña con el e co seu xeito de tocar a guitarra, de "falar" coa guitarra, e de facelo dende a máxima sinxeleza; é dicir, de expresarme a través dun instrumento de madeira, cordas de nylon e son natural, sen micrófonos nin amplificadores. O seu disco Entre dos aguas foi o que me fixo dar o paso de abandonar a guitarra eléctrica e pasarme á española. E, claro,despois de Paco coñecín aos Novos Flamencos, a Camarón de la Isla, a Ketama, a Pata Negra...Pero a fascinación por Paco de Lucía é moi especial; de feito, agora mesmo estou ultimando os detalles dunha obra multiinstrumental, composta por min e dedicada a el, que se vai titular Genio de genios en agradecemento á súa importante influencia tanto na miña música como na miña vida.

- Vde.empezou tocando a guitarra eléctrica...

- Pois, digamos que si. Cando era rapaz, o meu avó deume os cartos para que mercara unha guitarra eléctrica e un amplificador, e lembro que, como eu son cochaino e a orde das cordas das guitarras adoita estar disposto para destros, tiven que crear a miña propia técnica para tocala.

- Ademais de Paco de Lucía, que outros músicos deixaron pegada na súa maneira de entender a música?

-Sen dúbida, o mestre Félix Santos Guindel, con quen estudei harmonia moderna. Agradecereillo sempre porque, ademais dos aspectos técnicos, con el aprendín que na música, cando un quere saber, non hai límites. Félix foi un profesor marabilloso, moi motivador, ademais de, para min, o mellor guitarrista de jazz que hai en España.

- Antes de triunfar en Rusia, probou Vde. noutros países, non?

-Si, estiven de xira en Estados Unidos durante tres meses, co espectáculo Hispanic Flamenco Ballet, con músicos americanos e españois.Tamén actuei en Noruega...

- Ata que chegou a "proposta rusa"...

-Si, é foi toda unha sorpresa para min. Dun día para o outro, resulta que estaba a formar parte dun espectáculo de Stage Entertainment, unha das compañías máis importantes no mundo dos musicais.

- É Rusia un bo mercado para os musicos occidentais?

-Penso que si, aínda que eu só podo falarche da miña experiencia. Nas miñas primeiras viaxes, colaborei en varios concertos como artista convidado de Ivan Smirnov, considerado o mellor guitarrista de fusión de Rusia. E, pouco a pouco, fun formando o meu grupo propio e desenrolando un proxecto intercultural no que participan músicos de varios países: rusos, cubanos, sudamericanos...Tamén adoito colaborar con outros artistas. Rusia é moi grande e sempre queda moito por descubrir, e os rusos son moi amantes da cultura, moi detallistas e sempre abertos para todo aquel que teña algo que dicir e algo que lles aportar.

- A de "internacionalidade cultural" é unha expresión que Vde. repite moito...

-Claro! É que do encontro entre persoas, neste caso músicos, procedentes de distintos países, de distintas culturas, de distintas maneiras de entender a vida, xurde sempre un enriquecemento de cada un como ser humano.

- Vde. incluso participou alí nun espectáculo de teatro para nenos, algo moi especial...

-Si, chámase xustamente "Teatro dos Nenos", está dirixido por Olga Melkinova e teño colaborado con eles nos últimos tres anos. Estes nenos carecen de recursos para recibir formación de altos estudos e non teñen acceso a actividades culturais. Pero, por medio desta organización, que non ten ánimo de lucro, viaxei a diferentes cidades tanto facendo concertos para eles como aprendéndolles a tocar a guitarra española, cousa que, por certo, lles gustou moito. De feito, Olga xa me dixo que me agardan moi ilusionados porque están abraiados coa cultura española, a nosa gastronomía, costumes, lingua...

- Sorprende que, sendo Vde. de orixe galega, aínda non se achegase á nosa música...

-Esa é unha asignatura pendente que espero aprobar axiña. O certo é que pasei moitos anos fóra de Vigo e, agora que podo estar outra vez por aquí máis ou menos regularmente, recoñezo que empezo a sentir interese e necesidade de coñecer máis a fondo a música galega. Partindo desa idea, gustaríame abrir un repertorio propio con cancións con textos en galego para os que eu compoñería a música, que sería o resultado das influencias que teño asimilado ao longo da miña vida.

- Xa falta pouco para que volva a Rusia. Que proxectos leva para o ano que vén?

-En principio,retomar as xiras, tanto co meu grupo como acompañando a outros artistas, como teño feito dende hai sete anos en que cheguei por primera vez alí. Para mediados de 2018 teño pensado dar unha serie de concertos en escolas rusas e, se é posíble, dar a coñecer o meu propio proxecto musical noutros países de Europa.

Compartir el artículo

stats