Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Recreando un clásico

A riqueza da fraternidade

Recreando un clásico

A recreación do clásico de Hans Christian Andersen, A vendedora de mistos ten en Allumette un referente extraordinario. O seu autor, Tomi Ungerer, coñecido no eido da creación pola extensa obra que posúe, achega aos primeros lectores unha versión moderna do conto que o danés escribiu a mediados do século XIX e no que a tristura e a morte do orixinal son substituídas por actitudes de xenerosidade e solidariedade dunha nena que non dubida en compatir os agasallos caídos do ceo con quen o precisa. Iso si, o conto conserva pinceladas de crueldade e cobiza propias, ao noso pesar, do xénero humano.

Aquí como alí, maniféstase a crítica a unha sociedade desapiadada que fai do materialismo a súa filosofía de vida e do poder o instrumento que emprega para amosar a súa superioridade. Fronte a isto, establécese un entramado de relacións cuxos membros senten a obriga moral de prestar axuda ao outro baseándose na crenza de que un mundo mellor é posible.

Allumette debeu pensar que se desexaba moito algo, ao final, acabaría por cumprirse e así sucede no conto que Sandra e Óscar Senra Gómez traducen para o galego e que Kalandraka Editora publica na súa colección "Tras os Montes." Gañar a vida vagando pola cidade vendendo mistos, alimentarse dos restos que atopa no lixo e durmir practicamente á intemperie resumen a vida da rapaza que no Nadal, coas rúas adornadas e a música soando, só desexa erguerse da calzada onde caeu e vivir un pouco máis para saborear un pastel e un anaco de pavo.

E se no conto orixinal de Andersen cae unha estrela que trae á avoa, nesta ocasión o que desata a tormenta é unha chuvia de manxares e obxectos que colman á rapaza de satisfacción ao poder compartir cos máis necesitados o que ela tanto soñara para si.

A superación dunha etapa traumática é para a protagonista de Allumette un motivo de orgullo moi grande cando comproba que é quen de contaxiar a outros cidadáns nesta empresa de solidariedade.A ficción, sempre a ficción, consegue denunciar e aplaudir o comportamento daqueles pobres de bondade e esoutros ricos en fraternidade.

Pola súa parte, as ilustracións realizadas polo propio Tomi Ungerer acompañan a un texto duro e amable que non perde de vista o ton didáctico que amosan os xestos e as palabras, as cores e os trazos.

UNGERER, Tomi, Allumette, Ed. Kalandraka, Pontevedra, 2017, PVP. 15 ?

Compartir el artículo

stats