Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Alén dos Séculos Escuros

Literatura galega do XVIII. As últimas descubertas cuestionan a idea de escuridade

Diego Antonio Cemadas de Castro (1720-1777), O Cura de Fruime: sen dúbida, unha luz para a literatura galega do século XVIII.

A arquitectura é parte do poliédrico rostro do país. Éo como manifestación da arte: o sentir, comprender e expresar da cultura. E a cultura xorde dende os pobos. Logo, a arquitectura da nación delata os períodos incandescentes da súa existencia.

Pensemos no románico galego, "alborada luminosa" nos labres de Gómez Román. Esta estética xúnguese a unha época de dominio eclesiástico, nobiliario e monárquico do Reino de Galiza. Este poder explica (en parte) a cantidade e calidade dos mosteiros, arcos, pórticos, murais, canzorros ou xanelas. Patrimonio difundido con feliz teimosía pola asociación "O Sorriso de Daniel". Isto coincide coa consolidación das prácticas escritas en galego: trobadores e xograres, cantigas de amigo e de amor, prosa notarial e códices monásticos... A chegada do Pergamiño Vindel axudará a (re)coñecer mellor este ouro cultural.

O barroco debrúzase como outro capítulo áureo: o Obradoiro, a Peregrina, campanarios, pazos, retablos... Alfredo Vigo (catedrático de Historia da Arte) defende que o barroco foi unha expresión pétrea da identidade do Reino, con clara vontade de exaltación do que somos como pobo.Isto contrasta coa decadencia da lingua e literatura galegas. Por iso se fala dos "Séculos Escuros", termo hoxe cuestionado (léase a Historia da literatura galega, de Xosé Ramón Pena, quen propón "Galego Medio").

A represión lingüística acontecida durante a "doma y castración" do Reino acompañou as medidas de substitución do poder galego polo castelán, coas consecuencias sobre o uso (falado e escrito) e prestixio da lingua. Esta padeceu os feitos sociopolíticos e sufriu a distribución do discurso desprestixiador de todo aquilo ligado a Galiza, como Rosalía denunciou. O gótico pasou con pés de la e no XVIII emerxeu con forza o barroco. Nesa centuria as prácticas literarias en galego tamén collen folgos. En parte porque existe unha vontade de prestixiar o reino, seguindo Alfredo Vigo, e con el a cultura propia (pensemos nos textos de Feijoo ou Sarmiento, noso pai da Filoloxía Galega).

As últimas descubertas de textos en galego no XVIII (todos de circulación privada) cuestionan a escuridade e, por extensión, a cronoloxía dos Séculos Escuros. Unha nova mostra é a edición que Xosé A. Fernández Salgado (benquerido profesor) fixo de cincocentos versos anónimos contra o Cura de Fruíme. O achado produciuse no fondo Álvarez Blázquez da Fundación Penzol, a nosa arca testamentaria.

O volume (publicado en Laiovento) consta dunha completa edición moderna, ateigada de notas precisas e indispensables. Asemade, ofrece unha versión leal ao manuscrito e inclúe datos arredor daquel período que adianta carreiros de investigacións futuras. O traballo merece sincera gabanza.

Estes versos súmanse a outros descubertos hai pouco. Un feixe de papés que interrogan a exactitude do concepto e periodización dos "Séculos Escuros". O galego nunca deixou de ser lingua falada como tampouco deixou de ser lingua escrita, aínda que fose unha minoría culta. Se os textos se distribuían en circuítos privados e en manuscritos, abofé que haberá máis aínda que estes sexan de difícil aparición.

Se cadra estes escribidores facían como San Columbano, quen copiou ás agochadas un códice prohibido que gardou para si e para os seus. Fíxoo na escuridade dun cuarto, sen vela nin candil. Foron as puntas dos dedos que sostiñan a pluma de ganso os que desprendían luz, como cinco vagalumes. Se cadra aqueles autores tamén gardaron para si letras en galego, nun tempo en que Galiza era motivo de inxuria e rudo encono. Textos custodiados entre os defuntos á espera do seu rexurdir.

Compartir el artículo

stats