Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mussolini e Mallorca

Crónica do "Conde Rossi"

Arconovaldo Bonacorsi, o "Conde Rossi", con uniforme falanxista.

A Guerra Civil española, máis alá dun enfrontamento entre dous bandos que defendían intereses económicos, relixiosos, políticos e morais diferentes, serviu para que algúns estados europeos seguisen con cadanseu obxectivo xeoestratéxico e tamén para aventureiros de diversa condición tentasen pescar naquel río revolto que eran as milicias (Falanxe, carlistas, comunistas, anarquistas).

En xullo de 1936 Mallorca, Ibiza e Formentera foron os únicos territorios do Mediterráneo español onde triunfou a sublevación, pero estaban sen mando militar de primeiro nivel desde que o xeneral Goded marchara a Barcelona en apoio da sublevación e alí fose capturado e fusilado. Por iso, a organización pola República dun desembarco de milicianos cataláns, comandados polo capitán Alberto Bayo, fuxo que o xefe de Falanxe, Alfonso de Zayas, alertase o goberno italiano. Ben axiña, Roma enviou tropas e diverso material militar para asegurar que Mallorca seguise no bando sublevado. Nesa empresa había simpatía ideolóxica, sen dúbida, pero sobre todo había ambición de controlar as augas mediterráneas de cara a un hipotético choque entre Francia e Italia (Córsega formaba parte da ambiciosa "Grande Italia").

A presenza italiana en Mallorca tivo un dobre compoñente: o militar e o político. Este estaba mandado por Arconovaldo Bonacorsi, que cando chegou se fixo chamar "Conde Rossi". A súa misión -proposta polo Partido Nacional Fascista- estaba aparentemente afastada da axuda militar: tiña que organizar a FE de las JONS local para asegurar a colaboración (activa ou polo medo) da poboación civil.

Bonacorsi tivo desde o primeiro momento o apoio de Zayas. O "console" fascista evidenciou ben axiña a súa condición de home violento e sen escrúpulos. Agora, a súa figura e mais a súa actuación son analizados en Arconovaldo Bonacorsi: el "Conde Rossi" (PAM) por Josep Massot i Muntaner, historiador de orixe mallorquina e monxe bieito de Montserrat, especializado en estudar a Guerra Civil na súa terra de berce.

A figura deste "Conde Rossi" xa fora abordada en diversas ocasións, pero a lenda que sempre o acompañou impedía afastar luces e sombras. Agora, Massot faino de forma exhaustivamente documentada e sen maniqueísmo. Este historiador non oculta en ningún momento que os sectores dominantes de Mallorca (aristocracia, burguesía, clero) actuaron contra os opositores cunha crueldade que non tivo parangón verbo doutras zonas. Deron todo tipo de facilidades para o traballo punitivo de Bonacorsi cando organizou a Falanxe local e cos seus membros máis dispostos formou os "Dragones de la muerte", seguindo o modelo escadrista do fascismo italiano. Modelo que Bonacorsi coñecía ben por ter actuado en accións armadas contra socialistas e comunistas.

Bonacorsi percorreu a illa en actos propagandísticos e de proselitismo ata poder organizar unha demostración de forza nas rúas de Palma con milleiros de falanxistas, á cabeza da cal ía el dacabalo, no uniforme unha cruz, o feixe e as cinco frechas falanxistas, e casco na cabeza. Unha pose desafiante, megalómana, fría, moi ben definida uns anos despois por un italiano cuxo pai foi piloto en Mallorca: "Estrafalario, comediante, feliz de terse coñecido".

Da estancia de Bonacorsi en Mallorca, a palabra que quedou fixada na memoria colectiva foi "Fucilate!". Uns meses despois, o goberno do Duce ordenou a súa retirada e, tras una pausa en Italia, decidiu envialo á conquista de Málaga co CTV. Cando alí tamén organizou a represión, a súa actuación foi lamentada polos militares italianos e incluso polos propios falanxistas.

Matón

  • Arconovaldo Bonacorsi non deixaba de ser un aventureiro máis na Guerra Civil. Un auténtico matón malia a súa condición de avogado en exercicio. Violento e metido en negocios escuros na súa Boloña natal e en Milán, chegou a ser expulsado do PNF. Pediu a readmisión e pouco despois, por orde directa de Mussolini, foi enviado a Mallorca. Un home desmedido en todo e famoso pola súa voracidade sexual, atendida pola forza, cando non pola amabilidade de señoras da clase alta mallorquina ou a diario por pupilas do prostíbulo Ca n'Elena, pagadas en concepto de "plumas del Conde Rossi" pola Falanxe local. Unha actuación tan fóra de siso que lle valeu a advertencia de Juan March i Servera para que non se metese nos asuntos internos de Mallorca. Pero Josep Massot advirte que, sen negar a dimensión da violencia de Bonacorsi (motivadora das denuncias de G. Bernanos -moi cercano a Falanxe- en Os grandes cemiterios baixo a lúa), moitos represores locais lle atribuíron accións para tirar deles calquera sospeita. A documentación que acompaña a obra deixa ben ás claras a catadura deste individuo, de infame memoria, que non dubidou en fusilar a unha enfermeiras mexicanas que acompañaban a expedición de Bayo. Un ensaio, preciso e áxil, que pide unha próxima tradución para que non quede so en versión catalá.

Compartir el artículo

stats