Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

FARO DA CULTURAPara burlar a Chronos

Cando a arte expulsa o tempo

O fotógrafo Vari Caramés.

Algúns artistas, como é o caso do fotógrafo Vari Caramés, teñen un especial interese pola atemporalidade ou talvez deberíamos dicir pola eternidade. Na súa actual exposición, Versos Soltos, no Pazo de Torrado en Cambados, as fotografías non están acompañadas de datos temporais nin nominais. Dicía Aristóteles que o tempo é a forma de medir o movemento, así que estas obras, habitantes do non tempo, nin van nin veñen. Son, sen nome nin data de nacemento, simultaneamente cada instante sempre. Acaso no espazo bidimensional destas imaxes non se atopa o universo sen postergación nin anticipación, sen principio nin fin? Cada unha delas ten a potencialidade de converterse nun particular Alefh. Pode que algunha delas, ou todas, xa atoparon por fóra o seu primixenio observador, porque dentro xa existe. Isto pode ser tan inenarrablemente grande como pequeno, toda vez que a relación co tempo sempre nos excede no seu destino de ser e non ser simultáneo, desbordados na súa narración mudábel.

Hai certa subversión nesta forma da arte da imaxe estática que non necesita do tempo para estruturarse e que a súa medida pode ser pensada dende a calidade e non da cantidade. Unha simultaneidade que fai posíbel atopar o noso particular tempo fóra: ese mirar emancipatorio do tempo produtivo e teleolóxico que Bernard Welte reivindica con ansia liberadora como actitude militante da vida. Que sería da nosa existencia se fose vivida como un único momento? Que nos impide considerar o tempo dende a significación do único, consciencia do instante decisivo permanente? Isto implica contemplalo dende a marxinalidade da fronteira para saírse do relato de orixe e fin no que nos arroxou tanto a relixión como o mito e que nos empraza na horizontal unidireccional do tempo produtivo. Que hai desta consideración sempre ordenda cuantitativamente? É igual o instante da derradeira inspiración que estoutro que acaba de rematar como un grolo de auga insípida que xa habita o pasado xunto a nosa consciencia? O movemento da consciencia só é sobre o pasado e neste relato do tempo, este sentido só pode ser tráxico.

Pero a nosa narración do tempo só é unha das posíbeis, porque hai que considerala como a realidade máis auténtica? Hai maiores probas deste tempo irreversíbel que da oportunidade de que o eterno reloxo de area da existencia sempre altera a súa dirección, e nós con el? Se a vida toda fose o instante infinito, miraríamos estas imaxes e a nosa conduta dende outra perspectiva.

A consciencia da irreversibilidade convértenos en seres tráxicos e esquecer é a única forma de abandonar a melancolía. Cremos que no hai dispoñibilidade sobre o tempo para rectificar pero pode que o que non exista sexa o recordo. Se existira a posibilidade de refacer como novo relato, nada quedaría da nosa natureza tráxico-melancólica e tampouco se entrásemos no río de Heráclito: no mesmo río entramos e non entramos, somos e non somos.

Hai antítese na relación entre as figuras arte e tempo porque aínda que a arte internamente pode desterrar o tempo, necesita da súa existencia por fóra. Tanto a arte como o tempo atopan o seu destino na perspectiva da morte. Despois de todo, que é arte senón unha forma de escapar do tempo produtivo e da angustiosa certeza de que, no fondo, cando se esgota a corda do reloxo, no final deste paradoxico acumular de anos que cremos posuír, non hai nada, só está a morte?

Existirá a arte cando conquistemos a eternidade? Din que a partir de 2045 a morte non será o noso destino obrigado. Daquela estaremos na idade post-humana e xa non necesitaremos da arte. Tempo e humanidade teñen un destino común, pero se a nosa relación co tempo fose outra, e non este disparo que sempre alcanza o instante derradeiro, transformaríamos a nosa consciencia tráxica. De momento temos o consolo emancipatorio da arte, como o que ofrecen as imaxes do noso fotógrafo para burlar a Chronos e non deixarnos devorar polo tempo.

Compartir el artículo

stats