Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Política e grafías

Reflexións para un debate

Política e grafías

Da man de Edicións Laiovento, e da autoría de Vítor Vaqueiro e Nicolás Xamardo, chéganos, neste mesmo ano, Da identidade à norma. Língua, singularidade, consenso, antilusismo, reintegracionismo, jornalismo: de Galicia Confidencial a Sermos Galiza, un ensaio de 260 páxinas nas que os autores, sen ser especialistas en filoloxía -o que os faculta para exposicións máis asépticas e desapegadas desta disciplina- tentan, con acerto, facer de divulgadores de como a política, en sentido amplo, é quen, ao final, determina a escolla gráfica -e non só gráfica- do galego, e non a ciencia, puramente filolóxica ou lingüística, sen ningún outro tipo de influencia ou determinación.

O caso, o problema, a situación, vén de lonxe. A discusión será interminable. O máis seguro é que non haxa solución. Porque sucede que, no fondo, existe outro problema peor, moito máis grave (pois ambos forman un senfín, paradoxalmente cun fin ben seguro a longo prazo): así, se para os autores a "atual norma escrita do galego, em grande medida vassala do espanhol" é "um fator coadjuvante ao enfraquecimento da identidade galega", tal enfraquecemento da identidade galega leva a máis perda de identidade e máis perda de falantes; o que, inevitablemente, como queriamos dicir máis atrás, levará á confluencia das normas e da lingua, ademais de que, como tamén sinalan os autores, se a nosa lingua non se relaciona coas próximas, senón coa allea, acabará, como vén sucedendo, sendo totalmente succionada e asimilada. Exemplos neste sentido expoñen abondo os autores (Galiza/Galicia, o mito da "normativa oficial" -oito páxinas que recomendo vivamente, non só polo seu contido mesmo, senón ademais pola traslación que se pode facer a outras facetas da vida, en que as palabras e as expresións distorsionan a realidade e menten máis que calquera infundio-, as escollas léxicas, sintácticas e gramaticais en xeral, sempre a favor da proximidade ao castelán, que provoca a substitución plena a nivel popular, etc., etc.). De certo, se a pretensión dos autores é contribuír a este debate, o obxectivo pode considerarse conseguido, coa única limitación do interese polo debate mesmo.

Finaliza o ensaio coa análise do galego empregado por catro medios dixitais: Galicia Confidencial, Galicia Hoxe, Praza Pública e Sermos Galiza, con resultados dignos de ser lidos con interese, curiosidade e reflexión.

Rescatan, pois, os autores, para o que gozan de todo o dereito posible, sen necesidade de que o invoquen, a conveniencia actual de "falarem sobre as questões da identidade e a soberania", a través da problemática xerada arredor da lingua, e de entidades (como o Instituto da Lingua Galega) que, ao seu ver e no seu criterio, tiñan/teñen como misión controlar o desenvolvemento da lingua e encaixalo dentro dun proxecto rexionalista subxugado ao castelán.

Sen xénero de dúbida. trátase dun volume que debe lerse e reflexionarse, achegándose a el sen predisposicións ou prexuízos que deveñen inútiles.

VAQUEIRO, Vítor/ XAMARDO, Nicolás, Da identidade á norma, Ed. Laiovento, Santiago, 2017, PVP. 18, 70 ?

Compartir el artículo

stats