Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Pola Galicia fidalga

No pazo de Tor (Monforte de Lemos)

Algunhas das carruaxes conservadas. // galicia máxica

Capital da comarca do mesmo nome, foi precisamente a súa situación estratéxica a que levou ao asentamento de mosteiros, fortalezas e outras grandes edificacións ao longo da historia secular do concello lucense de Monforte de Lemos. Ademais das xoias do seu centro urbano -o convento de Santa Clara, o Colexio do Cardeal, a Ponte Vella, as murallas-, o nutrido patrimonio desprégase tamén polas parroquias. Sobre unha elevación que lle serve de miradoiro sobre o val, o pazo de Tor permite coñecer de primeira man una das máis importantes mostras da arquitectura pacega galega: un lugar con encanto e cheo de pasado que supón unha translación no tempo, pois non falta detalle.

As orixes do pazo están ligadas á liñaxe dos Garza no século XIV e a súa posesión mantívose en mans dos seus descendentes directos ata a súa derradeira propietaria Dona María de la Paz Taboada de Andrés y Zúñiga que fixo doazón da propiedade á Deputación Provincial de Lugo. Convertido en museo desde o 13 de xullo de 2006, todas as súas dependencias desbordan historia, xa que mobiliario e aveños son os orixinais. A visita permite coñecer integramente todas as salas e dependencias coas súas pezas e as coleccións que a familia foi atesourando ao longo dos séculos.

Tor é un amplo espazo aberto a todo o mundo. A propietaria transferiu o pazo facendo constar que non se alteraría a disposición do mobiliario nin a distribución de obxectos e obras artísticas, e que o uso da edificación sería sempre con fins culturais. Nestes dez anos cumpriuse a vontade da doante e os visitantes poden acceder á nobre construción de forma gratuíta e coñecer as dependencias tal como os seus moradores as viviron.

O edificio foi construído no último terzo do século XVIII. Aínda que o seu estilo é barroco, intúese xa algunha pincelada neoclásica. No exterior a decoración concéntrase nas fachadas, mentres que o interior se divíde nunha primeira planta residencia dos señores e unha planta baixa que alberga as cocheiras, as cortes, as adegas, a casa dos criados e todas as estancias habituais dunha vivenda agropecuaria.

O pazo conta con dezasete espazos visitables entre cuartos, comedores e salóns que, ademais do mobiliario orixinal, conservan un bo número de obras de arte (escultura, pintura, artesanía, tecidos, decoración?) de moi variada cronoloxía e procedencia. Interesantes son tamén un mapa de Galicia, elaborado por Domingo Fontán, e un plano-informe do ano 1757, feito polo escultor Agustín Baamonde, cun debuxo da praza do Campo Castelo de Lugo. Ademais da sala de armas, destacan o salón norte, o despacho, o salón de xogos, o salón do mediodía, o dormitorio principal e o comedor.

No salón norte colgan varios retratos ao óleo, entre eles o da derradeira propietaria do pazo, flanqueado polos dos seus pais e avós. Entre outras pinturas familiares, figura tamén una do que foi bispo de Salamanca, José María Varela de Temes, realizado por Cándido Garabal.

Varias vitrinas recollen un valioso e misceláneo conxunto de pezas de distintas mostras de artes suntuarias e decorativas (alfaias, abanicos, pipas, faltriqueiras, relicarios) de moi diferentes procedencias.

Na mesa central da sala ocupa un lugar preferente un vaso de cerámica pintado á man por Zuloaga. Este salón está comunicado cun dos cuartos de invitados no que habitualmente se aloxaba o poeta Uxío Novoneyra. Neste pazo excepcional, os obxectos, dispostos coma se non existise o tempo, contan historias da Galicia fidalga: desde bastóns a bargueños con caixóns secretos a salacots que narran o anhelo das viaxes a África tan propios de comezos do século XIX.

O labirinto de pedra

  • Tor rezuma elementos de interese tanto dentro como fóra do pazo. No exterior destaca o seu labirinto de pedra, unha mostra singular da xardinería barroca que se desenvolveu entre os séculos XVII e XVIII. Á moda dos estanques, grutas ou illas, sumouse a construción de labirintos vexetais que servían tanto de entretemento e reflexión para os adultos como para a diversión infantil. A tradición local di que é obra dun arquitecto italiano, coa peculiaridade de que os seus corredores están delimitados por laxes de pedra. O máis probable é que contra as lousas estivese plantado buxo que, ou ben non chegou a concluírse, ou ben o manto vexetal non soportou a climatoloxía monfortina.Ata hai non moitos anos había unha gran variedade de rosais nos espazos do dédalo. O trazado está formado por catro espirais enlazadas por oito camiños que converxen nas partes centrais, onde se levantan estanques con auga. Na galería do edificio pódese contemplar unha espectacular panorámica desde a que se observa en primeiro plano o orixinal labirinto. Hai moitas outras zonas para gozar do encanto deste pazo, como a fragua, o galiñeiro, as cocheiras (con catro carruaxes de cabalos do século XIX, así como diversas cadeiras de montar) e a guarnicionería. A biblioteca dispón de 2.948 volumes que dan corpo a 2.154 títulos, con obras que van desde o século XVI ao XX.

Compartir el artículo

stats