Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tres gascóns que eran catro

Dos reais mosqueteiros de Dumas

O cardeal Richelieu (1585-1642), Primeiro Ministro de Francia.

Se hai un trío coñecido desde hai case dous séculos, son os mosqueteiros imaxinados por Alexandre Dumas en 1844 grazas á habelencia de dar ao público lector un produto ben escrito e que mantiña o seu interese folletín tras folletín. Un interese que permaneceu intacto deica a hoxe, incluídas moitas películas, entre elas as de Richard Lester (1973 e 1974) con actores de primeirísimo nivel.

Pero quen deseñou estes os mosqueteiros, fieis servidores do rei Luís XIII e, sobre todo, da raíña Ana foi un dos seus "negros" literarios, Auguste Maquet. Este descubrira unhas Memorias do Señor de D'Artagnan, publicadas en 1700 e cuxo autor era Gatien Courtilz de Sandras, un memorialista e xornalista francés coetáneo de Luís XIV (pódense consultar no repositorio Gallica da BNF; Emecé editounas en castelán en 1961). Este autor cita ao tamén gascón François de Monlezun, sieur de Besmaux, garda con D'Artagnan na compañía do señor de Des Essarts en 1640 e, uns anos despois, ao servizo de Mazarino por elección de Tréville. Besmaux foi director da Bastilla, da cal Courtilz foi hóspede en diversas ocasións.

O certo é que Jean-Arnaud du Peyrer, conde de Tréville, tamén era gascón. Cuñado de Des Essarts, na novela de Dumas é o destinatario da carta que o pai de D'Artagnan -compañeiro de Peyrer nas guerras de Henrique IV- lle escribe para presentar o seu fillo. Na historia real, o conde de Tréville, despois de participar en diversas campañas -entre elas a conquista de Perpiñán- estivo involucrado sen que se demostrase nun complot descuberto por Richelieu. Á morte deste, Luís XIII chamou a Tréville para que mandase os mosqueteiros reais. Pero morto o rei uns meses despois e malia a protección da raíña Ana de Austria, Peyrer topou co novo ministro Mazarino, quen aspiraba colocar un sobriño como xefe da garda do rei.

Os tres compañeiros de D'Artagnan que dan título á novela de Dumas tamén tiveron existencia real. Foron tres curmáns gascóns do Bearn. Así, Athos estaba baseado en Armand de Athos, tamén señor de Sillègue e de Auteville. Curmán de Tréville, morreu aos vinte e oito anos en combate en 1643. Na novela ten unhas honras inventadas, como fantasioso é que, tras descubrir na súa muller unha marca por delincuente, a abandona créndoa morta tras mallala; reaparece como Milady de Winter, aliada de Richelieu.

Parente tamén de Tréville, Isaac de Porthau estivo na compañía de Alexandre des Essarts e despois nos mosqueteiros da Garda do rei. Á morte do seu pai en 1654, cando tiña trinta e sete anos, renunciou á carreira de armas e sucedeulle como secretario do parlamento do Bearn. Na novela de Dumas é grande e forte, falador, inxenuo e amigo de vestir con certa extravagancia.

A base do terceiro personaxe, Aramís, foi Henri d'Aramitz, sobriño de Tréville. Á morte do seu pai en 1648, deixou o servizo armado e fíxose crego, se ben en 1650 casou con Jeanne de Bearn-Bonasse. Isto fai sospeitar que fose pastor do protestantismo, relixión oficial do Bearn ata 1620.

E, finalmente, o protagonista. Courtilz deseñouno a partir de Charles de Batz-Castelmore d'Artagnan. De familia recentemente ennobrecida, entrou na Garda real xa en tempos de Mazarino e Luís XIV grazas á amizade dun seu tío con Tréville. A diferenza dos seus compañeiros na vida real, proseguiu no servizo armado ata a súa morte en Maastricht (1673). Por iso, acadou o maior rango militar de todos eles. Foi lugartenente da Primeira compañía dos Mosqueteiros d-el Rei, espía en favor de Luís XIV e gobernador de Lilla.

Un cuarteto e uns acompañantes que foron feitos perfectamente franceses na novela de Dumas pero cuxa presenza histórica non sería allea á influencia gañada polos gascóns coa ascensión ao trono en 1589 do seu compatriota Henrique III de Navarra e IV de Francia, aquel que sostiña que "París ben vale unha misa".

Compartir el artículo

stats