Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O cineasta que xurdiu do frío

Abderrahmane Sissako, corrente mariña

Cartel anunciador de Bamako (2006).

Todos nos preguntamos que tipo de insecto pode picar a un africano para que resolva trocar a cálida sabana maliense polos xélidos ventos que azoutan as rúas de Moscova en inverno. A resposta é un périplo que comeza en Kiffa (Mauritania) en 1961, ano no que Abderrahmane Sissako, último fillo dunha familia numerosa, chega ao mundo coa firme intención de secar as bágoas da súa nai e ocupar o posto do irmán fuxido. Unha presenza espectral que desde moi cedo se apodera de todas as conversas domésticas e que, como un eco, reverbera nos ouvidos do pequeno Adderrahmane: "Meu fillo, Chérif, estuda cinema; meu fillo, Chérif, estuda cinema".

Confesa que o feito de ir aprender cinema ao célebre Instituto Pansoviético de Cinematografía (VGIK) de Moscova foi máis un acto de amor filial que de querenza polo medio. Ás súas costas levaba a encomenda de facer realidade o soño comezado polo irmán ausente, o que en 1988 deu como resultado a obtención dun diploma final de mans dun dos máis importantes creadores de todos os tempos, Marlen Martynovich Khutsiev (1925, Tbilisi, Georgia). A curtametraxe titulábase Le jeu e o director que nacía, Abderrahmane Sissako.

Até o día de hoxe Sissako leva dirixidas catro longametraxes: La vie sur terre (1998), Heremakono (2002), Bamako (2006) e Timbuktu (2014). A primeira vista, e despois de vinte e oito anos no gremio, non parece que sexa un home preocupado por encher a súa filmografía con títulos. Concibe o cinema como un traballo "no tempo", o que explica que tome con calma, moita calma, cada un dos seus proxectos.

Desde unha perspectiva formal, as variacións entre os seus filmes non parecen significativas, mesmo poderíamos afirmar que a mensaxe de todos eles coincide coa de outros cineastas coterráneos: África xa non quere seguir sendo ese escenario exótico desde o que as elites europeas impoñen a súa visión estereotipada. Así e todo, a súa contribución reside sobre todo no encanto particular que lle confire á imaxe africana. Unhas personaxes que son capaces de falar de cousas inimaxinábeis a unha audiencia afeita ás secuelas e aos remakes.

Oktyabr (1992) sinala o final da súa colaboración co mundo ruso e, ao igual que o seu protagonista, Adrissa, un estudante africano residente en Moscova, el tamén partirá en busca de fortuna cara á súa terra natal. Será alí, na súa Ítaca particular, onde filme o resto da súa cinematografía.

En La vie sur terre, Abderrahmane Sissako, actuando el mesmo como protagonista do filme, conta o seu regreso a Sokolo (Malí) para visitar o seu pai. Unha estadía reflexiva coa que o autor pretende deliñar dous asuntos: en primeiro lugar, cuestionar as posibilidades do medio, pero tamén pór de manifiesto o valor do cotián, dos ritos da vida que pasan diante do visor. Nada máis e nada menos. É a primeira vez en que unha ficción vai lograr arrastrarnos até un mundo que semellará máis real que o noso. Por suposto, non será a última.

Decontado chegará Abdullah, personaxe principal de Hereamoto, un xove retornado que as pasa canutas para poder entenderse cos seus conxéneres nunha lingua que xa non recoñece e que non é quen de descifrar. Pouco despois, un grupo de venerábeis xuíces de Bamako (capital de Malí) tomarán a decisión de reunirse no patio dunha casa particular (que non é outra que a do pai do director) para procesar o FMI. Pode que Europa non lembre, pero África non esquece.

Achille Mbembe, o filósofo camerunés, aseguraba que "África é unha forza cultural que anda polo mundo como o fai unha corrente mariña no océano: forma parte del, mais ten os seus proprios movementos e temperaturas". Un filme é unha corrente. Seguir o seu curso é o que nos propón o director de cinema Abderrahmane Sisssako.

Proxeccións en itinerancia

  • O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia), con moi bo criterio, decidiu que talvez non fose suficiente con mostrar ao público herculino a obra de Abderrahmane Sissako, así que puxo en marcha un proxecto, Proxeccións en itinerancia, que permitirá ver aos espectadores de Vigo, durante os meses de setembro e outubro, tres curtas e outras tantas longametraxes deste africano universal.Na listaxe desta interesantísima iniciativa fica fóra a súa obra máis recente e tamén a máis polémica, Timbuktu (2014). Un filme co que obtivo sete premios César (incluíndo o de Mellor filme, Mellor guión e Mellor director) en Febreiro de 2015 e que se converteu da noite á mañá no éxito africano por antonomasia (superando só en Francia o millón de espectadores). Así e todo, a súa boa acollida de crítica e público non evitou a controversia xurdida pola asociación do director co actual presidente de Mauritania, Mohamed Ould Abdel Aziz, nin que durante a última edición de FESPACO (Festival Panafricano de Cinema e Televisión de Ouagadougou) houbese problemas para a súa exhibición, por cuestións de seguridade.Inspirado no feito real dun apedreamento acontecido durante a ocupación de Timbuktú pola rama Ansar Dine de Al-Qaeda, o filme fala da resistencia inxenua e valente duns habitantes remisos a aceptar as estritas leis da Sharia. Un desafío inocente que pon en xaque os fieis da senrazón.

Compartir el artículo

stats