Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A maior das fuxidas

Co sabor das grandes historias

A maior das fuxidas

A temática cristiá está de moda, non fai falta máis que ver as últimas estreas de Hollywood como Last Days in the Desert ou The Young Messiah, e A Biblia un ano detrás doutro segue a ser o maior best seller da historia da literatura. Pois ben, a literatura galega non permanece allea a esta vaga e ofrécenos a última novela de Bernardino Graña, A fuga a Exipto, publicada por Galaxia, para que non lle perdamos o gusto ás grandes historias.

Mais non é o noso un autor neófito, hai agora máis de dez anos, xa publicaba Protoevanxeo do neto de Herodes, unha obra coa que se iniciaba nesta liña temática e gañaba o Premio Eixo Atlántico. Neste sentido, o propio autor xa sinalou o carácter continuador deste texto a respecto do capítulo final daqueloutro.

Esta é a historia dunha fuxida, se cadra a máis famosa de todas as fuxidas habidas na historia, a protagonizada por María, Xosé e o seu fillo Xesús a través de Exipto convertidos en vítimas do odio de Herodes, o malo malísimo, famento do sangue daquel chamado a ser o rei de Israel.

Arranca a historia cando o neno ten dous anos, atravesan o deserto e seguen peregrinando ata que se instalan en Alexandría e vemos como se vai a vida pasando, e chegan máis fillos, e logo trasládanse ao sur e remata xusto cando chegan as noticias da morte de Herodes e deciden volver á casa.

María salienta entre o resto das personaxes, unha María desflorada por Antípatro, fillo de Herodes, sabedora da importancia do segredo de levar no ventre o futuro rei de Israel, nai dun príncipe prohibido polo seu avó pero moi desexado polo seu pobo. Envolta polo poder das circunstancias, casa co familiar máis próximo, o recente viúvo da súa tía carnal, Xosé, un home que lle triplica a idade e a quen olla como alguén xa maior a quen protexer. Fronte a ela, unha Salomé testemuña que os acompaña na súa viaxe.

Achegámonos á realidade política do momento, á afouteza dos galileos que se negan a lles pagar os impostos ao Escravo e a Roma e á reivindicación lingüística do arameo.

O autor reinterpreta a Biblia e a tradición apócrifa cristiá achegándonos ao presente deses tempos remotos e humanizando as personaxes, e o avanzar da novela é o discorrer desa vida na diáspora no cotián, no achegamento tanto a novas persoas como as que coma eles andan a fuxir. Bernardino deita na novela unha lingua moi gorentosa, especialmente rica nas escollas léxicas e na fraseoloxía e que tantas veces botamos de menos ao ler autores máis novos.

Sen lle restar méritos á súa obra lírica, cómpre reivindicarmos tamén para a narrativa o poeta do amor e do mar como habelencioso recreador historias.

GRAÑA, Bernardino, A fuga a Exipto, Ed. Galaxia, Vigo, 2016, PVP. 18 ?

Compartir el artículo

stats