Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De códigos e de industria

As claves para entender as razóns polas que se compran os dereitos dunha novela de éxito

Tom Hanks e Felicity Jones na rodaxe de Inferno.

Cando unha produtora merca os dereitos de autor dunha novela que no seu día acadou unhas substanciais cifras de ventas nas librerías, en primeiro lugar está a mercar tamén a curiosidade de centos de miles de lectores que ansían ver en imaxes o que antes ollaron en papel, e, en segundo lugar, adquire tamén unha importante campaña publicitaria a custo cero, iniciada no mesmo momento que o libro comeza a ser un fenómeno editorial e que se prolonga, sen paréntese, ata a estrea cinematográfica, razón pola cal é imprescindible que a realización da versión fílmica se leve a cabo nun período de tempo breve desde á publicación da novela, para enlazar así a estela do éxito literario co lanzamento da adaptación fílmica. Por este motivo, autores como Tom Clancy, Stephen King, John Grisham ou Dan Brown asinan a cesión dos dereitos para unha futura adaptación case ao tempo que escriben o último parágrafo da súa obra, construídas baixo os parámetros narrativos do guión cinematográfico clásico para facilitar así á súa translación ao cine ou á televisión.

Destes catro escritores citados, nos últimos tempos, Dan Brown pasa por ser o novelista con máis tirón comercial no planeta, sobre todo a raíz da aparición de O código Da Vinci, o fenómeno editorial que chegou a vender máis de oitenta millóns de exemplares en todo o mundo. Se tiveramos que realizar unha análise literaria, probablemente as conclusión non serían do agrado dos seareiros do escritor; sen embargo, un xuízo menos "elevado" desta obra pode amosarnos as propiedades que explican o seu éxito e que, ademais, acercan a súa narrativa á cinematográfica. O historiador e teórico do cine David Bordwell afirmaba que unha trama fílmica avanzaba con base na creación e satisfacción de expectativas; é dicir, créase unha expectativa e posteriormente, segundo a forma de resolvela, atraparemos a atención dun espectador: se a resolución se retarda, estaremos creando suspense; se contradí a resolución que o espectador anticipa na súa imaxinación, producimos sorpresa, e se, por contra, presenciamos unha situación da que non temos toda a información, estaremos fomentando a curiosidade. Eses tres puntos do discurso son os que Dan Brown estrutura con acerto, co engadido de que cada resolución vén acompañada dunha nova expectativa. Noutras palabras, n´O código Da Vinci cada vez que se atopa resposta a un misterio, ábrese outro novo de forma inmediata, como unha "gincana" literaria que consigue que a atención non perda intensidade.

Outra propiedade do mundo literario de Dan Brown, que vemos presente en toda a súa obra, e que fai referencia a aspectos temáticos, é a esfera onde introduce o misterio; isto é, o elemento desestabilizador: no interior dun dos espazos máis herméticos do mundo, o Vaticano, onde se atopan as respostas do berce da nosa civilización, respostas que el refuta a partir dunha exploración pola simboloxía cristiá. Canto máis aparencia de lugar seguro teña o espazo que é atacado polo elemento desestabilizador -roubo, asasinato- máis grande será o impacto e, polo tanto, máis intensa a capacidade para chamar a atención; non é o mesmo, a efectos impactantes, un crime nunha favela brasileira que, por exemplo, no interior da Casablanca.

Esta ambientación en torno á xerarquía católica permite, ademais, engadir á trama ingredientes que sempre atoparon cunha masa importante de seguidores: un pouco de novela histórica, arte e relixión, aderezada baixo unha capa de misterio. Non hai mais que ver as numerosas publicacións en torno a este tema que sucederon a O código Da Vinci para darse conta da repercusión que este libro tivo na industria editorial.

Inferno e A Divina Comedia

  • Esta semana chega ás pantallas cinematográficas Inferno (novela de 2013), a terceira adaptación dunha novela de Brown co seu personaxe fetiche, Robert Langdon -o profesor de simboloxía da Universidade de Harvard- como protagonista. Langdon que, desta vez, navega por A Divina Comedia de Dante Alighieri para desencriptar pistas que lle permitirán resolver un novo misterio en torno a el e aos problemas da superpoboación mundial.Tras a adaptación de O código Da Vinci e Anxos e demos, o realizador Ron Howard volve a botar man de Tom Hanks para encarnar o protagonista noutro lugar excelso desde o punto de vista artístico: Florencia. Esta transposición fílmica adiántase a O símbolo perdido (2009), a cuarta novela protagonizada polo profesor Langdon cuxos dereitos xa foron adquiridos por Columbia Pictures para continuar a saga. Pode sorprender, ou non, a contratación para todos estes proxectos de guionistas de nivel medio-baixo, quizais motivada pola total confianza na trama novelesca e conscientes de que a escrita do guión se limíta a un simple resumo e concatenación de episodios incluídos na fonte literaria redactado por Dan Brown cunha narrativa próxima á linguaxe literaria. Dar a coñecer e alimentar a curiosidade por unha obra xigantesca como vén ser A Divina Comedia pode resultar unha consecuencia máis que positiva en medio da voracidade comercial.

Compartir el artículo

stats