Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De sabor tradicional

Unha sorprendente frescura

De sabor tradicional

Iago López e Macus Romero aúnan os seus traballos para dar ao prelo un conto de sabor tradicional no que temas, personaxes e estrutura aseguran a recepción dunha historia que atrapa a atención do lector dende o comezo e que sorprende pola frescura das actuacións.

Martiño entérase polas súas veciñas que o rei anda buscando alguén para traballar na cociña real e ponse mans á obra para preparar un biscoito que lle valla un posto de traballo ben gorentoso. Mais cando chega a casa repara en que lle faltan os ingredientes básicos para preparar o doce polo que o pastor, a granxeira, o muiñeiro, unha veciña e a panadeira achéganlle todo aquilo que precisa para a súa elaboración. O recendo do biscoito anima os seus creadores a probalo e a Martiño a elaborar un caldiño que calme as dores de barriga do rei e que ao final é o que lle serve para converterse no novo cociñeiro do castelo.

A través deste conto acumulativo, onde todos se unen para axudar a Martiño, favorécese a atención dos rapaces, ademais as secuencias narrativas deste texto permiten desenvolver a memoria, a comprensión e a expresión oral. Á fórmula inicial vanse engadindo progresivamente outros elementos ata construír unha serie que mantén a expectación do lector. Créase así unha atmosfera de solidariedade que xorde da necesidade de axudar a quen o precisa e introdúcese na historia un aspecto que dende o punto de vista pedagóxico resulta certamente interesante como é o traballo colaborativo

que se converte nun proceso enriquecedor para aqueles que participan nel de forma activa, de modo que o concepto de responsabilidade individual maniféstase en cada un dos actos dos personaxes que non dubidan en achegar a súa substancia para acadar o obxectivo final que nesta ocasión se desvía, pero que serve de aprendizaxe e de exemplo para uns nenos que percibrirán na inclusión unha boa forma de actuar.

Así que ademais de asegurar a comunicación, en forma de intercambio constante, no texto alúdese á cooperación, a solidariedade e a xenerosidade como valores que han de estar presentes na sociedade, creando un sentimento de unidade que será o beneficio máis valioso para a persoa.

Tamén as imaxes, amables e tenras, acompañan a un texto sinxelo que contén todo o sabor que tiña o biscoito.

LÓPEZ, Iago, O cociñeiro Martiño (Ils. Macus Romero), Ed. Xerais, Vigo, 2016, PVP. 12, 90 ?

Compartir el artículo

stats