Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Da potencia dos sons

Poemas para comprender o mundo

Da potencia dos sons

Dado que a "poesía é infinita coma o universo", Fran Alonso explora na potencialidade dos sons, das sílabas, das palabras unha forma novidosa de achegarlles aos nenos e ás nenas un ritmo, unha rima, unhas verbas que colocadas e recolocadas dunha maneira determinada apuntan directamente á sensibilidade de quen se arrima á súa obra desprovisto dos corsés típicos e tópicos da poesía.

É a súa unha poesía que foxe de esquemas preconcibidos e busca acubillo no xogo, na diversión e no desenfado para amosar unha face diferente desta expresión artística da beleza. Para iso, enxendra, fabrica, crea composicións que abren as portas aos nenos a un mundo de versos e rimas, onde prima a expresión e onde os xogos de palabras, a linguaxe e as imaxes que evocan son os principais protagonistas, feito que permite mergullarse no mundo das ideas, dos sentimentos e das emocións.

Entre as composicións de Poemas birollos para ler cos ollos temos poemas absurdos ou parvos; un inventario de animais que constitúen o zoo das palabras; unha referencia ao fútbol, ao amarelo, a unha arroba que ten palabras no seu interior; unha invitación a pechar os ollos ou mesmo unha abordaxe poética que combina o vexo, vexo? con rimas populares.

Resulta novidosa esta concepción da poesía que dende o título avisa da desviación do aliñamento dun verso con respecto a outro, dunha palabra en relación a outra, impedindo fixar a mirada de ámbolos dous ollos ao mesmo punto do espazo. A falta de incomunicación ao redor dos ollos produce unha deliciosa desalienación que fai que se perciba a poesía como música e baile das palabras e que permite gozar verdadeiramente do sentido do xogo , ao mesmo tempo que fai boa a idea de que a poesía infantil é escrita para ser lida, comprendida e meditada.

Como xa sucedeu con otros volumes, O meu gato é un poeta ou Cidades, Fran Alonso amósase como un poeta que bebe da tradición e devece por incorporar plasticidade aos sons, ás palabras, ás ideas, por iso a parte gráfica cobra vida e inicia novos vieiros para a POESÍA en maiúsculas. Unha poesía que ademais de fomentar a memoria, estimular a linguaxe, axudar a comprender o mundo, favorecer a comprensión dos sentimentos e alentar a imaxinación é divertida.

ALONSO, Fran, Poemas birollos para ler cos ollos, Ed. Xerais, Vigo, 2016, PVP. 10 ?

Compartir el artículo

stats