Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

LETRAS GALEGAS 2016 - MANUEL MARÍA

Paixón pola fala

Manuel María e o fío da historia

Paisaxe da Terra Chá.

En coincidencia feliz co centenario das Irmandades da Fala, Manuel María (Outeiro de Rei, 1929-A Coruña, 2004) é o escritor ao que a RAG lle dedica o "Día das Letras Galegas". Medrou nas regras e no rigor do libro de horas que acompasa a cultura labrega, no respecto pola natureza, na ambigüidade das figuras entre lusco e fusco e coa ironía como manual de autodefensa. Adoito a súa obra se identifica por unha poética que se espalla desde as cousas de tocar coa man ate a querenza por nomear con xusteza "ese paxaro prodixioso que canta en todos os poemas". E a conciencia de finitude que, andando a Chaira, describimos como señardade.

Se Muiñeiro de Brétemas é un fito na literatura por sere o primeiro libro dun autor novo publicado en galego despois do Golpe Militar; se a súa obra contén verdadeiras alfaias de poesía existencial, amorosa ou social, en rexistros e modos diferentes; se o Terra Chá é un dos libros máis reeditados e se na Casa-Museo que acolle o seu legado podemos contemplar a pegada que recolleu dos devanceiros e que nos pasou a varias xeracións, unha das achegas que aínda está pendente é o estudo das colaboracións seriadas que escribiu para distintos medios de comunicación.

Inzadas de erudición histórica e xeográfica, as pequenas biografías, en grande número vencelladas ao oficio da escrita, son un dos xéneros máis mimados por Manuel María. Aínda que, a dicir verdade, as personaxes de estima tíraas do máis excéntrico dos comportamentos humanos, deses 'modelos' que son quen de confrontar a norma, por sobexo ou, simplemente, por desprezo. Son personaxes que coñeceu e que tratou, coma o poeta-barbeiro-alguacil Manuel de Paderna que lle aprendía a versificar, ou aqués dos que, por toda a vida, foi acumulando documentación. Un exemplo cabal témolo en don Juan de la Coba y Gómez, capaz de provocar o milagre de que o can de San Roque revese porque ese xenial escultor-agrimensor, coas presas de que estiver listo para as patronais, confeccionouno con carola de nabo.

Ou o meu preferido, o tío Valentín, unha entrega das de Andando a Terra na que conflúen todas as constantes do Manuel María contador de historias de vida: un protagonista que "rematou por facerse mestre de escola" en Cespón e compadrear con Castelao; un momento de crise e unha saída que, no caso do tío Valentín, foi ser o autor dun tratado para persignarse. Corcosendo as peripecias biográficas do curioso mestre, ao que despois lle dan praza en Lousame "onde hai unhas minas perto da parroquia de Fruime", sabemos que o tío Valentín, o heroe deste artigo, "non quixo emigrar" mentres o Manuel trae para a man común o recordatorio dos cregos poetas canda un inserto de saberes concretos que devalan no texto e alentan a nosa capacidade de fascinio.

Desta miña terra

  • Pola miña banda, no ronsel do que significou partillar con il tantos momento de existencia e innúmera angueiras, realicei o documental Eu son fala e terra desta miña terra, no que o propio Manuel se nos narra. O dvd do filme acompáñase dun libro-memorial da autoría de quen, dende a música á procura de documentos visuais, colaboraron na película. Por veces, na liña de sombra que debuxa unha tristura fonda no Manuel, aparece o vencello idioma-pobo e a urxencia de remediar un síntoma, o do desleixo, que non é outra cousa senón que a desaparición da nación, dese territorio onde se dan amores e mal de amores, relacións de Poder que Manuel María quere do revés: a prol das clases subalternas, das e dos excluídos das decisións. Tal se a lingua, o exército dos probes, fose o único facho que podemos manter mentres nos expropian as terras, o sochán, as augas, as almas, é dicir, a xinea, as conciencias.Asumir a pertenza a un mundo que se chama Galiza como materia literaria e como actitude ética levouno a atravesar todos os escenarios, a andar cada lugar, a pór nos ollos e na capacidade de abraio dos cativos e cativas Os soños na Gaiola canda o teatriño de guiñol. Ou a partillar o rexurdir da (Nova) Canción Galega que fixo e fai dele un dos autores máis musicados. E para alén da súa inmensa e diversa obra poética, máis de mil catrocentos artigos en revistas e xornais falan da súa teima divulgadora e da ansia por conversar e estar sempre, sempre en contacto cos máis.

Compartir el artículo

stats