Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xiana Lastra: "A xente implícase nos concertos e iso é o mellor que pode acontecer"

Xiana Lastra - cantante. voz de puntada sen fío

Puntada sen fío. FOTO: moncho rivadulla

-Como xorde Puntada sen fío?

-Basicamente, da amizade. Os tres coñeciámonos de traballar xuntos noutros proxectos e, ademais, tiñamos unha relación moi cercana. Un día Juan (Juan Collazo) comentoume que me conseguira unha actuación en Allariz como solista. Eu non tiña ningún repertorio como tal nese momento, así que decidimos ir os tres e montar un baseado en temas máis ou menos emblemáticos da música galega. O resultado foi moi satisfactorio e á xente chamoulle a atención a sonoridade do trío, así que nos comezaron a saír varias actuacións en diferentes lugares sen ter sequera aínda un nome . Foi entón cando decidimos poñernos un pouco máis "en serio", buscar un repertorio máis noso e poñerlle nome ao grupo.

-De onde vén o nome?

-O do nome foi un proceso bastante longo... démoslle moitas voltas. O de Puntada sen fío ocorréuselle a miña nai, que colaborou con nós na busca e era ela a que máis opcións nos daba. Gustounos moito porque é unha expresión moi empregada e moi común, pero que, segundo como a interpretes e a utilices, pode ter moitos significados e moitos sentidos diferentes.

-Non se pode dicir que sexa unha formación novel, porque todos teñen ampla experiencia no mundo da música. De feito, todos proveñen doutros grupos.

-Si, Juan máis eu tocamos xuntos no grupo de percusión Odaiko e os dous participamos tamén noutros proxectos como "O meu primeiro Celso Emilio" e "A miña primeira Rosalía". Eu ademais canto no espectáculo infantil "Pitusa Semifusa". Roberto forma parte do grupo Os d'Abaixo, entre outros, e tocou durante anos no desparecido Fía na Roca, que foi un referente no folk galego.

-Un primeiro disco no mercado e todo son eloxios, como o está a vivir?

-A verdade é que estou moi contenta coa reacción da xente. Tanto o repertorio como a nosa sonoridade son bastante peculiares, polo que non é algo que lle vaia gustar a todo o mundo a priori. Está tendo moi boa acollida e nos directos está a funcionar moi ben. A xente implícase e emociónase nos concertos e iso é o mellor que pode acontecer.

-Por que optaron polo micromecenado para publicar A lúa prendeu a luz?

-Porque sacar un disco e todo o que conleva é realmente caro. Facer promo, un videoclip, gravar o disco, facer as copias... por moi "caseiro" que pretendas facelo é caro e agora mesmo a situación está moi complicada para conseguir actuacións suficientes ou apoios que che permitanxuntar os medios para poder facelo realidade. Por iso basicamente pensamos no micromecenado, que é do que ultimamente está a tirar moita xente para poder levar os seus proxectos adiante, por desgraza. Estaremos eternamente agradecidos polo apoio e a confianza que a xente que colaborou despositou en nós.

-Que instrumentos utilizan? A sonoridade peculiar de Puntada sen Fío é unha das características do grupo...

-Si, eu creo que é unha das características principais. Os instrumentos que utilizamos son vibráfono (Juan Collazo), saxo (Roberto Rama) e voz, ademais dalgunha percusión nalgún dos temas.

-Cantigas baseadas na nosa música tradicional, pero tamén de autor ou mesmo algunha de fóra de Galicia traducida á nosa lingua. Foi difícil a elección dos temas do disco?

-Si e non. Moitos deles xa me acompañaban desde nena, xa foran cantados por min noutros contextos pero apetecíame poder gravalos e que quedaran "eternizados". Outros si que foron máis complicados, porque queriamos meter temas tradicionais, por exemplo, pero que non fosen moi coñecidos e cantigas de autor que tampouco foran dos de sempre, apostando por novos talentos como pode ser a poeta Rosalía Fernández Rial ou por persoas que xa levan moito tempo traballando, pero que tampouco teñen a visibilidade que deberan como Paco Barreiro, autor de "Eco", que foi o sinxelo e que ademais é de onde sae o nome do disco.

-Por que todas as cancións do disco falan do tempo, dos recordos?

-Falan do tempo nun sentido amplo: de acontecementos clave do noso pasado, de como afrontar as perdas ou de como ollar cara ao futuro. Foi algo que aconteceu un pouco sen querer, cando levaba seleccionados varios dos temas e que me fixo seguir nese camiño

-Cales son as súas influencias á hora de facer música?

-Son moitas e variadas. Gústanme case todos os estilos musicais, do tradicional ao rock, o pop, o country ou o pop. Este proxecto en concreto pretendeu ser en certa maneira reivindicativo canto á lingua e a cultura galegas, ao noso en maiúsculas, como queda patente nalgúns dos temas como "Fidelidade", con letra de Manuel María e música de Mini ou "O paseo", que é un tema tradicional recollido por Montse Rivera. Nese senso, penso que as maiores influencias para min son María Manuela e Mini e Mero, grandes persoas e artistas cos que teño o pracer de convivir e cantar desde que era nena e dos que aprendín moito da loita e da reivindicación.

-Cales son os seus proxectos, seguirán presentando o disco por Galicia, viaxarán por aí fóra?

-En principio pretendemos seguir tocando en Galicia, porque as cousas están tremendamente difíciles para actuar e quédannos moitos lugares que visitar. De cara ao ano que vén, miraremos o de abrir fronteiras.

Compartir el artículo

stats