Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Formativa lectura

Arredor da policía sexual

Formativa lectura

Da man da editorial Axóuxere, no número nove da súa "Colección Polimnia", chéganos Sexo e monstruosidade. Unha xenealoxía da policía sexual, da que é autor Antón Fernández de Rota (A Coruña, 1979), sociólogo e experto en antropoloxía cultural, cunha notable experiencia neste ramo do saber. A obra, breve pero intensa, moi ben anotada e cunha excelente bibliografía, resulta de curiosa, amena e entretida lectura, servindo ademais de estudo introdutorio ao campo referido, amplísimo e de innegable actualidade, cousa nada estraña, se tratar da época que for, dada a temática abordada.

Ben artellada ademais, coa súa introdución e conclusión, pasando polo estudo d´A revolución (Pantalóns e monstros político-morais), Feminismo e travestismo (Da Revolución á 'Garçonne'), Policía do sexo, I (Sinceridade e rangos corporais), Policía do sexo, II (Autenticidade e monstruosidades biolóxicas), Policía do sexo, III, 1 (Transformacións da normalidade sexual), e Policía do sexo, III, 2 (O "segundo sexo"), entendendo por policía "as determinacións, normas e éticas que definen o sexual en cada momento; aquilo que ordena o sexo, distribúe as súas particións ou establece continuidades entre os corpos, intentando dicir e facer ver o que é e debe ser, de xeito normativo".

Así, esta xenealoxía da policía do sexo -tamén ben acompañada de interesantes ilustracións históricas-, que o autor considera parcial, está escrita segundo el mesmo recoñece desde a perspectiva da monstruosidade e do travestismo, en diálogo cos feminismos e a historia do hermafroditismo, concluíndo despois do serio estudo que se están a crear as condicións que posibilitan outras revolucións e outras policías, que necesariamente irán acompañadas tamén de novos temores e monstruosidades.

Entre as máis interesantes historias antropolóxico-sexuais figura a do pantalón (aparición que xorde coa Revolución, a finais do século XVIII, e que forma parte dun fenómeno máis xeral que John Carl Flügel cualificou como "a gran renuncia masculina", ao sacrificarse a coquetería deste sexo a prol do utilitarismo, que ao mesmo tempo liberaba ao varón da obriga de lucir unhas pernas bonitas), inicialmente peza de vestir dos vencidos, dos pobres, dos labregos e mariñeiros, dos nenos e dos bufóns, que, nunha longa andaina, pasou a ser unisex e universal, e símbolo da igualdade.

Como ela outras moitas -como a prohibición do travestismo: a ordenanza da Xefatura de Policía parisina de 7 de novembro de 1800, que prohibía ás mulleres vestir ao xeito masculino (así, se querían poñer pantalón, antes tiñan que obter a autorización policial)?-, que con toda probabilidade interesarán e cautivarán a calquera lector. Lectura formativa, cultural e, de certo, merecidamente recomendable.

FERNÁNDEZ DE ROTA, A., Sexo e monstruosidade, Ed. Axóuxere, Rianxo, 2016, PVP. 10 ?

Compartir el artículo

stats