Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xulio Formoso : "Coñecer a Celso Emilio Ferreiro foi do máis afortunado da miña vida"

Imaxe recente de Xulio Formoso, en Caracas.

- A súa afección pola música comezou escoitando aos Beatles, aos Rolling Stones, e, en xeral todo aquel rock das décadas de 1960/70; pero, paradoxalmente, na súa traxectoria musical, Vde. sempre se decantou pola "canción de autor"...

- Aló polo 1964 en Bueu, cando tiña uns 14 anos, tentei de construír unha guitarra con táboas e madeiros cun resultado por demáis bizarro. O produto final foi un esperpento que tiña unha vaga semellanza coas guitarras usadas moitos anos despois polos Kiss. Pero daquela xa quería facer as miñas propias cancións e, de feito, compuxen unha no mellor estilo sesenteiro do "Ella te quiere yeah yeah" con aquel espantallo sen sequera ter a máis mínima idea de cómo se podía afinar. Foi a primeira canción que fixen na miña vida. Algún tempo despois, cando xa puiden ter unha verdadeira guitarra, seguín compoñendo cancións a cada cal peor, pero cunha constancia e empeño dignos da mellor causa. Xa en Caracas, en tempos do bacherelato, fundei un grupo rock co estrambótico nome de Square Rims ("Círculos Cadrados") que tentaba facer cancións do tipo romántico dos Stones ("Lady Jane", "As tears go by...") con más pena que groria. E xa máis tarde, por fin, animeime a poñerlle música a poemas de Farruco Sesto e Celso Emilio Ferreiro. Pero resumindo a túa pregunta, direiche que o de "especializarme" na canción de autor foi algo que xurdiu de xeito natural, non foi pensado. Sentíame máis perto e identificado cos songwriters que cos rockers.

- Cales foron os seus principais referentes do xénero?

- Bob Dylan, por suposto, sempre o gran Bob. Tamén Simon & Garfunkel e, en menor medida, Johnny Cash. Eu aprendín inglés porque quería saber que dicía Dylan nas súas cancións, e a miña maior aspiración na vida era gravar un LP porque pensaba que era a maneira directa de entrar na posteridade, na fama e na groria. No meu primeiro álbum, a influencia de Dylan é notoria e esmagadora. Nos seguintes discos, esta influencia iría diluíndose, pero teño que recoñecer que ainda nos meus últimos discos se notan eses influxos dylanianos. É algo que sempre irá comigo.

- Vde. estivo naquel Chile esperanzado tras da vitoria electoral de Salvador Allende, e daquela coñeceu a Víctor Jara e outras figuras latinoamericanas, no só musicais senón tamén culturais da época. Como lembra aqueles tempos?

- Os meus recordos do Chile da Unidad Popular son como flashes, como diferentes trailers dunha mesma película que se van esvaecendo: óllome na lembranza cantando en La Peña de Los Parra con Angel Parra, con Los Curaca e Víctor Jara; en La Chascona, a casa de Pablo Neruda no barrio Bellavista, co poeta falándome dos salitreiros de Atacama e dos volcáns de Temuco; acórdome tamén das Brigadas de Ramona Parra pintando nas rúas aqueles asombrosos murais e xerando unha nova forma de expresión dunha auténtica arte popular; e véxome, no frío cortante do inverno austral de Valdivia, nun mitin de Allende con Anne Lise no oitavo mes de embarazo da miña filla maior, Leyla.

- Cáseque ao mesmo tempo no que Vde. gravaba o seu primeiro disco, en Galicia xurdía o movemento de Voces Ceibes. Nalgún momento estableceu contacto con eles?

- Naquela época non tiven contacto con ningún deles. Así e todo, moitos anos despois, aló polos 80, e de forma totalmente casual, contactei con Suso Vaamonde porque coincidimos nun concerto ao que nos convidaron na Hermandad Gallega de Caracas. Despois, volvémonos ver en 1996, en Vigo, diante dun excelso viño de Salvaterra no Bar Elixio. Foi co único que tiven relación algunha vez. Agás esa excepción, nunca coñecín persoalmente a ningún dos Voces Ceibes.

- A Vde., que de rapaz en Galicia era castelán parlante, como lle xurdiu a querencia por cantar en galego?

- As primeiras influencias foron a través dos poemas do libro Da estrela e da fouce de Farruco Sesto e, despois, pola relación directa que mantiven con Celso Emilio Ferreiro. Foi unha circunstancia afortunadísima para min poder compartir a presenza de Celso Emilio de forma constante e frecuente durante algún tempo e poñerlle notas e acordes aos seus poemas, con el ao meu carón.

- Durante uns anos ,Vde. dirixiu o Centro Nacional del Disco de Venezuela. Que é o CENDIS e cal é o seu labor?

- Fun presidente do CENDIS dende a súa fundación, instalación e posta en marcha. O Cendis foi un selo disqueiro do estado venezolano que naceu co propósito de recuperar, afianzar e difundir a identidade cultural do pobo de Venezuela mediante a produción, edición, reedición e distribución de obras audiovisuais. Durante a miña xestión reeditamos, recuperamos, producimos e gravamos a deceas de grupos, artistas e compositores que doutro xeito nunca poderían facelo polos altísimos custos e dificultades dasque sería moi longo falar aquí e agora. Pero esa obra esta aí e síntome moi orgulloso de tela levado a cabo xunto cun grupo excepcional de colaboradores.

- Dedícase tamén ás artes plásticas. Como naceu en Vde. esta vocación, que é a que agora lle ocupa máis tempo?

- E que esta sempre foi a miña verdadeira vocación, incluso moito antes que a música. De pequeno, apenas camiñaba, xa me dedicaba a debuxar nas paredes da miña casa trens, paxaros, casas e barcos. Era unha verdadeira dor de cabeza para a miña nai, que despois tiña que limpar todo aquelo. Máis tarde, deume por facer retratos ao carboncillo e copiar con insistencia os gravados de Roberts e Doré que aparecían nas enciclopedias franquistas da época. Entrando na miña primeira década de existencia a principios dos sesenta, ocorreúseme facer un retrato do daquela Papa Xoán XXIII e tiven a audacia de enviarllo por correo cunha dirección que decía: "Papa Juan XXIII. Santa Sede. Vaticano. Italia". Cal no sería a miña surpresa cando, ao cabo dun par de meses, me chegou una carta co membrete do Vaticano agradecéndome o xesto en nome de Súa Santidade e augurándome un brillante porvir na plástica!

- Cales son os seus principais referentes artísticos?

- De mozo, Gustave Doré cos seus gravados e Boixcar coas súas Hazañas Bélicas. Xa máis adiante, Lichtenstein e Moebius. E, na actualidade, o paisano Miguelanxo Prado, polo que sinto unha profunda admiración e unha "cochina" envexa de non poder nin de lonxe debuxar e pintar coma el.

- En que se asemella compoñer unha canción a pintar un cadro?

- Pintar a música ou musicalizar a pintura, compoñer unha canción ou pintar un cadro. son ramas de variedades distintas dentro de da mesma especie. Ultimamente dedícolle moito máis tempo ao debuxo e á pintura que á música. Teño un principio de artrose nas mans que necesariamente terei que atender cirurxicamente antes de quedarme inútil. Iso impídeme polo de agora calquer aactividade instrumentista, nomeadamente coa guitarra, que é o meu instrumento básico e principal de traballo. Co debuxo e a pintura fáiseme un pouco máis doado.

- Teño entendido que proxecta volver a Galicia axiña. Cales son os seus plans?

- Como che dicía anteriormente, coido que terei primeiro, necesariamente, que pasar por unha ciruxía de mans antes de pensar nalgunha posibilidade relacionada coa música. Agardo estar en aí en Galicia neste primer trimestre do 2016. Amencerá e veremos...

Compartir el artículo

stats