Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Da reivindicación dos excluídos

Paz Errázuriz e a fotografía como denuncia

Fotografía da serie "Boxeadores e loitadores."

Paz Errázuriz (Santiago de Chile, 1944) é unha fotógrafa autodidacta cuxo escenario fotográfico é sempre moi local, o seu propio país: Chile, pero cuxos temas e motivos resultan universais ao cabo. Os protagonistas das súas series son decote as persoas, cunha querenza case exclusiva cara ás xentes que están nas marxes: os pobres e desamparados, os miserábeis e desprezados, aqueles que en definitiva nunca son protagonistas estelares da historia. Errázuriz optou por construír ao longo da súa carreira unha gran galería de retratos que comprende esmolantes, titiriteiros, boxeadores, loitadores, travestis, putas, tolos, vellos, indixenas, represalidos da ditadura chilena, mulleres traballadoras... Instantáneas practicamente sempre en branco e negro porque a realidade que fotografa non permite demasiadas ledicias cromáticas. Traballos cuxa escala está entre o pequeno ou medio formato, porque se trata dunha realidade mínima que non precisa das grandes ampliacións que adoitan expoñerse nos museos; Errázuriz pensa que abonda con que a fotografía sexa agrandada pola nosa mente e mais o noso espírito. A artista traballa, ademais, en series porque a autora precisa convivir cos retratados e amosar en detalle as variábeis da súa vida diaria, mergullándese na súa cotidianeidade. Secuenciación que permite que o epectador realice un concienzudo e parsimonioso percorrido polos distintos momentos e actores desas imaxes. Dese xeito obríganos a unha ollada pertinaz e continuada fronte a un sistema ao que lle gustaría unha ollada rápida e fugaz sobre eses temas tan incómodos.

"Os durmidos" (1979), a primeira serie fotográfica que vemos na mostra, amosa indixentes durmindo na rúa, individuos miserábeis que botan unha soneca mentres o mundo, fóra do foco da artista, descorre seguramente afanoso e eficiente sen prestarlles a máis mínima atención

Velaí está outra serie con fotografías da vellez pobre nun asilo de anciáns, onde asistimos a diversas actividades de lecer que se celebran nesa residencia, e que percibimos cunha mestura de tenrura e patetismo, por ser actos tan pavorosamente infantís como senilmente dementes.

Observemos logo as dúas series realizadas pola artista nun hospital psiquiátrico e decatémonos de como a tenrura e os afectos mútuos vencen mesmo sobre a tolemia e a miseria. Pasado un tempo, Errázuriz volta ao psiquiátrico e retrata as internas vellas e núas nas duchas colectivas, febles doentes cuxas carnes emanan por mor da ollada da artista un fulgor sobrenatural. Co tempo, esas tristes e espirituais imaxes conseguirán que a maquinaría burocrática do hospital mude as súas políticas.

Recorro agora os retratos de boxeadores e loitadores e concordo con Errázuriz nesa masculinidade fráxil e delicada, nesa virildade débil e miserrenta deses homes que están moi lonxe de expresar a bravura e mais a violencia que se lles presupón no seu deporte. Unha serie que ben pode vencellarse con esoutra da autora que representa esculturas clásicas de varóns cuxa zona púbica foi mutilada ou perdida. Fotografías, por certo, realizadas na súa visita a museos de todo o mundo que constitúen a súa única produción realizada fóra de Chile. Fío mentalmente esa estatuaria coas series de traballos ao redor do nu de homes e mulleres vellas e penso na reivindicación que fai a artista da beleza esencial e absoluta inscrita en todo corpo humano, en toda persoa, independientemente de todo o accesorio (idade, peso, etc.).

Na mostra madrileña hai unha nutrida representación de imaxes da súa serie "A mazá de Adán"(1983-87) que realizou en torno aos travestis. Corpos emplumados de maquillaxe e vestiario feminino, pretendidamente coquetos que non conseguen agochar a miseria, a violencia machista, a transfobia e homofobia, a prostitución e as doenzas de transmisión sexual infrinxidas pola sociedade. Un binomio, o do sexo e a miseria, ao que voltará a artista cando documente na serie "Bonecas", xa en época recente, a esas prostitutas da fronteira entre Chile e Perú: mulleres de carnes orondas e vestiarios axustados nas que asoman, outra volta máis, as costuras rotas das novas escravitudes ás que se somete ás persoas pobres no século XXI.

Aínda menos mal que Paz Errázuriz estivo aí para dar testemuña deses seres miserábes afastados do grande discurso da historia. Reivindicando os marxes e a "fealdade" do mundo a artista chilena fai da arte algo máis central e infinitamente máis fermoso.

Título: Paz Errázuriz. Lugar: Fundación Mapfre, Sala Bárbara de Braganza, Madrid. Datas: Até o 28 de febreiro de 2016

Na Fundación Mapfre

  • A sala de exposicións que a Fundación Mapfre ten na rúa Bárbara de Braganza en Madrid, que mira de fronte á Biblioteca Nacional, é un deses espazos expositivos centrado nas mostras de fotografía que pola talla dos autores convidados e polos coidados catálogos editados se converteu nunha referencia peninsular de primeiro orde. Polas súas salas pasaron nomes fundamentais como Paul Strand, Josef Koudelka, Henry Cartier-Bresson, Vanessa Winship, Stephen Shore, Lynne Cohen, Alvin Langdon Coburn, Emmet Gowin, entre outros moitos.Nun contexto como o español de grande dispersión de espazos e variopintas programacións, que se repiten duns museos a outros, que unha fundación privada como esta se centro nun eido artístico concreto resulta de enorme interese para singularizar un espazo e especializar audiencias.

Compartir el artículo

stats