Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Na cerna de al-Nahda

Nós, (e) mais os integristas

Atentado contra as Torres Xemelgas en 2001.

Tras dos brutais atentados do 13 de novembro en París, as lideranzas do civilizado mundo occidental, do que os 'bárbaros' apenas coñecen outra cousa que violencia e explotación -parafraseando libremente unha vella sentenza de Anatole France-, apresuráronse a ditaminar que se trataba dun ataque dos bárbaros yihhadistas contra a nosa civilización, mesmo houbo quen o definiu como unha guerra de relixión, cando non de civilizacións. Ora ben, aínda que o discurso dominante, profundamente patriarcal, militarista, xenófobo e imperialista, renunciou á razón como medio para explicar o sucedido, sería bo darlle a palabra aquí e agora.

Alén de que nunha comparativa entre os efectos da islamización do Vello Mundo entre os anos 632 e 751 e a cristianización do Novo Mundo entre 1492 e 1750, a cristiandade sairía mal parada no que se refire ao exterminio de pobos e culturas, dito isto só co ánimo de contrarrestar esa corrente de opinión que defende que o que pretende a relixión musulmá é aniquilar todo ao seu paso e someter a todo o mundo á súa vontade, o que non ten sentido.

O importante, para quen defenda unha saída desta crise distinta á guerra, é saber como xurdiu o integrismo musulmán e, sobre todo, a que intereses obedece, para o que se fai necesario un pequeno paseo pola recente historia do mundo musulmán, comezando polo que na historiografía coñecemos co nome de al-Nahda, o renacemento musulmán que sentou as bases do nacionalismo panárabe, democrático e laico, que xurdiu a finais do século XIX e comezos do século XX, casualmente en Exipto, onde as potencias occidentais, precisamente para contrarrestar o ascenso dunha forza progresista que podía deixar de ser submisa aos intereses de Occidente, apoiaron a creación da primeira organización do que poderiamos denominar integrismo do islam político: os Irmáns Musulmáns.

O guión, ensaiado por primeira vez no Exipto en 1928, desgrazadamente volvemos velo en numerosas ocasións: primeiro en Irán, onde no ano 1953 un golpe de Estado derrocou a Mosaddeq, o primeiro ministro elixido democraticamente en 1951 que nacionalizara o petróleo?, promovendo o ascenso do sha Reza Pahlavi, quen reverteu o proceso de democratización e modernización do país. Axiña en Indonesia, logo de que os EEUU constatasen unha seria ameaza comunista, promovendo unha verdadeira masacre de comunistas (arredor de 500.000) e o derrocamento de Sukarno, quen foi sucedido por Suharto, quen paralizou as reformas en marcha. Algo semellante pasou en Exipto durante o goberno de Nasser, quen promoveu a laicización e modernización de Exipto, para o que nacionalizou a canle de Suez, o que provocou o apoio norteamericano aos Irmáns Musulmáns e, logo da Guerra dos Seis Días, a promoción de Sadat en 1970 un ditador fiel aos intereses norteamericanos. Con todo, o feito que máis nos achega á situación actual, foi o apoio norteamericano aos 'valentes loitadores muiaidíns', como sinalaba a dedicatoria de Rambo III substituída en 2001, en contra do presidente democrático Najibulá, a quen substituíron os talibán.

Despois de 2001, malia o atentado das Torres Xemelgas, Occidente seguiu a financiar e armar a aqueles grupos de oposición aos gobernos que lle resultan incómodos: Iraq, Libia? e agora Siria, aínda que as consecuencias sexan o caos, a morte de milleiros de vítimas inocentes e o xurdimento de grupos que, fundamentalmente, se caracterizan por someter á poboación local.

Daquela, a solución deste conflito histórico non é a guerra. A solución pasa por abandonar os nosos intereses petroleiros en Oriente Medio e terminar coa explotación de clase -nos nosos países- e nacional -nos países musulmáns-; só así, superando o capitalismo, resolveremos un conflito do que non somos vítimas inocentes, senón os máximos responsables.

O Estado Islámico: unha reflexión

  • É o Estado Islámico o inimigo de Occidente, como lles gusta dicir ás lideranzas mundiais (Obama, Hollande, Cameron, Merkel, Rajoy?), ou apenas un peón ao servizo de Occidente nunha guerra na que o obxectivo final é facerse co control dos recursos petroleiros e gasísticos que agochan no seu subsolo países hoxe devastados pola nosa rapina, como Iraq e Siria?Á luz dos atentados de París semella que a resposta debería ser que o Estado Islámico é o inimigo, pero a realidade non é tan simple: os atentados de París son os danos colaterais, do que saben moito os exércitos da OTAN, dunha guerra que se libra, co apoio do Estado Islámico, contra o inimigo real: o goberno sirio, presidido por Bashar al-Ásad, Irán e Rusia, que nestes momentos son os únicos gobernos que se opoñen á estratexia imperialista dos EEUU na rexión.O Estado Islámico é o mal necesario para lograr o obxectivo desexado: o control dos recursos petroleiros e gasísticos situados en Oriente Próximo, para o que son posibles dúas alternativas: o sometemento dos gobernos aos intereses norteamericanos (Arabia Saudita?) ou a destrución e o caos (Iraq, Libia, Siria?), unha estratexia na que nunca foron recibidas como aliadas as forzas democráticas e laicas, como o pobo curdo que loita por liberar o territorio ocupado polo califato.

Compartir el artículo

stats