Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cinema e Nadal

Contos para a gran pantalla

Se na Semana Santa a programación televisiva se enche de películas bíblicas ou cine péplum, o Nadal tamén conta cun catálogo considerable de produtos cinematográficos de seu. Como unha tradición equivalente ao aceso de luces, a árbore decorada ou as uvas de fin de ano, televisións de todo o mundo volverán emitir nestas datas a "dickensiana" película de Frank Capra Que fermoso é vivir! (It's a wonderful life, 1946), filme que difunde unha mensaxe paradoxal: mentres, por un lado, o filme aconsella conformarnos co que temos aínda que pasemos moitos apuros para chegar a fin de mes, por outro, a solidariedade colectiva da veciñanza permite ao personaxe sobrevivir a un desapiadado capitalista. Así e todo, o que a película trata é a eterna disputa entre humanismo e materialismo, disputa que tamén padece o Nadal na actualidade coa exaltación consumista que non atopa parangón noutras épocas do ano. Cunha narrativa maxistral que rompe a estrutura clásica de presentación, nó e desenlace -a presentación, que adoita ocupar algo menos dun terzo do relato, esténdese case ata a conclusión- Capra filma un das secuencias finais máis emotivas da historia do cine. Con todo, pouco se pode ler nos libros de historia do cine os paralelismos que esta longametraxe ten con El destino se disculpa, dirixida dous anos antes por José Luis Sáenz de Heredia e con guión de Wenceslao Fernández Flórez. Juan Antonio Bardem definiu a filmografía de Frank Capra, sen ánimo despectivo, como os contos da "avoíña Capra", ilustrando deste xeito o compoñente infantil, agora son eu quen utiliza este adxectivo sen desdén, que rodea ao Nadal e, por extensión, a moitas películas ambientadas nesta festividade, entre elas, unha película do propio Bardem, Felices Pascuas (1954), aínda que, dunha forma sibilina, introduce un subtexto moito máis subversivo que a película de Capra, con algunhas secuencias que buscan facer un retrato social non exenta de retranca.

O compoñente infantil do que falabamos inundará a maior parte das películas sobre o Nadal. Son datas familiares, polo tanto axeitadas para visionar películas en familia: as múltiples versións de Un conto de Nadal de Charles Dickens, comedias románticas, películas de animación, etc., pensadas para transmitir iso que chaman "espírito do Nadal", concepto ambiguo como poucos.

Porén, existen outros títulos que voltean esa mirada cándida, como é o caso de Plácido de Luis García Berlanga. A insolidariedade e o individualismo, temas que mellor representan o cine de Berlanga -e do seu guionista, Rafael Azcona-, da sociedade española do franquismo son analizadas neste filme coral. Nunha pequena cidade de provincias, un grupo de mulleres acomodadas decide organizar unha campaña para sentar ás súas mesas a un mendigo o día de noiteboa. O obxectivo deformante que utiliza Berlanga para filmar a película converte a Plácido nunha das mellores comedias do cine español.

Atopamos tamén outra longametraxe afastada da temática tradicional do Nadal na filmografía de John Huston, estamos a falar de Dublineses (The deads,1987), baseada no relato "Os mortos" do escritor irlandés James Joyce. Trátase da última película de John Huston, filmada como un testamento vital e protagonizada pola súa filla Angelica. A película sitúanos na cea da Epifanía nunha casa burguesa. As conversas da velada gravitan en torno ao fatídico paso de tempo e a morte, ata que a protagonista feminina confesa un amor de xuventude tráxico.

O ronsel de Dickens

  • Desde que Charles Dickens publicara en 1843 -concretamente un 19 de decembro- Un conto de Nadal, poucas representacións cinematográficas escapan ao trazo perfilado polo escritor inglés na súa historia das pantasmas do pasado, do presente e do futuro. Un argumento máxico, un personaxe que evoluciona desde a avaricia cara a xenerosidade (Ebenezer Scrooge) e unha ensinanza moral universal. Alén das múltiples adaptacións fílmicas, a novela irradia algo máis que un argumento, irradia unha mirada amable e humanista que acabará sendo case como un leitmotiv que imbúe posteriores películas ambientadas no Nadal, aínda que non parta da devandita novela, é dicir, e como se todas estas historias foran herdeiras da tonalidade subministrada por Dickens.Queda a dúbida de se, por exemplo, unha película como Que fermoso é vivir! acabaría sendo tal e como a coñecemos hoxe e día de non ser por Un conto de Nadal. Se na película de Capra un anxo ensinaba ao protagonista como sería o mundo de non ter nacido, na obra de Dickens unha pantasma amosa ao señor Scrooge o terrible futuro que lle agarda se non cambia de actitude. A fin de contas, a obra literaria fala da soidade, unha enfermidade invisible, a enfermidade do século XX, que precisamente por estas datas adoita ter un rebrote ben considerable.

Compartir el artículo

stats