Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

"Eu sempre fun rebelde, incluso para escribir esta novela"

Alberte Santos Ledo - XORNALISTA E ESCRITOR

Alberte Santos, nunha librería de Santiago. FOTO: xoán álvarez

- Abofé que demorou Vde. dabondo en publicar a súa primeira novela. Por que non o fixo antes? Porque non tiña tempo por mor daquilo de que o xornalismo absorbe moito ou, quizais, porque é Vde. moi perfeccionista?

-O xeito de enfiar a historia, con tantos narradores, con tantas historias, con tantos personaxes, non era sinxelo. A estruturación da novela consumiu moito tempo. Esa complexidade levoume a gardala no caixón certo tempo e, logo dunha tregua terapéutica, volver a ela. O proceso alongouse varios anos. É agora, ao ver O rebumbio dos vagalumes nas mans da xente, cando a considero definitivamente rematada. Pero até chegar aí, Paula, o personaxe principal, fíxome pasar moitos apuros...

-Falando de Paula, chama a atención que a protagonista sexa unha muller. Por que, sendo Vde., home elixiu neste caso unha personaxe feminina?

-A elección dunha muller como personaxe central da novela encaixaba co que quería salientar contar. Paula, como personaxe, retrata as dificultades que calquera de nós ten para enfrontarse aos cambios que precisamos enfiar para superar a frustración e a infelicidade. Ela ten moito máis do que precisa, pero séntese moito menos do que ela quere ser. Moitas persoas envexarían as súas posibilidades para ser feliz. Pero Paula, ao se enfrontar coa súa realidade, ten que superar dúas fronteiras: o papel que os demais agardan dela e a súa resistencia como nai e como parella. A construción do personaxe de Paula foi máis un reto literario que mental.

-Cal foi o motivo, o punto de arranque que inspirou a historia de Paula que Vde. conta?

-O punto de arranque foi enfiar as complicacións que todos temos para ollar de fronte as frustracións que sentimos ao longo da vida. Eu quería compór un universo de personaxes que puideran retratar o diferente grado de valentía e os medos que as persoas temos para enfiar o porvir. De cantas cousas das que nos pasan, e que son decisivas na nosa vida, somos os verdadeiros donos? Canto pesa o azar, o que nós non decidimos, no desenvolvemento da nosa traxectoria? A rutina e o medo fronte ao cambio e a incerteza explican moitas frustracións. Eu creo que a mestura de personaxes axuda a darlle ritmo e forza a historia e a trama.

-Hai autores que confesan que, ás veces, se lles van das mans os personaxe que crean, no senso de que cobran vida propia. Ocorreulle isto con Paula e demais protagonistas da súa novela?

-Nunca conseguín ter a Paula nas mans! É unha muller escorregadiza e complexa que non enfía a vida seguindo os comportamentos convencionais. Por iso hai tantos narradores. Paula foxe do papel que os demais agardan dela, incluso a súa mellor amiga. A rebeldía dela, malia o medo, empúrraa a fuxir do conformismo e da mediocridade. O que ela considera insatisfactorio, outros envexaríano. O personaxe de Paula foi o que máis dificultade tiven para conter.

-A historia ten cinco voces narrativas. Non lle resultou un reto moi complicado para tratarse dunha "ópera prima" ou é que o relato que Vde. quería contar precisaba de máis puntos de vista?

-A pluralidade de narradores dálle ao lector a posibilidade de ter unha perspectiva máis poliédrica da historia e de Paula. É certo que a estrutura da novela, dende o punto de vista da construción, é complexa. Pero eu creo que ese xeito de desenvolvela é enriquecedor para o lector. Cinco voces narrativas axudan a que a historia medre con ritmo e forza. Eu quería que O rebumbio dos vagalumes fora unha historia entretida e na que os lectores conseguiran facerse donos da interpretación de todo o que está a acontecer. O lector é quen lle dá luz aos vagalumes...

-Como di o resumo, "O rebumbio dos vagalumes

-Eu sempre fun rebelde, incluso para escribir esta novela! O inconformismo alenta a rebeldía. Pero os inconformistas non son sempre rebeldes e valentes para enfiar o cambio que precisan e arriscarse a perder o que teñen. Cántas veces, por medo ao risco, aturamos que todo o que nos rodea siga como está... O inconformismo non garante un porvir mellor. O medo ao risco que supón cambiar de vida, de parella, de lugar, ... acaban conxelando os nosos pulos de rebeldía. Eu creo que a novela debuxa o comportamento de diferentes personaxes, de acordo coa maneira na que cada un enfía a súa rutina. Paula é unha inconformista que acaba rebelándose contra a súa frustración e, ademais e polo feito de ser muller, contra o que se espera dela...

-Resúltame inevitable preguntarlle polos seus autores e obras favoritas e, sobre todo, por aquelas obras e autores dos que recoñece certos influxos no seu xeito de entender a creatividade literaria.

-É difícil resumir os autores e obras que máis enchouparon a miña maneira de entender a creación literaria. Creo que son moitos e non habitaron as mesmas épocas. Pero os que máis me atraeron como lector son Kafka, Becket, Böll, Kundera, Pierre Michon, Saramago, Vila Matas e Patrick Modiano.

-Ten Vde. ampla experiencia no xornalismo. Coida, entón, que o xornalismo que se fai actualmente na prensa escrita perdeu calidade literaria con respecto ao que se facía hai 20, 30?.ou máis anos?

-O xornalismo actual perdeu calidade literaria, capacidade de interpretación e precisión. Eu creo que a velocidade e multiplicidade de linguaxes que manexan hoxe os xornalistas non lles dá moitas opcións literarias. Internet e mais a inflación de actualidade veñen obstrúir a riqueza das palabras. A linguaxe do novo xornalismo é máis audiovisual que literaria. A literatura xa non é referente para o xornalismo.

-Entre 1988 e 1991 foi Vde. redactor da sección de Nacional do grupo Zeta e correspondente político no Congreso dos Deputados. Aqueles políticos que Vde. coñeceu eran (como pensan moitos) mellores que os actuais ou simplemente cambiaron os tempos?

-Non estou certode que foran mellores. Creo que hai vinte anos, os políticos eran os mesmos que os actuais. Esa é unha das causas que explican o que está a acontecer. As caras dos que dialogaban no Parlamento daquela son en boa parte os mesmos que o fan hoxe. Nin os políticos de hai vinte anos nin os de agora foron capaces de antepor o desenvolvemento dunha sociedade máis xusta, equilibrada e sostible aos seu intereses de clase. É unha mágoa! Pero creo que a fatiga social que todos sentimos en relación á política e pola política, resulta un motivo de esperanza.

-Vde. deixou o xornalismo de "primeira liña" por convición ou, como se adoita dicir nestes casos, todo foi "por circunstancias da vida"?

-A pegada do xornalismo é determinante na miña vida. Ter a opción de ollar a pouca distancia a política e mais a economía deume unha perspectiva moito máis reflexiva e crítica da que eu tiña. Crucei o río da información para desenvolver o meu traballo como consultor de comunicación. Pero creo que a miña cabeza segue na primeira liña da curiosidade polo que pasa cada día e tamén pola súa interpretación. No meu caso, acontece que a comunicación deveu unha paixón!

Compartir el artículo

stats