Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Paixón coleccionista

Gustos de Pierre Bergé e Saint Laurent

Salón de Jacques Doucet.

A Fundación Pierre Bergé e Yves Saint Laurent está dedicada a conservar e estudar o legado do modisto. Entre outras actividades, celebra exposicións periódicas na súa sede da Avenida Marceau, en París. A programación inclúe mostras específicas de vestidos e outras que estudan ámbitos relacionados co seu creador. Este outono a exposición Jacques Doucet-Yves Saint Laurent. Vivre pour l´art entra na paixón coleccionista destes dous principais modistos.

Os afeccionados á historia da arte do século XX terán ollado en máis dunha volta unhas fotografías dos anos 20, nas que aparece un salón das aforas de París, decorado con mobles de estilo art déco, en cuxas paredes están pendurados, entre outros, A encantadora de serpes(1891) de Henri Rousseau -na actualidade no Museo de Orsay- e mais As señoritas de Avignon (1907) de Pablo Picasso, arestora no MOMA)de Nova York. O modisto e coleccionista Jacques Doucet (1853-1929), árbitro supremo do estilo na fin de século XIX, foi quen de xuntar unha colección fundamental de arte moderna onde atoparmos pezas de mobiliario lacado de Eileen Gray, xerros de ourive asinados por Jean Dunnand, esculturas de Constantin Brancusi...Monsieur Doucet, antes de comungar no copo da arte de vangarda, tivo unha colección de mobles e cadros do século XVIII francés: obras de La Tour, Chardin, Watteau... foron postas en venda en 1912, xunta unha biblioteca literaria excepcional. En 1929 foi cando dedicou unha á da súa casa na rúa Saint-James, para dedicala á arte contemporánea: creando, baixo a dirección dos interioristas Legrain e Miklos, un espazo único para a relixión da arte. Jacques Doucet é un dos grandes couturiers da historia, famoso por ter creado algunhas das prendas máis custodas e referinadas da súa xeira e célebre aínda contar entre os seus discípulos con Paul Poiret e Madeleine Vionnet. Digamos, en fin, que vén ser o gran "connoisseur" no eido da moda na primeira metade so século XX. Mais ese título de gran "connoisseur" correspóndelle, xa na segunda metade so século XX, a Yves Saint Laurent (1936-2008), quen, non soamente revolucionou a moda co traxe xastre, a sahariana e mais o smoking para dona, senón que artellou así mesmo todo un universo artístico habitado pola fraxilidade e mais a delicadeza, cuxa transposición a espazo íntimo esvaraba polas salas dedicadas á colección de arte que o propio Yves e Pierre Bergé, o seu compañeiro e socio de toda unha vida, tiñan na rúa Babylone en París.

Moitos afeccionados á arte, terán visto ese espazo fotografado en libros e revistas: un enderezo onde, con audacia, os dous cabaleiros misturaban estilos e xéneros. Mobles de estilo africano compartían territorio con outros de estilo 1925, asinados entre outros Jean Michel Frank. Cadros prerrafaelistas de Burne-Jones compartían salón cun fermoso retrato de neno pintado por Goya. Cadros de Léger e Mondrian asociaban visións reticulares coa escultura africana "páxaro sénoufo". Citando ao propio Bergé: "todos os obxectos da nosa colección están atados por un fío vermello: o gusto de Yves e o meu proprio". Esa colección ecléctica e única, paixón dunha vida, foi posta en venda pública no ano 2009, para reunir fondos con fins benéficos e científicos.

Obras mestras

  • O humanista vén ser aquel que, non soamente coida da súa vida laboral e sentimental, senón que ademais alimenta unha paixón intelectual que canaliza de diversos xeitos. Jacques Doucet e Yves Saint Laurent eran humanistas. Non soamente destacaron nas primeiras posicións da súa profesión artística da moda, senón que dedicaron tempo e esforzo a alimentar o seu espírito coas artes.Dúas coleccións feitas por eles, colocadas ao inicio e ao final do século XX e que acollen no seu seo a mestres de vangarda e artistas clasicistas de diversas épocas, da boa mostra. entre os tesouros alí acumulados hai obras de Miró, Léger, Brancusi, Manet, Picabia, Picasso, Mondrian, Goya? O afán coleccionista, esa reunión, ten nalgún momento unha diáspora: as vendas en poxa. Procedente da colección Doucet, chega á colección Saint- Laurent-Bergé unha cadeira curul asinada por Pierre Legrain. A maxia con auctoritas dese obxecto fai entender ese tránsito de propietarios. Na actualidade está no Louvre.O cadro Il Ritornante(1918) de Giorgio de Chirico formou parte asemade da colección Doucet e logo foi adquirido pola Saint-Laurent-Bergé. Na actualidade está no Centro Georges Pompidou. Esa afección polos obxectos, o que chamamos memoria involuntaria que nos acerca a uns e nos alonxa doutros, xunto coa vibración polos coetáneos, é o que guiou os pasos destes coleccionistas de lenda que tiveron unha vida pola arte. Agora pódense revivir esas coleccións, no espazo ad hoc creado na Fundación P.B.Y.S.L de París. Doucet e Yves xuntos na paixón pola arte.

Compartir el artículo

stats