Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O compango da poesía

Poesía hexágono, un volume que no seu conxunto vai máis aló dun simple recetario

FICHA TÉCNICA

  • Título: Poesía hexágono
  • Autor: Varios Autores
  • Editorial: Apirario, A Coruña
  • Prezo: 15 euros

Como ensinamos literatura? Ou o que é máis importante: como achegar a poesía, o xénero literario tradicionalmente considerado como máis complexo, aos adolescentes? Non existen as fórmulas máxicas, pero a emoción na transmisión é indispensable (cada vez é máis recoñecido o papel que estas xogan na aprendizaxe), a selección tamén (pois só se ama aquilo que se coñece) e as estratexias e o recursos non o son menos. Para mellorar esta complexa mestura de ingredientes incindindo nestes dous últimos elementos, chega Poesía hexágono, un volume fermosamente prologado por Agustín Fernández Paz, no que seis poetas (Estíbaliz Espinosa, Yolanda Castaño, Dores Tembrás, Antía Otero, Carlos Negro e Celso Fernández Sanmartín) achegan a súa experiencia impartindo obradoiros literarios arredor dos versos.

O volume no seu conxunto atopa un estimulante equilibrio entre as reflexións sobre o xénero (sobre todo nos erros e acertos na súa abordaxe no mundo ensino) e certas suxerencias de ximnasia poética, é dicir, o "como" practicalo. Así, convértese á vez nun convite a que as e os docentes arrichados aposten por levar certas propostas á aula e nunha suxerente provocación a aqueles e aquelas que aínda non se atreveron a dar o paso. O multiperspectivismo que achega convértese no seu mellor adobío, pois bebendo do espírito de Poetízate (a antoloxía de poesía galega para a mocidade ideada por Fran Alonso), resulta unha ferramenta que vai máis alá do simple recetario de fórmulas, porque alimenta. Poesía hexágono dá de comer motivos, razóns, reflexións, definicións e posibles xeitos de mirar un poema. Filosofía do verso, podería chamárselle. Azos e ilusión para traballar con textos poéticos nas aulas, tamén.

Do hexágono que propoñen cada unha destas traballadoras e traballadores da palabra cada quen debe escoller os fragmentos que lle parezan máis acaídos aos seus intereses e quizais, tamén o contrario, precisamente para deixarse sorprender. Dende o posicionamento teórico de Castaño fronte ao xénero, ao convite de Espinosa a saír do confortable mundo das letras nas letras para introducirnos no da ciencia nas humanidades, pasando pola poética da palabra no ámbito popular de Fernández Sanmartín; da reivindicación dos poetas non zombis e da práctica extensa do verso real e apetecible de Negro; sen esquecer a extensión natural do verso á imaxe (polo vídeo ou polo grafitti) que formulan Otero e Tembrás, quen se achegue a esta obra atopará seis abeiros para marabillarse e para aprender. Dicía Celso Emilio Ferreiro que "O pan é máis importante que a poesía, mais como comer o pan sen o compango da poesía?", así que estas palabras son, en realidade, puro compango.

VV.AA., , Ed. Apiario, A Coruña, 2015, PVP. 15 ?

Compartir el artículo

stats