Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Apoloxía do Caos

Desde a veracidade da existencia

Sigmund Freud (1856-1929).

O caos ten na nosa cultura un alento perturbador. Hai que di que unha harmonía orixinal quebrantada deu orixe á aparición das leis, e dende entón aquela sabedoría instintiva foi asociada co descontrol. Por iso debaixo da experiencia do desexo sempre latexa a culpa, é Dionisio desterrado pola moral. Preguntábase Unamuno porque non se di do home que é un animal afectivo ou sentimental, en lugar de racional, e argumentaba que non era quen de atopar probas de maior sentimento ou intelecto na conduta do seu gato. É posibel que na negación desta forza dionisíaca, estea o motivo do nesgo da falsa frecha apolínea que atravesa a nosa cultura cun rumbo equivocado, creando inconsciencia e alienación. A claridade e a embriaguez para os clásicos eran forzas complementarias e dende unha perspectiva espiritual atopamos a súa expresión como diferentes formas do ser.

Esta forza de autorregulación natural é propia do caos e moitos observaron como a súa negación ou represión é froito de infelicidade e enfermidade. Pero tamén se reproduce como un ideal de autenticidade en moitas tradicións espirituais en Oriente. Así, falar do Tao é falar deste comportamento que emana dende dentro cara a fóra, que nos fai participar de todos os ritmos do universo e que non é un froito da educación, senón do ser.

Neste sentido di Fritz Perls que ao non experimentar necesidades e impulsos, a autorregulación organísmica deteriórase, necesitando confiar en regulacións moralistas. Tamén o psicólogo Carl Rogers mantería que os grupos se autorregulan independentemente sen que ninguén os controle. Antes, Freud alertounos da catástrofe da represión, creando un espazo para que a persoas manifestasen con autenticidade esta consciencia reprimida fonte do malestar emocional, se ben que non se animou aínda a tomar partido polos impulsos porque pensaba que no home existe tamén unha polaridade de maldade que necesita ser controlada. E é que, o grande intelectual austríaco non confiaba, ao cabo, da natureza. Si confiaron, porén, os artistas: eles iniciaron, daquela, este falar dende a veracidade da existencia. E non é extraño que o fixesen, porque acontece que o artista confía arreo na forza dionisíaca, nos desexos e impulsos. Hai nel unha intuición de curación nesta experiencia. Xa que logo, foron os románticos os que alimentaron a honestidade do ser e deron liberdade á queixa existencial.

Por máis que a decadencia do noso sistema veña ser boa proba de que a represión e a norma imposta non dan bos resultados, seguimos confiando na prohibición e na obrigatoriedade como reguladores sociais, como si fosen prácticas para desenvolver seres dignos e libres. A obsesión pola orde, o control e mecanización están moi presentes na psicoloxía oficial que deliberadamente apartou as perspectivas ocupadas no que aflora na profundidade do ser. A creatividade e o seus produtos non son abordábeis para unha ciencia pretensiosamente determinística aínda que son posibelmente o maior expresión do humano. Os grandes paradigmas oficiais móvense na busca de causalidades eficientes e relacións funcionais entre estímulos e respostas.

Algúns ven no caos a oportunidade do cambio e hai proxectos educativos nesta dirección. O sistema e as súas institucións son moi resistentes ao cambio e polo xeral terminan por facer parte do seu organismo a toda oposición. A arte é un bo exemplo, convertida baixo o seu auspicio nun esperpento propagandístico. Algúns din que as revolucións se fan soas, outros pensan que hai que axudalas. En calquera caso, o cambio partirá das persoas, nunca das estruturas do poder porque, como xa sabemos Deus, creou ao mundo e o Demo institucionalizouno.

Un sistema aberto

  • A lei da creatividade, da renovación colectiva e da autorrealización da teoría do caos afirma que un sistema aberto, non lineal, creativo e caótico, se organiza a si mesmo e mantense de seu. Esta lei tamén vincula a renovación permanente do caos a partir do seu funcionamento. Na actualidade ponse como exemplo desta situación a experiencia de internet xa que aí conflúen as variábeis de sistema aberto, creativo e caótico. Os expertos analizan neste sistema algunhas funcións como a autorregulación e a acción autoestimulante, pero tamén observan no sistema forzas altamente positivas que se combínan e dan orixe á totalidade. Falamos da competencia, da complementariedade, da observación e da cooperación: todas dinámicas propias da actividade humana. Ao ser un sistema social, internet é eminentemente heteroxéneo, o que lle confire unhas condicións de especial apertura e resistencia.Hai moitos sistemas humanos que parecen responder a este funcionamento con absoluta eficiencia, a arte é un bo exemplo.Mais tamén atopamos esta dinámica de autorregulación nalgúns grupos educativos, cando as persoas están en contacto dende a súa propia experiencia educativa. Na vida cotiá, moitos terapeutas atopamos no noso traballo unha maior correspondencia para a análise da conduta humana na analoxía co caos que cun sistema regulado por estímulos e respostas ordenados e predicíbeis. A realidade é que a maioría das veces os grupos conseguen manter o seu funcionamento e autorregularse.

Compartir el artículo

stats