Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Memoria do Holocausto

A obra pictórica de Felix Nussbaum

A sinagoga do campo ("Lagersynagoge"), de 1940.

O vindeiro 27 de xaneiro cúmprense setenta anos da liberación, por parte do exército soviético do maior campo de exterminio nazi: Auschwitz-Birkenau. Este día é sinalado por Nacións Unidas como data de recordo ás vítimas do Holocausto.

Como é ben coñecido, a liberación chegou tarde para millóns de seres humanos. Entre os que non puideron sobrevivir estaba o pintor xudeu alemán Felix Nussbaum (Osnabrück, 1904-Auschwitz, 1944). Creador dunha obra de enorme calidade ligada á figuración xermana da Nova Obxectividade, fora detido en Bruxelas en maio de 1940 e enviado ao campo de Saint-Cyprien, no sur de Francia -onde estiveran moitos republicanos fuxidos da persecución franquista- na súa condición de emigrante alemán. En setembro, cando ía ser repatriado a Alemaña, foxe a Bruxelas, onde levará unha vida clandestina até que en 1944 é arrestado xunto coa súa esposa pola Wehrmacht e ambos son deportados a Auschwitz no derradeiro tren que saíu de Bélxica.

Os meses pasados por Nussbaum en Saint-Cyprien darán pé a un conxunto de obras, realizadas entre 1940 e 1942, que están entre as realizacións pictóricas máis valiosas do Holocausto. Estes cadros foron realizados en Bruxelas, coa memoria do campo e non directamente internado, xa que obras tan acabadas e elaboradas serían imposíbeis nas condicións de internamento á que estivera sometido o artista. O artista, neste fato de obras, defende o valor da consciencia, da liberdade e mais da dignidade humanas.

Reapasamos algúns dos seus cadros máis relevantes, que teñen o campo de internamento como referente. En A sinagoga do campo ["Lagersynagoge"] (1940, Osnabrück, Felix-Nussbaum-Haus) podemos ver un grupo de xudeus de costas nun ambiente desolado. En primeiro plano, e con carácter simbólico, aparecen uns arames, un óso, un bote e unha bota, representando a vida reducida aos seus elementos máis miserábeis.

Estes mesmos elementos simbólicos en primeiro plano reaparecen nun dos seus cadros máis elaborados deste período: Saint-Cyprien (Prisioneiros en Saint-Cyprien) ["St. Cyprien (Gefangene in Saint-Cyprien"] (1942, Osnabrück, Felix-Nussbaum-Haus). Trátase dunha obra que lembra formal e compositivamente as escenas relixiosas -Derradeira Cea- da pintura do quatrocento. O cadro, co aramado ao fondo conforma un espazo que semella unha transposición do hortus conclusus da pintura relixiosa ao mundo do terror, transmutado o espazo da pureza en espazo infernal.

Capítulo á parte merecen os seus autorretratos Autorretrato no campo ["Selbstbildnis im Lager"] (1940, Nova York, Neue Galerie) e Autorretrato no aramado ["Selbstbildnis mit Schlüssel"] (1941, Tel-Aviv, Museum of Art). O primeiro, se callar un dos mellores retratos do século XX, lembra a composición do Retrato de Ariosto de Tiziano (1510, National Gallery, Londres) e o Autorretrato aos 34 anos de Rembrandt (1640, National Gallery, Londres). Na tradición do retrato os elementos que acompañan a figura humana adquirían un valor fundamental na definición social do retratado, Nussbaum recorre á mesma estratexia reproducindo ao fondo o universo carcerario co aramado como límite; á nosa dereita dúas figuras coa palidez da morte lembran a degradación da condición humana, velaí as latrinas do fondo. Á esquerda figuras escuras e desesperadas. Mais o que salienta é a face do artista, de ollada impenetrábel e indómita, que é a ollada da dignidade humana fronte aos que queren converter os perseguidos en figuren. Como lembraba o filósofo Giorgio Agamben, os SS negábanse a denominar "cadáveres" ou "corpos" os asasinados, reducíndoos á condición de figuren, figuras, manequíns. Nussbaum retrátase reafirmándose fronte á morte. A través do seu destino persoal o artista reflicte, como testamento do seu tempo, a sorte idéntica de millóns de seres humanos durante o período nazi.

Entre a memoria e o terror

Compartir el artículo

stats