Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Leviatán de Andrey Zvyagintsev

O difícil oficio de ser ruso

Fotograma de Leviatán (2014).

O rostro de Andrey Zvyagintsev (1964, Novosibirsk, Siberia) reflectía levemente o malestar que lle causaba a cuestión do xornalista: é "a metáfora da sociedade rusa a razón pola que decidiu facer Leviatán ou é o Leviatán o que lle fixo pensar na sociedade rusa?" Sucedía durante a conferencia de prensa ofrecida tras a presentación do seu filme na pasada edición do Festival de Cannes. Comezaba así un turno de preguntas, pouco interesadas polos valores cinematográficos, que terminarían por irritar a todo o equipo alí presente, entre os que cabe sinalar a presenza da actriz Elena Lyadova e a dos actores Vladimir Vdovichenkov, Roman Madyanov e Aleksey Serebryakov.

Kolia, o protagonista de Leviatán, vive felizmente nunha pequena vila perto do Mar de Barents (no norte de Rusia), onde leva un negocio de reparación de autos. Xunto a el están Lilya, a súa xoven esposa, e Roma, o fillo do seu anterior matrimonio. As cousas non parecen irlle mal de todo até o momento en que o alcalde decide expropiarlle as súas terras. A idea de escribir o argumento deste filme xurdiu no ano 2008 en Manhattan, mentres o director se atopaba gravando o capítulo "Apocrypha" para o proxecto New York, I Love You. O suceso real no que se basea (pendurado en YouTube pola cadea de televisión 9NEWS) sobre un soldador chamado Marvin John Heemeyer, veciño de Granby, Colorado, quen o 4 de xuño de 2004 decidiu solucionar dunha maneira brutal unha disputa por terras cunha empresa de cemento, chamaron poderosamente a atención do cineasta. A angustia dese home desesperado, disposto a gañalo todo a custo da súa propia vida, lembráronlle, en palabras do autor, "as reflexións políticas de Thomas Hobbes sobre a relación do home co Estado, un monstro concibido polo ser humano para evitar a ´guerra de todos contra todos´ que deixa absolutamente sen validez a liberdade individual."

O director gallego Diego Pazó. // Clara Honoret

Leviatán quere diseccionar a esencia da loita humana contra as inxustizas do poder. Gravado nos fríos territorios de Teriberka, o seu propósito non é baixo nengún concepto contar unha historia convencional e monótona (das que adoitan facer en Hollywood) sobre os abusos dun goberno concreto. A idea é despertar no espectador a experiencia de estar ante algo novo, singular e irrepetíbel; coa axuda dunha excelente fotografía e da man dunhas personaxes perdidas no difícil oficio de vivir, incapaces de comprender as entreteas do destino.

A este artista, de apelido impronunciábel, cambioulle completamente a vida o día en que foi recoller o León de Ouro do 60º Festival de Venecia. O regreso (2003), culmen da filmografía deste autor, trata do misterio que envolve a un pai que volta á súa casa despois de moitos anos de ausencia. Graduado en Interpretación pola GITIS (a Universidade de Artes Escénicas de máis prestixio en toda Rusia), este actor transformado en director pasou, da noite para a mañá, a liderar o que se ía coñecer como a Nova Onda do cinema ruso: un modo de entender o medio que bebía directamente das fontes da cinematografía do mítico Andrei Tarkovski. Chegarían logo Izgnanie (2007), unha viaxe aos escenarios desolados da condición humana, premio á mellor interpretación masculina no Festival de Cannes; e Elena (2011), premio especial do xurado na sección Un Certain Regard do mesmo certame, que conta o dilema dunha muller obrigada a elixir entre o amor ao seu fillo ou ao seu home.

O Mar de Barets: paisaxe do film de Zvyagintsev.

Evidentemente non estamos ante a mellor obra deste autor, sempre interesante e ás veces xenial. Atrás deixamos esa opera prima que nos fixo axeonllarnos en sinal de adoración. Esperemos que o futuro non o alonxe do poderío daquelas imaxes perturbadoras que, a pesar do paso do tempo, nos seguen a hipnotizar. Queremos sentir de novo a luz desoutro mundo que reverbera nas inhóspitas e brancas estepas da nai de todas as nais: Rusia.

Os pocket movies de Diego Pazó

Compartir el artículo

stats