Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Graduación no CIFP C. Oroza

Vintesete alumnos do instituto pontevedrés reciben os seus diplomas en FP dual e moitos traballarán en Arlea Hotels

Foto de familia dos alumnos cos seus diplomas

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Román Rodríguez, participou na graduación do alumnado da promoción de formación profesional dual do CIFP Carlos Oroza, ubicado en Montecelo, Pontevedra. No acto participaron tamén o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira; o director do centro, Manuel Hermo, entre outras autoridades, así como alumnos e docentes do CIFP.

Un total de 27 alumnas e alumnos recibiron os seus diplomas, tras cursar estudos nos ciclos superiores de Dirección de servizos de restauración, Dirección de cociña e Xestión de aloxamentos turísticos. Dado o éxito destes programas, ofertáronse novas prazas tanto o curso pasado como o actual.

De feito, o grao de competencias adquirido por estes titulados foi destacado pola colaboradora no desenvolvemento dos tres ciclos formativos, Arlea Hotels. A empresa ofreceu traballo a todos os titulados, sendo 21 os que aceptaron esta proposta e pasan a ser traballadores desta empresa.

Durante a súa intervención o conselleiro de Cultura, Educación en funcións salientou que este acto de graduación fai visible os resultados do convenio de colaboración asinado fai dous anos e que permitiu a posta en marcha por primeira vez de tres proxectos de xeito simultáneo (Dirección de servizos de restauración, Dirección de cociña e Xestión de aloxamentos turísticos). "Dous anos despois -abondou- contemplamos os resultados dun esforzo que reforzou o compromiso da administración con este centro de recoñecido prestixio".

Dirixíndose aos alumnos, Román Rodríguez subliñou que xa forman parte "do máis importante patrimonio ao que Galicia pode aspirar: persoas formadas e traballadoras"; e emprazounos a que se sigan formando para poder afrontar os retos de futuro nunha contorna cada vez máis competitiva e globalizada.

Ademais agradeceu o compromiso da empresa ArleaHotels e o doutras empresas coa implantación da FP dual en Galicia, así como a implicación do profesorado para levar adiante este tipo de proxectos formativos.

Referente innovador

O CIFP Carlos Oroza é un centro de referencia no sistema educativo galego e membro da Rede Galega de FP de Hostalaría. O centro destaca, ademais, polos seus proxectos innovadores, que acaban de valerlle - xunto cos IES Montecelo, Frei Martín Sarmiento e o CIFP A Xunqueira, así como con diversas empresas e a UVigo- un dos Premios de Innovación en FP que concede a Consellería polo proxecto ´PonteVan: FP na rúa´, que sigue a estela da tendencia dos ´food trucks´.

O centro foi tamén galardoado nas edicións de 2013, polo deseño e creación dun produto turístico accesible para as persoas sen visión, "Para ti, para min€para todos".

Compartir el artículo

stats