Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xincana sobre Manuel María

O colexio Andersen de A Garrida, Valadares, organiza probas sobre a figura e a obra do protagonista do Día das Letras Galegas

Os alumnos no pabellón do colexio Andersen, listos para a xincana.

O departamento da biblioteca do Colexio Andersen organizou unha xincana ao redor da figura e a obra de Manuel María, con motivo da celebración do Día das Letras Galegas. Os alumnos de Secundaria agrupáronse en equipos de catro, un por cada curso, ao longo da semana. Os corredores fóronse enchendo con carteis alusivos ao gran escritor chairego e con exemplares dos seus poemarios, da súa narrativa e do seu teatro.

Déronse as instrucións no pavillón e acto seguido comezou o evento. Os participantes tiveron que superar probas variadas que abranguían dende atopar respostas, ilustrar a prosa do autor homenaxeado ata cantar algún dos seus poemas. Todo sen pausa porque cada tres minutos soaba unha campá que obrigaba a cada equipo a avanzar cara o seguinte reto.

Nunha atmosfera lúdica os rapaces coñeceron algúns poemas de Manuel María transformados en canción popular, na voz de Suso Baamonde, ou na versión moderna do poema "O alleado" de Fran Amil e a tribo incomprensíbel. Descubriron os requisitos que teñen que cumprir os autores e autoras para ser obxecto de homenaxe o Día das Letras Galegas ou que Manuel María foi o primeiro escritor en publicar en galego na Galicia da posguerra e un activista político cun compromiso inquebrantable coa nosa lingua.

Como xa é habitual, todo o colexio festexou a Festa dos Maios e das Letras Galegas. A modo preparativo, os alumnos e alumnas participaron, durante toda a semana, na construción de "Maios, micromaios e ata matemaios"; nos que se empregaron diversos materiais decorativos de orixe animal e vexetal, coma cáscara de ovo, flores, fentos, follas e diversas herbas recollidas polos arredores do colexio. Tamén materiais de refugallo coa idea de fomentar a reutilización dos mesmos.

A festa comezou coa montaxe e decoración dos escenarios e a preparación do equipo de son para así poder comezar a decoración floral do pavillón. Para dar comezo á festividade coa entoación conxunta da cantiga dos Maios e o Himno Galego. Logo, continuou o acto coa entrega de premios aos mellores poemas de cada curso sobre os Xogos Florais e ao grupo gañador da xincana , para finalizar co baile das cintas co que se pechou a festa.

Compartir el artículo

stats