Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luís Axeitos: "Manuel Antonio convertiuse nun dos grandes poetas europeos do século XX"

"'De catro a catro' instálase nun horizonte insólito", defende

Xosé Luís Axeitos presentou a biografía onte en Andel, Vigo. // J. Lores

Conversaba de neno cos libros en soidade e en De catro a catro rachou -sempre rebelde- en 19 poemas insólitos coa marea mansa decimonónica. Era Manuel Antonio (1900-1930), pescudador de horizontes que compartiu en verso os espazos conquistados en 200 días de travesía como "piloto" nun pailebote. A súa última biografía asínaa o académico da RAG Xosé Luís Axeitos, publicada por Xerais. Rianxeiro coma el, defende que "o gran xigante da poesía na primeira metade do século XX é Manuel Antonio; e na segunda, Ferrín". Onte presentou o libro en Vigo onde Manuel Antonio se formou na náutica e nos foros literarios e políticos.

-Vostede coñeceu a obra de Manuel Antonio nunha copia mecanografada de De catro a catro nos anos 60 "nun encontro fuxidío" da estrada de Rianxo a Asados. Consérvaa?

-Por suposto que si. Consérvoa xunto coa primeira edición orixinal do ano 1928 que conseguín despois. Gárdoo como un fetiche e reliquia.

- Escribe no libro que lían ás agochadas os poemas.

-No Rianxo do ano 1958 a 1965, como en toda Galicia, non era doado facer lecturas en galego e cando se facía había ese sentimento de perigo, dalgo rexeitado polo poder, especialmente en Rianxo polo que pasou con Castelao, polos asasinatos que houbo, xustamente entre os compañeiros de Manuel Antonio. Ese sentimento de persecución vencellado ó galeguismo mantívose moitos anos.

- De non ter sucumbido á tuberculose, sería un dos represalidados?

-Segurísimo. Como non ía ser represaliado un rapaz que queimou a bandeira española nunha vila pequena? As súas ideas avanzadas en materia social e de xustiza eran ben coñecidas. Loxicamente, mal futuro lle agardaba pola súa militancia política co independentismo. Ademais, dende adolescente, abdicara das crenzas relixiosas aprendidas na familia e entorno social.

- Nin sequera a súa familia de nai devota e de sacerdotes o salvarían?

-Son futuribles pero moita xente de familia conservadora como Camilo Díaz Baliño (pai de Isaac Díaz Pardo) foi paseada.

- Inda que aparentaba ser unha persoa íntegra, estrana que pedira recomendacións para aprobar.

-Pode resultar estrano pero chegou un momento no que el tiña urxencia por buscar un medio de vida. Inda que se sabía enfermo, tiña a esperanza de deixar depender da súa familia. El estaba moi involucrado na política, literatura, creación. Non era un estudante brillante. Para el, o estudo era un trámite administrativo para conseguir unha supervivencia. El non quería ser rico senón un gran poeta ó servizo do país.Por iso chamaba a Enrique Peinador, Quintanilla ou Castelao (para que intercederan por el ante algún profesor). Ademais, nunha ocasión, o bedel da escola non o matricula e quédaselle cos cartos. Só llo dixo á nai cando estaba el a piques de morrer. Ata ese momento, el dixéralle a ela que suspendera, cando a realidade é que non se puidera presentar ós exames.

- A priori, pensamos que a Xeración Nós pasaba por moderna pero o libro demostra o contrario.

-Estes mozos non comungaban cos aspectos do ruralismo, con esa concepción do pobo nun papel pasivo. Manuel Antonio e os seus querían un pobo protagonista, que se asociara, que se sindicara, que fora crítico. O que vai ser a Xeración Nós estaba ancorado nun pasado retrógrado. A proba é que el non colabora con eles cando se decata desa posición. Ese enfrontamento entre novos e vellos como se chamaban eles é importantísimo. El, con De catro a catro, instálase nun horizonte novidoso e insólito na nosa cultura e convírtese nun dos grandes poetas europeos do século XX.

- Tamén relata como Sabadell, Borobó, Rodríguez Buján e Antonio Roxelio Pérez González (curmán do poeta) forman o "comande rescate" para recuperar da casa familiar no 1956 a obra de Manuel Antonio e dála a coñecer. Finalmente, o rescate quedou en secuestro "no silencio da biblioteca de García Sabell".

-Nesa situación, quizais teña que ver a crítica de Manuel Antonio á cultura canónica. A súa actitude revolucionaria ten que ver ese postergamento. Eles acceden a ese material e danse conta que a prosa, escritos e cartas do rianxeiro pon en cuestión moitos valores que eles estaban a defender. Iso lévaos a postergar, a calar. Non podemos esquecer que García Sabell era un dos grandes santóns do momento, da cultura oficial do país. Manuel Antonio descubría un mundo no que eles non querían afondar.

Compartir el artículo

stats